Corporeizar o desexo
Dous polos dunha lectura diferente pero tanxencial. As vangardas españolas de comezos de século e a lectura do corpo desde as novas tecnoloxías; o Kiosko Alfonso e o Centro On de Caixa Galicia ofertan as lecturas da creación no lugar do corpo e no lugar da arte.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Agardando a chegada da embaixada fotográfica de Purificación García na Fundación Luís Seoane, incluso a reciprocidade de Max Ernst cos seus amigos na Fundación Barrié, recalamos na interesante mostra do Kiosko Alfonso e nas novas propostas que o proxecto “Imaxinarte” desenvolve no Centro On de Caixa Galicia. Todo nunha cidade que xa se prepara para a nova Mostra Unión Fenosa, despois do parón dun ano, neste caso non na Estación Marítima (aínda en construcción a cargo de César Portela) senón nas novas salas do MACUF.
O lugar da arte
Un paseo polo corpo e pola arte; deixarse levar por unha época. A mostra “Vangardas 1925-1939” prosegue a liña marcada pola iniciativa “Arte para un século” desenvolvida por Caixanova en colaboración co Museo Reina Sofía; casualmente nestes días vén de inaugurarse a terceira escala deste proxecto en Vigo, “Abstraccións-Figuracións. 1940-1975”. O que se pretende é, basicamente, afirmar un percorrido panorámico pola arte española até o final da guerra civil. Cada unha das obras seleccionadas reflicten o espírito desa época, os seus gozos e sombras, o sangue dunha guerra e a dor da perda. Grandes épocas para grandes figuras, grandes lecturas da arte cos pés enterrados. Picasso pinta tres caveiras de boi, ensanguentadas e cos ollos abertos, vidrosos ou chorando; cando so queda carne (1937), lembramos a nosa existencia nunha das mellores metáforas do que sería a Segunda Guerra Mundial, pouco antes de pintar o Guernika. O paso desde a vangarda até a desolación, desde a utopía duns istmos que non se debilitaban ou esmorecían cando o pincel se atopa coa realidade. Cando a vangarda se leva nos ollos, non nunha moda nin postura; quizais por iso comprendemos mellor a Óscar Domínguez que a Dalí.
Corpo identidade
A figura, campo de experimentación desde a plástica, foi reconvertida nun compoñente máis na trituradora das vangardas; por iso mesmo entendemos tan ben o proceso de desmaterialización e descorporeización da figura no século XX. Os debuxos no espazo de Julio González ou a crueza de Buñuel no Perro Andaluz (forma e literatura), saltando por Anthony Caro (desmaterialización) ou as rupturas visuais de Nain June Paik ou Chris Cunningham. Un paseo, cambiante, do surrealismo ao videoclip. Entendemos o cambio cando atravesamos os Cantóns Maiores, preto da obra en construción de Nicolas Grimshaw, e transitamos polas propostas audiovisuais que oferta o Centro On de Caixa Galicia, da man da iniciativa “Imaxinarte”, que nesta ocasión narra e percorre o mundo ou o lugar do corpo.
Desde hai pouco máis dun ano este centro vén funcionando nunha liña de achegamento á sociedade para ensinar a utilidade das novas tecnoloxías aplicadas á xestión e tratamento de datos e, quizais o que máis nos interesa, na visibilidade das novas tendencias ou propostas da arte en formatos diferentes; principalmente aqueles dirixidos aos medios da videocreación. Artistas emerxentes como Salvador Cidrás, Vicente Blanco, Fernándo Sánchez Castillo (un dos máis críticos da arte actual), María García Ibáñez e Iván Gómez-España del Val ensinaron os seus traballos sobre un determinado tema, nun corredor metalizado ou nunha sala de proxección. O pretexto que naceu na silueta de ferro, debuxándose no aire, de Julio González ou mesmo a máquina destrutiva de Óscar Domínguez conclúe nunha relectura do corpo no presente. “O lugar do corpo”, comisariado por Manuel Olveira, presenta as obras “Golden Waves” de Nuria Marqués, “Imagine” de Julia Montilla, “Home” de Sergio Prego e “Imagine” de Luis Bezeta. Pretextos e retratos do corpo: a identidade, os efectos dixitais, o corpo-máquina e os territorios do entramado cultural.
O éxito desta iniciativa está no propio intento de equiparar varias direccións, e facer cómplice a lectura tecnolóxica ante o público; tamén está na idea de experimento e no diálogo coa arte. A mellor metáfora funciona na “apertura” dunha nova rúa que enlaza os Cantóns con Durán Loriga, para enlazar co café Miño, co CGAI ou camiño de Riazor; para amosar os interiores dunha cidade.
Todas estas propostas compréndense mellor coñecendo o galardoado co Premio Velázquez deste ano, Pablo Palazuelo, que consegue que sigamos a ver o corpo ou a forte silueta dunha persoa, nun plano de ferro galvanizado.
X.M. Lens [correo]