Un novidoso e estresante descubrimento
O estrés non é bo para a saúde, produce un envellecemento prematuro e moitos problemas físicos e psíquicos. Neste mundo apresurado o mellor é tomarse con calma a vida mais, ao mesmo tempo, con confianza e decisión. Iso é o que suxire unha recente investigación: hai moitas probabilidades de que as persoas tímidas, temerosas ou asustadizas, influídas con facilidade polo estrés causado pola vida en sociedade, vivan menos anos que as que son extravertidas.
A mente e o corpo non son dúas entidades separadas, todo o contrario: están íntimamente relacionadas. A consciencia xurde como consecuencia da actividade do sistema nervioso, a mesma actividade que se encarga de mover músculos e ordear a produción de hormonas. Prácticamente todas as actividades que teñen lugar no noso corpo están controladas dalgunha maneira polo sistema nervioso, polo cerebro, polo noso estado de ánimo. Mecanismos tan específicos como o metabolismo das proteínas ou a presión arterial dependen críticamente do sistema nervioso. Debido a esta relación, as situacións de estrés psicolóxico orixinan moitos problemas físicos como hipertensión ou úlceras, e unha disminución importante na función do noso principal mecanismo de defensa, o sistema inmune.
A evolución actúa despacio
Os efectos da reacción do organismo ante o estrés existen en moitas especies, xa que teñen sido convervados ao longo do tempo polos mecanismos evolutivos. Por qué conservar unha acción do organismo que resulta dañina? A resposta é sinxela: é negativa agora, na sociedade occidental actual, mais non o era hai miles de anos cando o Homo sapiens vivía noutras condicións ben distintas. Estes miles de anos son un abrir e fechar de ollos en termos evolutivos, polo que a evolución non tivo tempo para eliminar algo tan desastroso. Cáles son as diferenzas para o Homo sapiens, no que se refiere ao estrés, entre a vida nas cavernas e a situación actual?
Preparándose para a loita
Á resposta do organismo ao estrés tamén se lle chama “reacción de loita ou fuxida”, e é fundamental para afrontar unha situación de emerxencia en estado, digamos, salvaxe. Cando un animal salvaxe –ou un Homínido de hai varios millóns de anos- se enfrenta a unha ameaza física, pode prepararse para facer dúas cousas: ou loitar ou ben sair correndo. En calquera dos dous casos é preciso modificar de maneira drástica a actividade do corpo: a forza e ritmo cardíacos aumentan, a respiración se acelera, a actividade muscular crece, o sistema nervioso pon os sentidos en alerta, o nivel de glucosa no sangue se incrementa, a resposta do sistema inmune diminúe, e tamén ao mesmo tempo se suprimen procesos inúteis nese momento e que gastan enerxía (como a sensación de fame ou o proceso dixestivo). Hai unhas hormonas que teñen un papel clave no desencadenamento destes cambios, son as producidas polas glándulas adrenales: fundamentalmente os glucocorticoides e a adrenalina, as cales se encargan desa movilización espectacular da enerxía no corpo.
Un combate demasiado longo
Na antigüidade os membros da especie humana se encontraban cunha situación dese tipo de cando en vez, ao ter que enfrontarse a outro animal salvaxe. A resposta que acabamos de ver duraba tan só uns minutos, de maneira que os niveis de hormonas e os cambios asociados volvían a valores normais rapidamente. O que ocorre na sociedade actual é que esta “reacción de loita ou fuxida”, ademais de activarse debido a perigos momentáneos como na antigüidade, tamén se activa de maneira prolongada como consecuencia de moitos factores que inflúen no noso estado emocional (problemas laborais, tráfico, etc.). A estrutura e tamén as normas de convivencia desta sociedade non permiten solucionar a maioría destes problemas en cuestión de minutos, polo que o nivel alto de hormonas, que en principio é beneficioso, empeza a orixinar todo tipo de danos ao organismo ao actuar de maneira continua: aumento da tensión arterial, diabetes, úlceras, impotencia, diminución das defensas do organismo para loitar contra enfermidades, etc.
Ratas tímidas
Unha consecuencia global deste “estrés moderno” é que acelera o proceso de envellecemento. Se deixamos que os tentáculos da vida urbana pulsen as teclas da liberación de hormonas adrenales de forma continua, é posíbel que enfermemos con maior facilidade. Ademais, os científicos seguen a descubrir novos factores causantes do estrés: un estudo que ven de publicarse na revista PNAS (Proceedings of the National Academy of Sciences) revela que estas “hormonas do estrés” tamén se poden liberar en grandes cantidades en situacións de timidez ou medo infundado cara situacións novidosas, como entrar nunha habitación descoñecida ou toparse cunha persoa estraña. A isto se lle chama neofobia e, segundo acaban de descubrir uns científicos norteamericanos en experimentos feitos en ratas, produce un incremento das hormonas glucocorticoides, que da lugar a unha redución de tres meses na vida deses animais.
Os humanos tamén sofren neofobia, sobre todo os rapaces pequenos. Aproximadamente un 15 % dos nenos ten un medo infundado ante calquera situación novidosa que, no entanto, non representa unha ameaza física. Os resultados deste traballo indican que se esa reacción ás situacións novas se mantén durante o resto da vida, ésta pode reducirse aproximadamente uns dez anos.
Haberá que levar unha vida relaxada e tranquila, mais tamén decidida e sen agobiarse por causas infundadas. Non me sexades neofóbic@s.
Ligazóns
Artigos sobre o descubrimento de que a neofobia produce estrés
en Nature:
http://www.nature.com/nsu/031208/031208-2.html
en NewScientist:
http://www.newscientist.com/news/news.jsp?id=ns99994458
Resumo do artigo orixinal en
PNAS