culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Case

Atopar un pretexto, moitas veces, resulta moi complicado. Resulta complicado poñerlle faciana. O porqué dunha mostra ás veces reside na seguinte ou na que vemos semanas despois. Chillida e Ángel Garraza están emparentados por unha mesma terra, e por unha lectura de contrastes xeracionais.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Andaba á busca de pretextos, para volver a ler a novela de Paul Auster, a película de Amelie ou a exposición de Chillida que nestes días invade a Fundación Caixa Galicia de Santiago, na Casa do pozo. Despois de ver unha mostra, igual que de ler un libro ou ver unha obra de teatro, case non tes ganas de percorrela de novo, case queres que che conten máis cousas e quedar coas túas propias experiencias e as propias mensaxes. Case. O que sucede coas exposicións, polo menos no meu caso, resulta problemático, porque sempre queda un continuo “case”, un intre de espera. Sempre pregunto. Iso sucedeu coa mostra de Chillida, ou coa de deseño do MARCO, coa de Jorge Castillo na Deputación de Ourense ou coa de Diego Santomé no ARTIUM de Álava. En todas necesito atopar o porqué para volver a vela, ou o que é o mesmo, volver a percorrela para escribir e relatar a súa propia historia. O porqué de cada unha irá chegando, por exemplo o pretexto para volver a reler a viaxe da exposición de deseño seguro que estivo en Peniche, no seu cárcere hoxe convertido en museo. O porqué está no propio conto, o de Chillida estivo na mostra de Ángel Garraza que, ata finais de maio, pode verse na Galería Sargadelos de Santiago, na Rúa Nova.

Mesma terra
Eduardo Chillida e Ángel Garraza pertencen á mesma xeración que define ós artistas vascos. Dúas xeracións marcadas por paisaxes e historias diferentes pero que, na confluencia e no pretexto evolutivo, se articulan á perfección; e non falo de influencias pero si de sensibilidades de formas e materias que coinciden sen parecerse. A segunda planta de Sargadelos recolle un dos artistas que mellor condensa a filosofía desta entidade, como o fixo Xabier Toubes ou o faría Tony Cragg ou Enrique Mestre, incluso Chillida: a alma do material. Todos eles realizan, nunha parte importante da súa traxectoria, o seu traballo ó redor do barro como material constructivo. Garraza comezou na década dos setenta no amparo dunha xeración —Badiola, Bados ou Nágel— que tiña como única misión (quizais o logro do seu éxito) recoller o relevo, o impresionante relevo, que deixara Chillida e Oteiza na arte vasca. Negar ou alimentarse da súa seiva, trazar novas pontes sobre as súas figuras ou, como no caso de Garraza, acabar de construílos. Este novo escultor, despois de iniciais experiencias, adopta o barro, o traballo en arxila, como o único pretexto de creación. Expresión e materia, son os puntos que Alicia Fernández, autora do texto do folleto da mostra, propón para presentar a súa obra, logo chega o proceso, a poética do material e a narración. Defínese un concepto de ritmo e modulación secuencial da composición; chega a cor, sempre mínima pero que adquire a calidade de pel e protector externo. Partes brancas e negras que se opoñen ou contrapoñen en círculos, vasillas ou lámpadas, en pavimentos ou paredes-dominó.

Alma de terra
Materia e forma. Materia e memoria. Fragmentos e aromas. Case todas as partes que atopamos en Garraza, estiveron na obra de Chillida. Non falo da obra, nin dos resultados, falo da materia e das combinacións. A obra de Chillida invade as tres plantas da Fundación Caixa Galicia de Santiago, xusto despois das relacións entre arte e arquitectura de “Latitudes I”. E seguimos coas relacións entre arte e arquitectura, entre arte e natureza. A mostra ten un certo pretexto, igual que a de “Cántic del Sol” de Miró na mesma sede: achegarnos ó texto, ó corpo dun poema. Neste caso reside no poema “Aromas”, que lle da nome á exposición e que Ana Beristain —comisaria da exposición— en cómplice compañía cos fillos do escultor, empregou como motor de articulación desta mostra. Aínda queda fresca a imaxe dun dos seus fillos limpando os espacios, poñendo aromas, para dispoñer unha imaxe do seu pai no estudio ou unha “suspensión” de papel. Mentres chegamos ó poema, fío da mostra, o “aroma” da súa poética universal queda preso en cada escultura, en cada debuxo, queda a forza, a tectónica do material, os ritmos ou a tensión contida nun puño de pedra, nun anaco de alabastro (Tindaya na lembranza) ou nun papel mínimo onde se traza unha estructura anatómica de filamentos negros. A montaxe, sempre unha dificultade espacial nesta sala pero sempre ben entendida pola institución, alterna na presentación de diferentes formatos, excelentes esculturas de ferro —as “maquetas” do peite do vento de Donosti—, as suspensións, debuxos, gravados e pequenas esculturas de barro, prototipos de tensións contidas. Viaxe ó interior da escultura cos pés na terra e no criterio, sempre complicado, de atrapar a universalidade.

O “case” quedou xustificado; Chillida sempre resiste o paso dun tempo cambiante, crítico, igual lle sucede a Oteiza ou a Palazuelo, incluso a Tápies ou a Caruncho (que está expoñer no CGAC). Todos aprendemos da súa visión diferente e experimental. Cada un colle a súa propia etiqueta “chillida”, os arquitectos collen a súa propia reminiscencia, mentres seguimos a darlle voltas á roda de materia de Garraza.

X.M. Lens [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org