culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Cor ironía

A galería Ad Hoc cambia de enderezo, de lugar de encontro, trasladándose á rúa Loriga. Ata o 31 de xullo veremos a súa mostra inaugural “Laughing Allowed”. Mensaxe: permitido rir. Ironías e olladas desde o paralelo.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A galería Ad Hoc é unha desas institucións xa representativas e emblemáticas das galerías galegas, que, con cambios de dirección —agora capitaneada por Inés Ramiro— prosegue catorce anos despois a súa propia historia desde e ante as artes visuais contemporáneas. Entre os seus artistas sobresaen nomes interxeracionais da plástica galega e nacional: Carmen Nogueira, Concha Prada, Isaac Pérez Vicente, Arturo Fuentes, Juan Carlos Román, Rafael Agredano, Xesús Vázquez, Xoán Anleo, Suso Fandiño e Bichita; estes dous últimos foron os encargados de poñerlle o pecho ó seu antiguo espazo na rúa García Barbón. Se as claves daquela mostra eran a ironía e a ollada cuestionada, veremos que proseguen como partes do novo porxecto expositivo; o mesmo que o pasado venres percorrimos nunha inauguración ateigada de facianas coñecidas.

Muda de casa
Agora cambia de enderezo, trasládase á rúa Loriga, 9. O lavado de cara e de roupa afecta ó lugar, non ó espírito da galería, á súa linguaxe de traxectoria interdisciplinar, ó que estabamos acostumados. O novo espazo, moi preto do MARCO e das galerías Bacelos e VGO, xera un territorio de proximidades afectivas, como se detecta en Madrid, Barcelona ou, máis acentuado, en Porto. As claves ou os ingredientes que antes citabamos de ironía, burla ou cuestionamento serán puntos de contacto co espectador na primera mostra que actúa de pano de fondo da inauguración: “Laughing Allowed” (Permitido rir). A dirección da galería apostou por un axente externo, un comisariado, para configurar este proxecto de novo comezo; Juan de Nieves —que xa coñeciamos do seu paso como coordinador de exposicións no CGAC e logo no recoñecido EACC de Castelló— encárgase da selección de seis artistas, algún da propia galería, que sobresaen por ofrecerse desde diversas xeografías e comportamentos saídas ó tema de debate.

Os soportes serán un dos importantes axentes de invasión e xustificación espacial máis efectivos; vídeo, instalación, pero tamén a pintura e a fotografía. Todo calculado nun gusto polo museístico e a pretendida retención da atención do visitante. Juan Carlos Román e Xoan Anleo ofrecen a primeira das paradas na entrada, nunha ollada lúdica de Dalí e nunha paisaxe inventada; logo Chelo Matesanz e Silvia Gruner falan da morte e da rutina dunha existencia, da carencia; na sala do fondo, de novo Xoán Anleo nunha obra xa coñecida de ciclos de inseguridade vitais e, na planta baixa, o catalán Josep María Martín e o mexicano Artemio. Case sen pretendelo atopámonos fronte a un grupo de rapaces novos que se agrupan na porta da parte traseira da galería, na entrada de servizo do Rueiro de Núñez; é a instalción de Josep María Martín. Démoslle tempo para que collan costume “expositiva”. Despois volvemos con eles.

Nota: cambia o xeito de instalar, os altos muros e a disposición de paredes limpas posibilita un dominio da obra sobre o espazo, que queda nun secundario e seguro lugar; o espazo ó servicio da mensaxe que chega, que se enfronta. A galería, posiblemente a nivel espacial, a mellor que podemos atopar hoxe en día en Galicia, sorprende primeiro pola sensación de continua evolución interior, nun camiño de traslación desde a rúa á parte posterior. Está claro que o lugar ten un único cualificativo: ambicioso. Agora cada mostra ou proxecto terá que re-debuxar esa mesma forza. A presente exposición consegueo, principalmente desde a presentación de grandes obras que sintetizan, desde o autor, a súa proposta de “permitir rir”.

Ironía litrona
“A mostra xoga coa ironía e a perversión e, sen embargo, as obras nin son cómicas nin pretenden ser chistosas”; na mesma liña de artistas como Mauricio Catelán, Rogelio López Cuenca ou Suso Fandiño. Os conceptos clave: soedade, desencontro, relectura da infancia, sexualidade, revisión da historia, a violencia ou as relacións sociais. Unha relación colectivo-persoal que se concentra nas obras que antes deixabamos madurando; volvemos unha hora despois e os mesmos rapaces charlan nun botellón musealizable. A captura de realidade urbanas, que comezou no proceso de realización días antes, remata agora nunha xuntanza animada, e en dous lenzos cos mesmos rapaces sobre óleo.

Nota final: o botellón como metáfora dunha paisaxe urbana, parte dunha mostra como parte do noso retrato colectivo. Son as canles de supervivencia da xuventude, da adolescencia que nunca termina de pasar.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org