A memoria de cando non existimos
Por qué durmimos? A qué se debe esa necesidade tan inevitábel que nos envolve todos os días? Por qué é necesario ficar inconscientes, a expensas de amigos e inimigos? Algo tan crucial, e potencialmente perigoso, debe ter unha función importante para a vida, senón xa tería desaparecido co devecer evolutivo. Hai moitas teorías que tentan explicar a función do sono, mais so unha delas está sendo claramente confirmada polos experimentos: durmir é necesario para aprender, para fixar na memoria os sabores novos de cada día.
Todos os días – ou case todos-, durante unhas 8 horas, o teu estado consciente se desvanece e “desapareces” do mundo. Durante ese tempo a maioría dos teus músculos están literalmente paralizados, perdes a capacidade de regular a temperatura do corpo e diminúe, case até bloquearse, a función dos teus sentidos – te volves cego e xordo, perdes o tacto, etc. Algo importante ten que pasar para tanto sacrificio: o cerebro, e o resto do sistema nervioso, non están “durmindo”, senón que funcionan a toda máquina, a misión é aproveitar ese tempo para reorganizar o acontecido polo día, pór cada cousa no seu sitio e, desa maneira, ao día seguinte, espertar exquisitamente preparado para seguir aprendendo e saboreando a vida. Os días que isto non ocorre, cando nos privamos desas horas de sono, o aprendizaxe é moito menos eficaz e o corpo, mediante silenciosos berros, nos avisa de que o sistema precisa reorganizarse: estamos esgotados.
A teoría do cansazo físico
Durante moito tempo se creu que o sono era un estado pasivo, un colapso enerxético do organismo ao que se chegaba despois dun día de actividade; algo que resulta lóxico e que todos pensamos/sentimos de maneira intuitiva. Esta teoría “enerxética” do sono indica que é preciso bloquear a actividade física para que se produza unha recuperación dos cansados órganos e tecidos. Aínda que esta idea non está totalmente descartada, tampouco parece que funcionemos con baterías recargábeis e non hai experimentos que a demostren de maneira convincente; así mesmo hai animais que nos ensinan que non é preciso durmir para recuperar forzas: os golfiños, por exemplo, nunca paran, senón que alternan os dous hemisferios cerebrais para durmir, de tal xeito que sempre teñen un en estado de vixilia.
Non é físico, é mental
O que si que está demostrado é que o sono mellora a memoria e o aprendizaxe. Un dos experimentos clave para asentar definitivamente esta teoría se publicou este mes na revista Nature: científicos de dúas universidades norteamericanas demostraron que as rexións do cerebro que se “adestran” durante o día son tamén as que máis se activan durante o sono, e que esa activación ten como consecuencia unha mellora específica das tarefas aprendidas. Qué é o que ocorre durante o sono? De qué actividade estamos a falar?
Cando estamos durmindo o cerebro ten unha actividade eléctrica exuberante, tan intensa como no día, mais totalmente distinta. Durante o sono profundo as neuronas sincronizan a súa actividade e producen unhas descargas eléctricas rítmicas, de entre 0,1 a 4 ciclos por segundo: son as chamadas ondas-lentas do sono (que, por certo, se interrompen de cando en vez, durante o chamado sono REM, momento que aproveitamos para ter ensoñacións e trepar por un pemento de Herbón xigante). Esas ondas-lentas son máis intensas nas rexións do cerebro que veñen de ser activadas polo día, e parece ser que esa activación da lugar á memoria (a través dun reforzamento das sinapses, no que participan os prións do artigo anterior). No experimento recen publicado os investigadores estudaron o electroencefalograma (EEG) de voluntarios que viñan de facer unha tarefa moi específica no ordenador (un xogo que aprendían por primeira vez), e advertiron que durante o sono as ondas-lentas da zona cerebral activada polo xogo eran un 25 % maiores. Ademais, o feito de durmir facía que mellorasen a súa habilidade nun 11 %.
Reivindicando a sesta
O corpo precisa do sono para que o cerebro se reorganice, mais, vale calquera tipo de sono? En calquera momento? Non vale calquera tipo, senón que ten que ser un sono profundo (e dicer, con ondas-lentas). Mais parece que o momento non é tan crítico, xa que outro descubrimento recente (este publicado en Nature Neuroscience) demostrou que as sestas, eses períodos breves de sono que se toman ao longo do día son…unha marabilla: melloran a alerta, a produtividade e o estado de ánimo e, o que é máis importante, poden producir unha recuperación espectacular na capacidade de aprendizaxe para o resto do día. O principal requisito é que sexa unha sesta con sono profundo. Outra conclusión deste traballo é que a sensación psicolóxica de “estar queimado” que se produce despois dun esforzo mental prolongado (caracterizada por aumento de irritación e frustración, xunto con diminución da eficacia) pode non ser consecuencia dunha fatiga físico-mental, senón simplemente que o corpo está suplicando por unha reorganización das rexións do cerebro máis utilizadas: vai sendo hora de deixarse mecer por Morfeo.
Que durmades ben.
Ligazóns:
O sono reforza a memoria:
http://www.nature.com/nsu/040531/040531-9.html
http://sciencenow.sciencemag.org/cgi/content/full/2004/607/2
Resumo do artigo orixinal.
A sesta tamén axuda.