Escadas na fotografía
O certame de fotografía Purificación García 2004 sobresae, pese á súa xuventude, como un dos máis interesantes do panorama peninsular; até finais de xullo podemos ver a súa última edición na Fundación Luis Seoane da Coruña.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
O itinerario suxerido a pasada semana polas rúas da cidade herculina, vese agora de novo referenciado pola presenza da mostra do certame Purificación García de fotografía. Saltamos das surrealistas e narrativas olladas de Arroyo polas lecturas sobre a obra de Max Ernst, arroupada polos seus amigos surrealistas; a análise histórica que propón a Fundación Barrié. Finalizamos a escala, nun litoral preto do Castelo de San Antón, cando os Cantóns perden corpo floral, na Fundación Luis Seoane, nese exemplo de descentralización cultural que aínda non remata de collerlle o fío. Un dos mecanismos de expansión pode vir da man do popular, ou polo menos do nome popular, quizais a primeira das versións que pode amosar o Concurso de fotografía Purificación García 2004 pero que, no seu paseo, se reinterpreta como un dos mellores certames que podemos ver na península e só cun par de edicións. Despois do seu paso polo Círculo de Belas Artes de Madrid recala en terras galegas, quizais nunha débeda territorial. Si supón unha coincidencia que o primeiro premio da pasada edición recaera en Rubén Ramos Balsa, que curiosamente inaugura no mes de xullo unha mostra na galería Fúcares de Madrid. O certame defínese pola necesidade de atrapar as facianas da fotografía no presente, plenamente respaldada por un xurado de recoñecido prestixio, onde sobresae a presenza de Chema Mádoz, fotógrafo que, desde hai tempo, se encarga da imaxe publicitaria de Purificación García. As súas mínimas narracións, surrealistas e irreais, en direccións de mercadotecnia moi efectivas.
Facianas triples
Pero pouco desa relación coa fotografía de dirección publicitaria, de respaldar unha determinada imaxe corporativa, sorprende neste certame; aínda que si seguimos a atopar certos vestixios moi suxestivos. En cada un dos premiados nesta edición, José Luis Santalla, Miguel Ángel Gaüeca e Pierre Gonnord (de primeiro a terceiro galardoado) resulta curiosa a coincidencia coas temáticas que neste momento etiquetan a imaxe creativa actual; nisto o xurado resultou moi pedagóxico, matiz que se agradece. No fondo, trátase de ilustrar as vertentes da fotografía actual. Recoñecer o ámbito da identidade, o retrato-retrato, a dozura dunha mirada e o brillo dunha cabaleira negra. Mesmo a necesidade de ofrecerse dun xeito interdisciplinar, aquí localizamos a lectura paralela ao deseño e á moda. Finalmente queda a eterna readaptación á ollada do lugar. Todos son obxectivos que a fotografía actual desvela sen medo, en capas de novas narracións e proxectos nada fugaces.
Será o retrato xunto coa ollada pública, de compromiso ou non cun determinado lugar a que prende entre as narracións deste paseo. Unha fábrica, Madrid, Tijuana ou un sitio calquera dunha curva nunha estrada calquera. O espazo, espello referencial e temático da fotografía. Do mesmo xeito que as imaxes fugaces que podemos ver na galería Sargadelos de Santiago de Manuel Vázquez, preséntanse agora nunha visión deconstruída dos teitos de Madrid; do mesmo xeito que María Regueiro concentrada nunha cidade difusa ou Belén Uriel que instala pintura seriagrafiada para lograr retratar a súa decadencia nun espazo industrial, esquecido. Son testemuñas do posicionamento do fotógrafo nun espazo e nun tempo, nisto tamén son útiles os certames de promoción.
X.M. Lens [correo]