culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

A fábula da cigarra matemática

Hai varias especies de cigarras, eses insectos de canto estridente, que só poden ser vistas cada 17 anos, desde mediados do mes de maio até principios de xuño. Con exquisita puntualidade, aparecen os días sinalados en cantidades abraiantes, irritando a plantas e persoas, mais tamén servindo como manxar inesperado para moitos animais, incluíndo os humanos. Son os insectos máis lonxevos, aínda que pasen a maior parte da súa vida baixo terra. Por qué un ciclo de 17 anos? Por qué aparecer como unha praga, en cantidades enormes?

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
As cigarras son uns fermosos insectos que pertencen á familia dos cicádidos, parentes próximos das chinches das plantas. Hai unhas 4.000 especies destes cantores nocturnos, sendo os machos os representantes máis ruidosos de todos os insectos, grazas a un par de timbais con forma de cuncha que levan na base do abdome e que fan vibrar debido á acción de potentes músculos. Como todos os insectos, teñen unha fase de larva, antes de converterse en adultos mediante ese fenómeno tan espectacular da metamorfose. Unha vez que son adultos, viven unhas 3-4 semanas, tempo suficiente para reproducirse e pór os ovos.

O misterio dos números
Varias especies de cigarras están especialmente aferradas á fase larvaria do seu desenvolvendo, xa que chegan a pasar até 17 anos esperando o momento de se converter en adulto, como a Magicicada septemdecim. Outras, como a Magicicada tredecim, saen ao exterior cada 13 anos; e tamén as hai que emerxen cada 11 ou cada 7 anos. 17, 13, 11, 7; todos son números primos, só divisíbeis entre si mesmos ou entre 1. Por qué? Resulta que os principais inimigos naturais destes insectos son uns fungos que teñen ciclos de vida de 2, 4 ou 6 anos; ás cigarras lles convén ter un ciclo de vida que non estea sincronizado con estes ciclos tan repetitivos dos fungos, así que optaron por unha opción radical: tratar de non aparecer o mesmo ano, aínda que teñan que esperar baixo terra unha morea deles. Botando man das matemáticas, nada mellor que os números primos para que diminúan as probabilidades de coincidir no mesmo anos cos fungos. Esta é unha estratexia de supervivencia espectacular e que, de seguro, precisou de moitos millóns de anos de evolución.

Insectos informáticos
Mario Markus, un biofísico chileno que traballa no Instituto Max Planck, aproveitou a sabiduría das cigarras e utilizou o seu ciclo de vida para calcular números primos moi altos, algo que non é nada fácil. Descubrir números primos de moitas cifras é unha tarefa que precisa de moita capacidade de computación, polo que non resulta doado nin sequera cos computadores actuais. Mais é posíbel utilizar ás cigarras. Markus creou un programa que, baseándose na bioloxía destes insectos, calcula un número de anos óptimo para un determinado ciclo de vida, o que sempre resulta ser primo. A partir dos mesmos algoritmos, baseados na bioloxía da Magicicada, foi posíbel descubrir novos números primos.


Entre cánticos e tebras
Durante os 17 anos que pasan como larvas, miles de millóns de individuos de Magicicada esperan o seu momento baixo terra, alimentándose de zume que chupan das raíces
das plantas. Ao chegar o mes de Maio do ano estipulado, saen á superficie e trepan ao primeiro que atopan, onde se transforman en insectos adultos. O seu número é tan inmenso que o cobren todo, chan, plantas, árbores e casas. Os machos afinan os timbais e berran para atraer ás femias, coas que copulan. Pouco despois, cada femia deposita entre 400-600 ovos, en incisións que fan nas ramas brandas das árbores. Todos os adultos morren ao pouco tempo, mais a vida continúa: ao cabo de 6-10 semanas, nacen os novos insectos, caen ao chan e se esconden dentro, perto dalgunha saborosa raíz. Pasarán así 17 anos.

Unha estratexia moi saborosa
O feito de eclosionar en masa, constituíndo unha praga, non é unha casualidade nin un capricho, senón outra estratexia de supervivencia: o obxectivo e saciar aos predadores, de tal xeito que, aínda que moitos individuos sexan comidos por paxaros, gatos, ardillas, cervos, ratóns, formigas, etc., ao final do festín queden individuos dabondo para reproducirse e perpetuar a especie. Moitos humanos tamén se aproveitan desta estratexia, e inclúen na súa dieta, durante estas semanas que dura a romaría, aos insectos cantores; teñen un sabor parecido ao do espárrago, ou ao de ameixas con patacas…iso din. Se pasades estes días polo nordeste de EEUU, tedes comida gratis, baixa en graxas, rica en proteínas.

Mais non todos os misterios están resoltos, aínda non se sabe cómo fan as larvas das Magicicada para levar a conta dos anos, e saír, todas á vez, ao cabo de tanto tempo. O seu nome se encarga de recordarnos ese lado máxico e marabilloso da natureza.

Ligazóns sobre a praga das cigarras:

http://news.nationalgeographic.com/news/2004/03/0329_040329_cicadas.html

http://news.nationalgeographic.com/news/2004/05/0503_040503_cicadafeast.html
http://www.economist.com/PrinterFriendly.cfm?Story_ID=2647052

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org