Mitos cotiáns
Exemplos do retrato do outro, da sociedade desde e ante un conflito bélico; exemplos ilustrados da veracidade informativa, de poñer as palabras nunha situación de crítica. Serán os logros dunha serie de mostras que, nestes días coinciden en Barcelona; exemplos que todos podemos aplicar ao noso latexo cotiá.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Visitar Barcelona. Saltar nun mar de xente e recoller os sons máis actuais dos festivais Zepelin ou Bikini. Quizais unha das únicas vontades que formula o Forum, a ollada do outro, reside como pauta de seguimento dunha serie de mostras que, sen ben resultan interesantes de xeito individual, no itinerario acadan unha paisaxe do visual moi enriquecedora e crítica. Quedámonos no Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona (CCCB), detrás do MACBA, e no Caixa Forum, en fronte ao pavillón de Míes; o primeiro recollía dúas desas mostras que, por elas soas, merecen a pena unha visita a Barna: “O salvaxe europeo” e “En Guerra”; o segundo fala das “Ficcións documentais”. Tres exemplos de montaxe e xeitos diferentes de formular unha programación.
O lado salvaxe
Patio de cristaleiras de ceo apertados de decoracións murais; o patio de acceso do CCCB sempre ten a lembranza da situación tranquila, máis despois da invasión (por sorte) dos skatters na praza dels Angels, diante do MACBA. Antes de subir unha interminable escaleira automática, o certame Zepelin (7º Festival de Arte Sonoro, que leva por epígrafe, “O son do outro, a razón do outro”, quere ser un prólogo intelixente da mostra “O salvaxe europeo”, un pretexto que enriquece o percorrido por unha experiencia do social, do paralelo, desde o artístico. Se nace desde un exemplo de ilustrar unha tese, as múltiples facianas do outro europeo (nun concepto posmoderno), serve para recoñecernos nos espellos da “sen razón”, como titularía Goya. A deformidade, o monstro, o salvaxe domado, incluso cómico; recollido polas garras do retrato moderno ou contemporáneo. Tamén o salvaxe non domado, recollido pola literatura, o cine realista e a fotografía de diseccións. Pensamos nun Aníbal Lecter, Tarzán, Drácula ou Doctor Jeckill e Mister Hyde; o home lobo ou Spiderman. O mestre aragonés ofrece a ollada do canibalismo, Juan Carreño de Miranda a deformidade da infancia ou Cindy Sherman da santidade híbrida. Sobrevén, quizais como cura de humanidade, o pretexto da ollada bondadosa, e quedamos cunha lectura limpa e querida. Así somos os europeos.
A guerra no cotiá
A seguinte experiencia, máis no contorno do compromiso social (na liña programática do CCCB), chámase “En Guerra”. Como indica o seu nome, exalta o percorrido, crece evocando desde a ferida social sen sangrar, pero aínda sen cicatrizar. Firmes, perigo, acción. A mostra fálanos da vida en guerra, dos conflitos desde primeira liña e dos conflitos desde a retagarda; todas as posibles lecturas dunha determinada situación bélica. O éxito da mostra reside na propia distribución nun itinerario que quere actuar de espello no que presentar a propia condición humana; os números de mortos en liñas de textos en vermello e unha gota de auga que cae incesante nun caldeiro de zinc; a interminable morte. Unha montaxe que involucra ao espectador e sirve en bandexa a traxedia, a emoción da sen razón. Pero, quizais o máis sobresaínte, é que a mostra ensina as raíces, as causas, da guerra; ver como a súa existencia salpica todos o ámbitos da vida, da nosa vida.
Pechamos o percorrido pola óptica do outro en dous polos opostos da cidade: no centro Caixa Forum, non para recoller as fantasías doces de Dalí, senón para a ollada da veracidade das “Ficcións Documentais”, e no territorio do Forum, na selección de obras de ARCO. O proxecto de Caixa Forum analiza as relacións entre a arte e a vertente documental, a veracidade informativa. Pola contra, quizais o mellor da selección, a mostra do Forum ofrece un magnífico exemplo de retrato da cultura e da sociedade nas marxes, Hanna Collins demostra a beleza do rexistro no barrio de La Mina, unha periferia xitana nas aforas de Barcelona. Mostras ou obras como as presentes son paradigmas de cambios de mirada, de cambiar polo menos a óptica.
X.M. Lens [correo]