O alento das bágoas
A mostra que Efrain Almeida presenta na galería Marisa Marimón pretende ser unha ilusión de alento brasileiro, de alento popular-actual nunha xeografía continental como a ourensá, tan proclive a contrastes; temos ata o 8 de maio para coñecer as súas “bágoas” de madeira, acuarela e taracea.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Saíndo da mostra do viaxeiro Jorge Castillo no Centro Cultural da Deputación, a escasos cen metros, atopamos un magnífico exemplo doutra xeografía, Brasil, e decatámonos de que existen poucas tan atraentes, por suxestivas, na arte actual. O embaixador chámase Efrain Almeida, que despois de desembarcar hai un par de anos no CGAC volta agora a demostrar o seu traballo de gran calidade e bo oficio. Marisa Marimón é o espazo onde realiza o seu particular encontro e o seu conto pedagóxico. O artista fala en nome da cultura híbrida, dun xeito de facer que traspasa fronteiras onde segue a manter alentos de tradición, anacos de terra nos zapatos ou millo nos cabelos; a todos nos soa esta dialéctica, confrontar vontades locais coas esixencias da modernidade, Leiro faino á perfección, tamén Ignacio Basallo e non falemos de Anish Kapoor. Pero é a latitude brasileira —como a oriental—con nomes como Tunga, Lygia Clack, Rosangela Renó ou Miguel Río Branco os que demostran a posibilidade de crear desde unha periferia, a periferia dos “outros”, fusionando culturas e terras; os mesmos que, desde finais a décadas dos oitenta obrigaron a facer xirar a cabeza na análise occidental, entrando nas Bienais e certames de arte actual. Efrain Almeida segue esta mesma liña de realizar, silencioso, precavido.
Ofrenda desde a alma
Como diciamos, xa tivemos ocasión de descubrir os traballos devocionais no CGAC, agora volve cunha exposición onde prosegue na súa temática cultural e na súa obsesión polos formatos escultóricos de pequena escala; porque Efrain pensa no modelo, pensa no referente e quédase coa forza da súa imaxe, do seu poder simbólico, quédase coa interpretación. Por iso sobresae unha dominación de ideas que poden resultar sacadas do tradicional, dunha manufactura popular; os seus referentes son motivos escultóricos que crecen desde as costumes, da necesidade de homenaxear ou facer pedagóxico un sentimento espiritual. A mostra, que se acompaña do enigmático título “As bagoas”, segue a insistir nunha ollada narrativa, agudamente literaria, pero lacera os lados non tanto do lugar como do persoal, fíxase na persoa, nunha mirada moito máis íntima; está claro que cambiou o contexto, logo, cambia o relato.
Unha imaxinería de alento popular, minuciosa e chea de referencias que cicela ou compón en pequenas pezas de madeira pulida, limpas, que ofrecen unha humildade e falta de snobismo, sen perder o fío dunha procedencia artesanal, porque quere varrer o seu propio chan e respirar o seu aire. Pequenas esculturas, acuarelas e traballos con taraceas co único argumento das bágoas, que medran e se ofrecen invadindo o espazo. A súa é unha tradición imaxinativa, desbordante, afectada, son obxectos que semellan gardar unha remota misión de exvoto ou ofrenda; mans, cabezas, casas e elementos que se adhiren cómplices. Ofrenda, o que queremos gardado nun intre de madeira; ofrecendo unha vontade de cambio, de rexeneración.
Unha tranquila fusión de valores humanos, biográficos, espirituais e relixiosos dun artista que, curiosamente, tivo unha formación clásica pero que non puido nin quixo illarse do alento do noroeste do Brasil, de Ceará, a súa rexión de orixe. Metamorfose. Brazos ou paxaros, lugares dun imaxinario de devoción recoñecida ou, polo menos, de atractiva interpretación. Porque Efrain sempre pretende emocionar desde o relato familiar, deixémonos levar.
X. M. Lens [correo]