As infancias da fotografía
Remontarnos aos xa afastados anos 60, 70 e 80 para percorrer os moitos e variados ámbitos da fotografía mentres loitaba por un lugar, experimental ou documental, na arte contemporánea. Un lugar crítico, identificativo, presente. A mostra “The last picture show”, que vén de inaugurarse no MARCO de Vigo, retrata esa época, nunha das exposicións máis importantes da tempada a nivel nacional.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
A arte nos lindes das disciplinas. Poucas mostras resultan tan suxestivas como aquelas que se desvirtúan na propia presentación, que queren xogar coa caída de límites ou coa readaptación de outros contidos. Sucede coas novas lecturas do deseño ou mesmo da arquitectura, sucede cando os museos se dan conta da forza doutras disciplinas de posicións tanxenciais ou, como sucede no pretexto deste artigo, na relectura intelixente do pasado, achegando as causas de moitos dos positivos “descontroles” actuais. De todo isto, da mestizaxe de varias disciplinas, pretende ir a presente mostra “The last picture show: artistas que usan a fotografía. Tendencias conceptuais de 1960 a 1982”; un longo título que alcanza a mesma extensión que a importancia da mostra, unha das mellores que podemos ver neste momento, nunha selección de 55 artistas entre os máis significativos deses anos, e dos que, aínda hoxe, seguen a funcionar como referentes das novas xeracións; sucede con Vito Acconci, Joseph Beuys, John Baldessari, Gordon Matta-Clark ou Hans Haacke.
O punto de comezo da mostra localízase na rotonda central do museo; debaixo da lámpada-colaxe de Isaac Díaz Pardo atopamos unha das imaxes máis enigmática e literaturizadas da fotografía contemporánea: o famoso salto de Yves Klein. Un home que se precipita desde o alto dun muro sobre a beirarúa. Un documento dunha performance ou unha recreación, unha montaxe ou sinxelamente un xogo. Esta peza, reproducida nun xornal e presentada nunha vitrina, actúa de perfecto eixo de enlace con todas e cada unha das obras presentadas, na súa sorte de non-máscara e pretexto de innovacións estéticas para o futuro.
Fotografía-ferramenta
A mostra, unha produción do Walter Art Center de Minneapolis, fala da aventura da fotografía no seu esforzo por presentarse, desde a década dos sesenta, nunha primeira división disciplinar e institucional, museística. Neste proceso de recoñecemento sinalamos a presenza daqueles artistas que empregan a fotografía como exercicio de rexistro documental, como un desafío, sendo en moitos casos pintores, escultores ou performers. Resultaba útil, aí estivo o seu éxito e sorte de trampa positiva. Deste xeito, a mostra quere achegarse a todos eses autores que desde os 60 presentaron unha tendencia conceptual na fotografía; un progreso evolutivo que aínda non se pechou na actualidade, polo que esta exposición adquire a posición de emblema dun comezo e, así mesmo, dunha traxectoria colectiva e xeracional. Marca un momento pleno de actividade e cambios, non só artísticos.
Cando a fotografía conta un relato
Os temas, os contidos, serán o segundo dos apartados, quizais o máis doce para os visitantes e o verdadeiro pretexto fotográfico de moitos dos artistas seleccionados. Se Edward Ruscha ou Bruce Nauman arrincan a historia desta “vertente” da fotografía como análise das performances, será a finais dos anos 70 cando Richard Prince ou a identidade feminina de Cindy Sherman empreguen unha linguaxe máis reflexiva, menos inmediata-documental, que se reforzará na súa autonomía disciplinar nos anos oitenta.
Referentes posmodernos que comezaban a preñarse na creación e que pronto explosionan na arte internacional. Posturas e reafirmación social: a identidade, que comeza no travestismo de Marcel Duchamp, vestido como o seu alter ego Rose Sélavy, anos despois co gran mestre Andy Warhol vestido de muller ou co corpo-medición de Ana Mendieta. A posmoderna reciclaxe: a apropiación de Sherrie Levine. A nova revisión do construtivo: a arquitectura dinamitada de Gordon Matta-Clark, percorrida de Dan Graham ou a memoria de Bernd & Hilla Becher. O valor da paisaxe natural reconstruído de Robert Smithson ou Richard Long, temporizado en Jan Dibbets ou vivido no silenzo da gran fotografía de Giovanni Anselmo. Tamén queda un tempo para os vestixios minimalistas de Sol LeWitt ou Mel Bochner. O almacén de memoria con Boltansky ou o absurdo e irónico das obras de Bas Jan Ader, William Wegman ou Peter Fischli & David Weiss. Finalmente as caixas de luz de Jeff Wall emparentan directamente co mundo da publicidade e dos mass media; cando a fotografía se fai recoñecible, xa nos nosos días.
Sorprende o grao de complicidade de moitas destas propostas coa arte actual, incluso descubrimos novas relacións que relativizan o éxito de moitas das creacións que hoxe vemos en galerías e centros. Por iso rematamos agradecendo o acerto do MARCO coa presentación desta mostra, na súa insistencia en produtos de dirección colectiva. Unha tese que se reforza nos demais proxectos preparados para este ano e que segue a liña coherente doutras institucións, como a Fundación Joan Miró ou Fundación Tàpies de Barcelona, de reler o pasado e poñerlle acentos ás raíces creativas de moito do actual.
X.M. Lens [correo]