culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

O lugar das suxestións

Do mesmo xeito e coa mesma ilusión que asistimos á feira de Arco, paseamos a pasada fin de semana pola feira de Art Basel, na súa 35 edición. Un pretexto para achegarse ás novas propostas da arte actual, coñecer novos nomes e deixarse levar pola obra de grandes artistas e, sobre todo, pola maquinaria da que está considerada a mellor feira de arte do mundo.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Basilea é unha desas cidades onde sabes que todo resulta adecuado. Localizada no extremo occidental de Suíza, xusto nun vértice que, a modo de istmo, penetra na xeografía francesa e alemá; atravesada polo Rhin, cada unha das súas rúas levan inscrito un pouco da súa historia de fronteira, porque a súa estratéxica situación xeopolítica convertérona nunha urbe economicamente moi importante, sendo unha das grandes cidades centroeuropeas. Cando se chega á estación central, entramos nunha localidade tranquila, de edificios brancos e tranvías verdes. Como comentou máis dun visitante, parece unha cidade perfecta, limpa e ordenada; e nunca defrauda. O pretexto destas liñas e desta viaxe a pasada fin de semana reside na celebración anual da feira de arte de Basilea, Art Basel’35, que vén de pechar as súas portas onte cun novo éxito de vendas e participación, pero isto xa a ninguén lle resulta unha novidade.

A mediados do mes de xuño ten lugar a que, para moitos, é a mellor feira de arte contemporánea do mundo. Non é a que máis visitantes recibe, nin a que esperta máis expectativas mediáticas, pero si é a que máis volume de vendas e intercambios, debates e inquedanzas achega ao mercado da arte e, quizais o máis sobresaínte, a que máis prestixio ten entre os grandes coleccionistas públicos e privados, reunindo ás mellores galerías do ámbito internacional. Só por citar un dato, de España asisten seis galerías, incluso das grandes potencias culturais como Gran Bretaña ou Francia asisten poucas máis. A estrita selección de galerías, unhas das súas forzas de calidade e recoñecemento, é o grao de prestixio que converte a cada edición nunha paisaxe concentrada non tanto dos movementos creativos actuais, senón dos mecanismos e exemplos de visionalidade da arte actual. Preséntanse os grandes artistas do momento, os que podemos ver en museos, galerías e centros de medio mundo. Todas as obras son, gusten máis ou menos, dunha grande calidade.

Itinerario actual
O tranvía 2 que colliamos na praza da estación lévanos directamente á MessePlatz, despois de percorrer toda a ladeira da cidade e atravesar un impoñente Rhin alumeado por igrexas de tellados dourados. Cando queda menos dunha hora para que abran as portas da feira xa estaba a xente, pouca, a sacar fotos dunha escultura de Elmgrren & Dragset. A súa máxica atracción simplemente está na composición dun coche e a súa caravana, os dous encaixados no chan como caídos nun burato terrestre, estraño. Esta era a obra que actuaba de benvida ós que se achegan a Art Basel’35, nunha praza que semella un largo portugués, en progresión lonxitudinal onde se dan cita moitas das forzas desta convocatoria anual, que recibe ós compradores e ao público máis especializado da arte internacional. Na praza, seguindo o itinerario marcado polas esculturas enmarcadas na iniciativa “Project Public”, sorprenden unha serie de pezas, que máis que esculturas de carácter público son propostas de expansión pública: a proposta de urbanización de Chris Burden, o baño público de Monica Bonvicini, onde o aspecto íntimo queda aparentemente ao descuberto fronte ao ollo colectivo, a enorme anti-escultura pública de Paul McCarthy, as bandeirolas de Matt Mullincan e, xusto na porta de entrada ao recinto de Art Basel, unha marabillosa peza de Dan Graham na que poder perderse en reflexos de cristal e texturas de madeira.

A visita ao interior dos dous pavillóns da feira, perfectamente imbricados no tecido urbano (a diferenza de Arco, na periferia da cidade), podemos facela entrando pola nave que ocupan a sección Art Unlimited ou directamente ao espazo ou edificio das galerías. Art Unlimited é un dos apartados de maior prestixio do certame, onde se presentan obras de artistas dalgunha das galerías da feira. Son, para entendernos, as palabras maiores da feira, os grandes proxectos e obras aloxados nunha nave enorme de 15 metros de altura. Nun itinerario lixeiro e con tramos de amplitude podemos ver máis de trinta obras en variados formatos e soportes, quedando no máis alto do ranking as propostas audiovisuais: Ann-Sofie Siden, Candice Breitz, Rodney Graham ou Michel François; sobresae a magnífica videocreación de Miguel Ángel Ríos. Pero os exemplos doutras direccións foron tamén dun alto nivel, como a prancha de metal de Richard Serra, as pompas de Teresa Margolles, o soño de Nedko Solakov ou o cine “Boy meets girl” de Job Koelewijn. Segue a emocionar a magnífica pintura de Sue Williams e a relectura do posminimalismo de Angela Bulloch (das mellores pezas da mostra, sendo unha artista xa moi coñecida). Se comezabamos cunha caravana no exterior, o seu concepto de casa ou aloxamento replícase en moitas das obras do interior, unha das preocupacións do actual: a casa habitada de Marta Desknr, a casa imaxinada de Shintaro Miyake ou a casa monstro de Atelier von Lieshout.

Miscelánea selecta
Unha escaleira automática lévanos ao segundo espazo da feira, onde xa son as galerías as únicas protagonistas. A distribución, como calquera outra feira, vese dominada polas paredes brancas que delimitan cada stand e, curiosamente, por uns magníficos sofás e mesiñas de centro, os lugares de operación mercantil, perfectamente organizados. Esta nova nave está dividida en dous andares, localizándose na parte inferior as galerías con propostas máis modernas, orientadas á vangarda, e na parte superior aqueloutras que ofertan a arte máis nova e inmediata do presente, a planta onde todas as galerías queren estar e onde non hai máis de setenta, nunha selección entre as máis representativas do panorama internacional, principalmente europeas e norteamericanas, pero con presenzas orientais e iberoamericanas moi sobresaíntes. Na planta baixa podemos atopar obra de primeirísima calidade de Picasso, Calder, Dan Graham, William Kentridge, Barbara Kruger, Jean Marc Bustamente, Tony Cragg, Sean Scully ou Bankelhol, entre moitos outros. Todo ao servizo dos compradores, personalizado, como nos grandes centros comerciais. Pola contra, a segunda planta, aínda conservando tamén algún destes artistas, deslumbra pola presenza de moitos dos nomes da arte actual que sobresaen nas xeografías internacionais; citar algún nome implica deixar moitos outros fóra: Eija-Liisa Athila, Gregory Crewdson, Francis Alys, Isaac Julien, Brice Marden, Daniel Roth, Balthasar Burkhard, Txomin Badiola, Imi Knoebel, Rafael Lozano-Hemmer ou Julian Opie.

Por suposto, queda tempo para dixerir o atracón de máis de 1.500 artistas; seguramente moitos deles verémolos en mostras de museos ou centros da xeografía europea ou nas bienais e certames que neste verán invaden as cidades europeas. Casualmente, cando volvemos, o KuntsMuseum de Basilea fai un percorrido pola obra de Piotr Uklanski, un dos artistas máis imaxinativos e que tiña na feira un dos mellores traballos do momento. Se quedamos con forzas, na mesma cidade, podemos visitar o certame Lista’04, que coincide en datas coa feira e reúne as propostas máis novas da arte actual nun espazo industrial pouco rehabilitado.

Quizais ao observalo todo, teñamos un pouco máis claro, ou manexemos máis claves, de por onde vai o mundo da arte actual ou, mellor, por onde flúe o mercado da arte. Todo é cuestión de mercado, pero así de suxestivas son as cousas.

X.M. Lens [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org