culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Xeitos, logros, da mirada

Xeitos de calcular a paisaxe. Miquel Navarro, Vari Caramés, Miguel Mosquera e Enrique Velasco ofrecen catro puntos de vista da natureza urbana, marítima, sempre achegada. Tres exposicións que nestes días se comparten con moitas outras, máis ou menos interesantes, na xeografía viguesa.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  

Paisaxe de venres. O itinerario imaxinado e perfectamente coñecido. Sorpresas, mínimas pero moi proveitosas. Visitamos os retratos con bágoas dun Modernismo heroico nas obras de Mersad Berber no Centro Cultura Caixanova, a colectiva coa que se despide a galería Ad Hoc do seu espacio en García Barbón (para inaugurar nunha nova sala na rúa Loriga) ou a exquisita selección de debuxos do legado Manuel Gómez Moreno na Fundación Caixa Galicia, con nomes como José de Ribera, Arellano, Salvador Maella, Leonardo Alenza, Eugenio Lucas, Fortuni, Ferrant ou Pradilla. Hoxe quedamos coa ollada de catro artistas que, en tres mostras diferentes, miran e expoñen a súa particular cultura da natureza.

Trazamos un percorrido limpo, acompañado polos escaparates e os paraugas sorprendidos nesa tarde de venres. O pretexto: a inauguración da mostra “A creación do necesario: achegamento ao deseño en Galicia no século XX”. A resolución: deter a reflexión na ollada dispersa e emocionada de catro artistas en “novos” xeitos de coñecer a paisaxe. As escalas: a Reintegración que Miguel Mosquera e Enrique Velasco na Fundación Laxeiro, Miquel Navarro na galería VGO e Vari Caramés na galería Bacelos.

Anacos itinerantes
O itinerario, como diciamos, comezaba programado e rematou disperso. Na Casa das Artes dúas direccións: na planta baixa podemos ver unha selección dos fondos do Museo Municipal Quiñones de León, cunha montaxe moi pouco coidada, case eventual, como quitando importancia á súa natureza museística. Pregunta: ¿que sucede con este museo?. Na planta segunda un exemplo de supervivencia, a Fundación Laxeiro. Alí asistimos á mostra de Miguel Pereira e Enrique Velasco, nunha “Reintegración” realizada en complicidade e diálogo entre os dous artistas, baixo o comisariado sempre activo de Antón Castro. Fálanos dunha paisaxe de anacos, que volve á construción real nos ollos do artista ou, logo, do espectador. Unha gamela desfeita que se dispersa en múltiples retrincos por toda a sala. Luz: verdade ou falsidade. Escuridade: verdade ou falsidade. Cada dezasete minutos péchanse as luces, desaparece a obra, e aparece unha nova obra; cae unha paisaxe fragmentada e sorprende (lene) unha paisaxe completa de gravados de silicio sobre parede. Como cando pechamos os ollos e imaxinamos o que non terminamos de completar con eles abertos. Unha fición narrativa que terá o seu pretexto de verdade na performance que Miguel Pereira realizará ao final da mostra, coa botadura ao mar de varios anos da embarcación; mar-terra.

Paisaxe de cidade
Saímos de García Barbón, xa na rúa Príncipe, esquina con López de Neira, a galería VGO, xusto enriba dun Pull & Bear. Novas paisaxes, lonxe do ton fashion que revén esta rúa case barcelonesa. As paisaxes de Miquel Navarro nacen na expansión, nunha pretensión de ideas en continua escala. A galería presenta unha magnífica selección de esculturas e acuarelas destes últimos anos, imaxes identificativas do seu traballo, polas que é recoñecido no panorama non só peninsular. Recoñecemos as súas esculturas de cidades pechadas, case metafísicas dun frío De Chirico, e esculturas-totems que dominan desde a singularidade do monumental. Sorprende o seu dominio do espacio e dos materiais; partes dunha composición. As acuarelas, un acerto na traxectoria do escultor valenciano, retratan humanos articulados ao xeito dun Leger, igual que as esculturas de pequenas dimensións realizadas en madeira con zinc; prototipos impresionantes de sinxeleza e monumentalidade. A propia textura da pincelada describe un artista que urbaniza desde o pretexto utópico. Ver a seguinte mostra, que ofrecerá a pintura de Almudena Fernández, será un pretexto para capturar unha paisaxe pictórica, tamén construtiva.

Sube a cidade, subimos camiño do castro. A rúa López de Neira realiza un xiro á esquerda, cambia de nome polo de Cadaval e chegamos á galería Bacelos. No exterior atopamos a Vari Caramés facendo fotos do interior, “semella unha galería de Nova York”, comenta. Ao seu lado sinalamos cada unha das obras que presenta no interior, detémonos na historia, na marabillosa ou circunstancial historia que deposita cada unha das 20 fotografías seleccionadas. Un percorrido pola súa particular forma de narrar a paisaxe humana. Vari esperta unha emoción que se perdera na fotografía: un ollo pictórico, unha fusta de cor, un pretexto de non-claridade, que fai do seu traballo un exercicio de non-retrato do real, senón de retrato da súa propia realidade. Unha vez entendida a súa clave, cada unha das obras flúen case se medo a caer, sen vertixe compositiva. Quedamos coa imaxe dunha traíña nun final de carreira —corpo de Ofelia—, ao seu carón unha gamela morta na praia. Con que sinxeleza Vari conxela a cor e a emoción dun instante que quere permanecer e que segue a latexar nos meus ollos. Quédanos moito, moito, para ver como o fai Vari Caramés.

Baixamos a rúa Progreso, final do traxecto: un MARCO petado de deseñadores. É o tempo e o lugar dos deseñadores; Xosé Díaz, Fernando Agrasar, Pepe Barro, Permuy, Labra, Tenreiro, Ta Ta Ta ou A-Cero. Un acerto expositivo abandeirado por Marisa Sobrino que realizou a difícil tarefa de articular o deseño do século XX en Galicia. Impresionante, só por isto merece a pena visitar esta mostra, é a montaxe de Irisarri + Piñera, un exercicio de liberdade e cálculo case pop que fai da exposición un logro de deseño en expansión. Dará que falar.

X.M. Lens [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org