As boas formas
O ciclo Malas Artes pechou o seu alento de experimentación que durante todo o ano pasado ofreceu na Sala dos Peiraos. Agora, co pretexto da presentación do seu catálogo, trazamos unha ollada panorámica nun dos certames máis interesantes e recomendables do panorama expositivo galego.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Faite á idea, un espacio dentro doutro espacio. Un motivo dentro dunha peceira maior. Barbie sobre unha cabra de la artificial, a luz diante dun cristal ou dous corpos que se rozan fronte ó brillo dunha fiestra. O mural da mensaxe urbana e a natureza nunha carretilla; un percheiro que quere ser planta e un rapto de Europa nun piso de paredes vermellas. Todo, a inesperada sorpresa ou silencio do visitante ante unhas mostras que en ningún momento deixan de ser controladas, estables, previsibles pero tamén nin complexas nin fuxidas do real. O visitante atento diante do escaparate, entrando nunha tenda de propostas que recoñecer e coas que se sinte cómplice. Malas Artes presentou todo isto, unha morea de ideas que se concentraron, mes a mes, na Sala dos Peiraos en Vigo. O proxecto de exposicións dilatouse en case un ano ó longo do pasado 2003, en variadas facetas interpretativas e de retrato do sistema social, cultural, incluso político e económico galego. Prototipos, verbalidades, pret-a-porter, maquinacións, arquitrabes e bizarr@s foron cada unha das pautas de seguimento e interpretación que Xosé Manuel Buxán controlou e canalizou nun grupo de artistas que, case sen querelo, trazan unha sección da creación actual. Insisto, sen pretendelo, queda como un exemplo de historia presente.
Anacos da sociedade
Esta referencia a un proxecto pasado vén porque acaba de presentarse o catálogo onde se recollen documentadas cada unha das mostras de Malas Artes e se prologa cun texto tremendamente doutrinario-explicativo a cargo do comisario, cun ambiguo título “a propósito das boas e malas artes”. Introduce, nesta primeira lectura, un dos compoñentes máis efectivos destas mostras, a confluencias dun debate de contrastes. Trátase de ofrecer unha ollada transversal, distinta, unha ollada impregnada no social. O mellor consello foi —sobre todo a quen tivo a sorte de visitar algunha das mostras— volver a recordar obras e discursos individuais e, na distancia, revisar a súa tese colectiva. Percorremos o libro e poñémoslles etiquetas a cada obra: a ambigüidade, a cuestión de xénero e a identidade dun adolescente; a memoria, a arquitectura contedor, a arquitectura obxecto e o espacio como cálculo; a luz do cristal, a mente eléctrica, a ironía da máquina e a técnica caníbal; moda-pel, moda-mentira, pel de tecido, falsa beleza e trama de arañeiras de tricotar; escritura memoria, letras de pan, letra urbana e mensaxes que se atrapan nunha habitación graffitera; aperta de la, o deseño total, a reciclaxe como mensaxe de vida, luz deseñada e unha mesa que quere ser disparo, estalido. Félix Fernández, Álex Mene, R. Cierto, Carlos Latorre, Laura Verísimo, Ana Fernández, Isaac Cordal, Berio Molina, Andrea Pazos, Lorena Pita, Nuria Buján, Celia Lago, Carlos Isla, Irene Formoso, Olalla Rodríguez, Belén Prieto ou Sara Vaquero, son un poucos dos corenta e oito artistas seleccionados.
O logro da instalación e do diálogo en cada edición. Agora quedaría facer dúas indicacións: por un lado, unha idea —quizais absurda, pero instructiva— que se fixese unha mostra final, onde se recollan o traballos de todos os artistas e se faga unha gran mostra nun espacio, digamos, industrial. A segunda indicación, case vestida de esixencia, crece por si soa: que o proxecto siga tendo continuidade, porque é moi necesario que persistan o tipo de proxectos en proceso, como foi Miradas Virxes ou Procesalia. Insisto, trátase de ofrecer un campo continuo de posibilidades e, que arrinque ou se reafirme desde o ámbito municipal, neste caso no Concello de Vigo, é un acerto.
http://www.vigo.org/malasartes/malasartes.htlm
X.M. Lens [correo]