culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Espellos de luz

Seguimos os pasos da pintura desde os ollos cambiantes dun artista xa coñecido; Manuel Vázquez ensina na mostra na galería Sargadelos de Santiago como ser pintor desde a fotografía e o soporte audiovisual.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Ao achegarme ás obras de Manuel Vázquez lembro unha visita, hai xa máis de cinco anos, ao seu estudo preto do Seminario Menor de Santiago. Existía unha vontade de distinción, de comezar sendo consciente de facer un exercicio coherente. Sentaba no seu sillón “da reflexión” e reconsideraba o pintado, cando non recollía os micro-ríos de pintura nun lenzo, antes de lavalo de novo. Lembro a súa mirada graciosa. Lembro tamén un pequeno cadro —curiosamente enriba dunha porta— que contaba a sensación que temos ao pechar os ollos, a mirada detrás das pálpebras, a mirada directa coa escuridade inmediata. John Berger e John Christie, no seu libro “Mándoche este vermello cadmio”, falaban dese cromatismo cando pechabas os ollos, dun sentimento acumulado. Luz que foxe. A apertura dunha persiana, que sempre identifiquei coa lectura abstracta da pintura, ponse na obra de Manuel Vázquez na ollada desde e fronte a luz. Todo se recollía nunhas paisaxes erosionadas, vestixios de veladuras e pasos que se perdían nunha narración atmosférica.

Luz presa
Sería a serie pictórica Jet Line, nas súas dúas versións, o que descubriría un autor máis centrado nunha linguaxe visual, efectiva. A luz agora recollía en pequenas piscinas de branco, logo azul ou amarelo, case evanescente, case mural. Pintura urbana. A luz das fiestras, dos rañaceos, estaban en cada unha das súas pinturas; pinturas sonoras. O son dun motor a reacción que invadía todas as pinturas en series longamente identificativas. Non é por resultar retrospectivo, nin panorámico, pero, sempre que vexo as obras de Manuel Vázquez penso nun pintor; por iso cando percorría a pequena pero significativa mostra na galería Sargadelos de Santiago seguimos a ver un gran pintor. A súa lóxica evolutiva chegou cando pechou as fiestras dunha pintura de lenzo e puxo canles a novos formatos, primeiro preñados nunha fotografía e, case ao mesmo tempo, no medio audiovisual. A luz colleu forma de brillos e un contido narrativo, por momentos case de literatura urbana, que o poñía en contacto cos grandes mestres dun sentimento impresionista do que o noso autor non se desliga. Falaba de impresión, de relampos, de golpes de luz nos capós de Citroën.

O amencer dun tren na entrada nunha estación de Londres ou outro amencer no polígono de Porriño; a paisaxe de liñas, emocionada no brillo da luz. O exterior entra no interior para cativar un espello, por intres redondo como un ollo de dragón, gardando a luz e a cor, a textura en movemento dun personaxe na televisión ou a simple luminosidade que crece, azul, fóra da fiestra. A paisaxe que debuxa o televisor, reflectida nas sortes de espellos de latas, mesas de Ikea, sofás, vasos ou cinceiros. A luz colle agora entidade case biolóxica, barroca. A tecnoloxía ao servicio do pracer visual, en tres sentimentos, tres ambientes, dependendo do filtro. unha serie “Light_tv [RGB]” que ensina un autor fascinado pola composición e a potencia simbólica da mirada.

http://www.manuelvazquez.com/

X.M. Lens [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org