culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

En busca de Matusalén

Os humanos vivimos cada vez máis anos, debido fundamentalmente aos avances en ciencia e tecnoloxía. Se miramos atrás no tempo a progresión é impresionante: os homínidos máis antigos alcanzaban con dificultade os 30 anos de idade, e a comezos do século XIX en Europa poucos pasaban dos 40; no entanto na actualidade a esperanza de vida no noso continente rolda os 80 anos, o dobre que hai 200 anos! Desde mediados do século XIX a esperanza de vida crece a un ritmo duns 2,5 anos por década, algo que está a mudar o panorama social. Cal é o límite? Vivirán os nosos descendentes 200, 500 anos? É posíbel, ao mellor mesmo máis.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Todos os organismos envellecemos. O paso do tempo desgasta e diminúe a capacidade de funcionamento de órganos e tecidos de maneira inexorábel. As causas son múltiples, desde a predeterminación xenética até o efecto destrutor de sustancias como os radicais libres ou os raios cósmicos. Os científicos levan moito tempo estudando os procesos que orixinan este declive; nos últimos anos, grazas á xenética e bioloxía molecular, se teñen encontrado mecanismos capaces de incrementar a esperanza de vida nada menos que nun 70 %! Mais ollo, estes experimentos están a facerse en fungos, vermes microscópicos e moscas. Os sapiens sapiens estamos, polo de agora, na lista de espera.

A lonxevidade non é unha prioridade
A evolución biolóxica non favorece a lonxevidade individual, senón que aposta pola perpetuación da especie. Desde o punto de vista biolóxico o importante é reproducirse e transmitir os xenes á seguinte xeración; sempre que isto último ocorra con eficacia o tempo que cada individuo permanece vivo ten pouca importancia. Nalgunhas especies os individuos viven tan só horas ou días, tempo suficiente para reproducirse; no entanto, noutras a vida se prolonga por decenas, centenas ou inclusive miles de anos, como no caso dalgúns vexetais.

Na variedade está o gusto
O proceso de envellecemento non é simple, senón que actúa sobre o organismo desde moitos ángulos; estamos rodeados! Na busca dunha explicación o que se precisa son teorías, e hai varias; probabelmente todas teñan algo de verdade: algunhas células morren debido á activación de xenes do envellecemento, se trata dunha morte celular programada; outras son víctimas do ataque dos radicais libres, perigosas moléculas producidas no proceso de respiración celular; alén diso, ao longo da vida se vai producindo un desgaste como consecuencia da acumulación de erros na duplicación do ADN celular, na produción de proteínas, etc., polo que o corpo vai perdendo eficacia.

As liñas de investigación actuais son tan variadas como as teorías apuntadas, e están a dar resultados espectaculares. Cada descubrimento é rapidamente amplificado polos medios de comunicación, que nos informan dos novos elixires para facer a estanza no planeta Terra un pouco máis longa. Melatonina, dietas baixas en carbohidratos, un vaso de viño tinto ao día,... funcionan? En animais microscópicos, si; nos humanos probabelmente tamén, pero hai que ter en conta que a maquinaria da vida é marabillosamente complexa, igual que os mecanismos asociados ao envellecemento, polo que non pode haber sustancias milagrosas.

Un vello elixir
O efecto beneficioso do viño tinto para alongar a vida só está, polo de agora, demostrado nun organismo minúsculo, o fungo unicelular Saccharomyces cerevisiae (ou lavadura da cervexa, moi utilizada para investigación en bioloxía molecular). Unha molécula presente no viño (un polifenol) é capaz de incrementar a vida do fungo nun 70 %, milagre que se consegue activando uns determinados mecanismos encimáticos. O que non sabemos é se funciona da mesma maneira na especie humana. O optimismo dos científicos se debe a que no noso organismo temos encimas (un tipo de proteínas) moi parecidas ás do fungo. Na actualidade estanse a facer experimentos en moscas, e o resultado é similar. Iso de que moscas e lavaduras sexan parentes nosos pode ser unha boa cousa.

Baixo en calorías
Outro animal estrela na investigación en bioloxía molecular é un pequeno verme, o Caenorhabditis elegans. Hai dez anos un grupo de investigación da Universidade de California descubriu que era posíbel duplicar o tempo de vida dese verme modificando tan só un xene. Foi algo así como descubrir a chave da lonxevidade: aperto aquí e, listo, agora xa vivo o dobre. Mais as investigacións dos anos seguintes amosaron que o panorama é máis complexo... na actualidade xa hai máis de 100 xenes da lonxevidade. Demasiadas chaves. En calquera caso, estas investigacións levaron á conclusión, baseada na función deses xenes, de que unha diminución nas calorías da dieta produce un aumento da lonxevidade, polo menos nos vermes.

Estamos tamén emparentados xeneticamente cos vermes? Por suposto. Así que xa sabedes, explorade a vosa ascendencia microscópica e vermiforme: un vaso de viño de cando en vez, e comidas lixeiras.

Ligazóns

Os descubrimentos máis recentes sobre os mecanismos da lonxevidade. Artigo na "Public Library of Science"

O efecto do viño tinto

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org