culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Un raio de son

“Outro perrito pilotooooo!!!!”. Todos os anos a mesma leria, así durante horas e máis horas, e iso que vivo a medio quilómetro do campo da festa. Nin sequera estou interesado en mercar un boleto para a tómbola, mais o son é así, viaxa e viaxa en todas as direccións, como as ondas nun estanque. En moitas ocasións sería bo poder controlar a difusión do son: imaxinades poder ler un libro no xardín de casa, tranquilamente, escoitando aos paxaros, cando a 100 metros hai un concerto de Ana Kiro? Pois xa é posíbel; unha nova tecnoloxía permite enfocar o son a areas moi limitadas, sen afectar ao entorno. As posibilidades da utilización de “focos de son” non parecen ter límite, e na carreira para facerse co control desta tecnoloxía compiten as dúas persoas que a inventaron por separado.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
O son é un fenómeno público, compartido: poñemos música e todos os que están arredor do altofalante escoitan a mesma melodía; pola contra, se alguén nos di que escoita voces que os demais non percibimos, o miraremos con estrañeza. Isto é así porque as ondas sonoras que poden ser percibidas polo ouvido humano viaxan en todas as direccións, igual que a luz emitida por unha vela. Os científicos levan moitos anos domesticando as ondas, estudando as súas propiedade físicas e o seu comportamento. Mais crear focos de son que poidan ser escoitados polos humanos non é fácil.

Os sons que non se escoltan
As ondas de son poden ter distinto tamaño: os sons graves, como os dun tambor, teñen lonxitudes de onda grandes, polo que a súa frecuencia é pequena. Pola contra, os sons agudos, como os dun violín, teñen lonxitudes de onda pequenas, as ondas están máis apertadas, por tanto a frecuencia é máis alta. As frecuencias se miden en hercios (Hz): 1 Hz é 1 ciclo por segundo. O ouvido humano detecta sons de entre 20 Hz (por exemplo o ton grave dun órgano) e 20.000 Hz (como o canto agudo dunha cigarra). Se diminúe o tamaño da onda de son tamén diminúe a súa difusión; entón, utilizando ondas moi pequenas é posíbel emitir un son que difunda moi pouco, unha especie de foco de son similar ao foco de luz que se pode xerar cunha lanterna. O problema é que as ondas que se precisan para tal cousa están fora do rango do noso ouvido, por riba dos 20.000 Hz: a este tipo de ondas se lles chama ultrasóns.

Hai varios tipos de ultrasóns que se utilizan acotío aproveitando, precisamente, esa capacidade de direccionamento: por exemplo os emitidos polos aparatos de ecografía, ou os utilizados nos sistemas de detección sonar. Algúns animais, como os morcegos, utilizan ultrasóns para orientarse; afortunadamente están fora do noso rango e somos incapaces de escoitar o escándalo que organizan todas as noites. Ningún destes sistemas de transmisión de información é perfecto, xa que o ar modifica lixeiramente as ondas e as distorsiona. Esta distorsión tamén ocorre cos sons que podemos oír, mais é moi lixeira e non afecta á nosa percepción.

Sons impuros baixo control matemático
O interesante é que os ultrasóns, ao ser modificados a medida que viaxan polo ar, producen algunhas frecuencias que son audíbeis. Esta distorsión non é aleatoria, senón que se pode calcular matematicamente e, por tanto, predecir con moita exactitude. Aquí está a clave do novo invento: producir feixes de ultrasóns, inaudíbeis, e dirixilos a un punto concreto, de tal xeito que ao alcanzar o obxectivo se orixine o son desexado. A persoa ou persoas que estean situadas nese foco escoitarán o son emitido, mais si se moven de sitio uns centímetros o son se desvanecerá milagrosamente. Esta capacidade para focalizar o son ten centos de aplicacións: poden crearse focos individuais nos asentos dun coche, de xeito que os catro ocupantes escoiten música distinta sen interferirse; ou focos que emitan información sobre os cadros dun museo, independentemente, sen perturbar a paz do resto de visitantes; ou locais nos que a televisión só se escoite nun área de tortura determinada. Tamén se poderán emitir avisos a persoas individuais sen molestar ou advertir ás que están arredor: “señor Castro, espabile, non se quede durmido en primeira fila”.

Cortando o bacallau sonoro
As compañías de alta tecnoloxía, museos, fabricantes de coches, etc., están convencidos de que estamos perto dunha revolución do mundo acústico, e na batalla por conseguir o reinado están a loitar dúas compañías norteamericanas: “American Technology Corporation (ATC)” e “Holosonic”. Ao mando da primeira, ATC, está Elwood Norris, un inventor autodidacta de 65 anos, que traballou na súa xuventude como técnico de radar. Ao seu invento, uns altofalantes especiais que emiten focos de son, lle chama “HyperSonic Sound”. Pola outra banda, Joseph Pompei, de 30 anos, antigo estudante do Media Lab no Massachusetts Institute of Technology (MIT), navega aos mandos de “Holosonic”, que comercializa uns altofalantes chamados “Audio Spot Light”.

Norris e Pompei seguen a investigar e perfeccionar os seus inventos por separado e, probabelmente, mediante técnicas diferentes. O primeiro é unha mente independente que non ten estudos superiores, cun coñecemento intuitivo da física e electrónica que manexa; o segundo, Pompei, é un investigador novo formado en centros de prestixio e que xa traballou para a compañía de audio “Bose”. Quén conseguirá facerse co mercado desta revolución tan suculenta?

Haberá que estar alerta, cos ouvidos en busca deses raios de son.


American Technology Corporation

Holosonics

Artigo en The New York Times


Artigo en El País

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org