culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Cor corazón

A mostra de Almudena Fernández na galería VGO é un perfecto exemplo de produción expositiva. Acostumados ás súas obras sorprende agora cunha expansión de pinturas que percorren e se expanden polos muros das salas.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Non estamos para primaveras nesta xeografía galega a altura de abril, tampouco o están en Londres; por iso mesmo Olafur Eliason colocou un gran sol na sala das turbinas da Tate Modern, por iso cada día centos de persoas se tiran no chan a recibir a calor e pracer propio dun gran solario. Existen artistas que, por riba ou por baixo da arte, manteñen os valores e niveis de percepción no público, Olafur é un deles. Cando entras na galería VGO de Vigo, sen público, pensas en que Almudena Fernández resulta unha magnífica tecedora de sensacións. A cor emociona, altera, os soportes resultan suxestivos e o espazo non se posiciona no marco da pintura, xusto onde Almudena quere propoñer o seu debate, senón nos poros e retinas do visitante.

Trazar cores
O último traballo de Almudena Fernández, do que xa falara noutras ocasións, viñemos de velo nas pasadas edicións das feiras de Lisboa e Arco. Ela mesma comentaba os novos cambios que trazaba a súa pintura neste ano; cambios na pintura. Trazando unha mirada aos últimos anos tradúcenos esta emoción de cores e olladas en expansión da mostra presente, esa atmosfera cálida e envolvente propia das apertas. Deixabamola hai case un ano no Torrente Ballester, no xa extinguido ciclo “Miradas virxes”, trasladando ao espacio o que uns meses antes presentou na galería SCQ, as novas pinturas, máis estruturais e que definían tramas e secuencias mínimas de redes, filamentos ou cordas que se ataban en nós, tensionando o lenzo, acoutado nun intre de equilibrio. Nesa mesma serie comezaba a agromar o inevitable, o desatado das cordas, que deixaba voar pola tea coa sorte dun sudario ou un pano que cae. O seguinte paso estivo en traspasar as liñas do lenzo á parede, quedando un gran mural de tubos en movemento, nunha constante inestabilidade que invadían esquinas e teitos. O cambio de escala posibilitou tamén unha invasión de parcelas, das cores, non só das estruturas, polo que resultou un novo cadro, un novo concepto de obra, unha nova relectura do seu traballo, esto é o que temos na galería VGO.

Cores ebrias
Almudena volve a deixarse emocionar polas cores, polas texturas, nun certo caudal barroco, alterado, que nos conecta coas obras anteriores de finais dos noventa. Non vemos letras, nin adiviñamos mensaxes literarios, pero si atopamos a intención ebria e dispersa. Son muros e teas pintados nunha conxunción de materiais: lona de PVC con pintura de vinilo e muros con pintura plástica; peles que adquiren un percorrido contaminado. O que está é creando un escenario de adaptación da súa obra en lenzo, un pretexto de ruptura de límites. Cada parede, cada anaco de parede, recolle unha tea, pero a súa forza pictórica —cores e arterias—expándese e conecta coas seguintes, incluso alimenta cambios de pigmentos, de laranxa a vermello, de vermello a laranxa. Toda nunha paisaxe interior, como se estiveramos no letargo dunha caixa de costura ou nun corazón ou órgano vital. Un esforzo de produción e de realización —gracias tamén aos seus colaboradores— que fai desta galería un exemplo de realización e traballo ex-profeso pouco habitual.

Deixamos o sol, o interior dun corazón, e repousamos na seguinte sala da galería; a tonalidade laranxa edulcora o tránsito. Subxace outra parte do seu traballo, que xa se murmuraba na sala anterior: a manipulación de fíos, o trenzado e trazado de filamentos pechados nun marco. Queda agora nunha greca que percorre a parte superior dunha parede, como azulexos brillantes e o pracer, case devoción, polo traballo manual, o mundo do téxtil, do deseño e dos patróns vémolo nos cadros onde unha madeixa de fíos se enroscan como unha constelación de neutróns.

Recoller un fío e darlle un sentido práctico, diso trata a obra de Almudena. Saír á rúa Príncipe cunha arteria nos ollos, moreno de cores, sempre é un acerto, polo menos de vida.

X.M. Lens [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org