Sempre un heroe
Leiro sempre sorprende. Nestas datas quizais nun grado superior pola coincidencia de tres exposicións en diferentes espacios da xeografía peninsular. Mentres vén de inaugurar unha mostra na Fundación Granell, prepara dúas novas para a próxima semana, unha máis próxima na galería SCQ e outra, máis complexa, no Palacio de Cristal de Madrid. Unha nova oportunidade para atopar un Leiro incitador.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
A presencia de Leiro no panorama creativo galego non veu sinalado, unicamente, pola participación na recoñecida colectiva “Atlántica”, na súa terceira edición; foi un espacio que funcionou, quizais no caso máis resaltábel de todos os seleccionados, de trampolín inmediato á xeografía peninsular, pasando do Pazo de San Xerome á factoría Marlborough nun intre fugaz pasando pola presencia en importantes mostra colectivas que etiquetaban eses anos oitenta e nas feiras de Arco e Basilea. Pero o seu traballo non é fugaz, resulta complexo e híbrido. A súa producción recolleu con ánimo as forzas do expresionismo nun momento de efervescencia creativa, nunha década dos oitenta con luces acesas con cores e materiais naturais, de madeira e ferro, de granito e identidade. Sentirse periferia foi un dos seus valores, unha periferia constante. Cambados, áncora coa terra e Nova York, áncora coa novidade —onde tamén vive e traballa desde hai anos— como exemplos de relación entre global e local, modernidade e tradición. Porque Leiro nunca descoida a tradición do material, da factura, e sobre todo da memoria.
Moitos seres
Homes e mulleres, monstros ou seres varios que se presentan nunha escenografía exultante, pero nos xestos, nos movementos, na mirada, no bater das ás. Exultantes na mensaxe. Narrativas literarias, agora mitolóxicas, agora de identificación popular, mentres todo segue a agromar como unha metamorfose de carnaval. Muda o cacho, dor de roupa, ninfas con lampreas, un Hércules descoidado agarrando unha cortina de baño ou un David meditando na súa zoca xigante; homenaxes a unha realidade que Leiro non quere descoidar.
Facianas surrealistas e facianas narrativas, reais. Fusión. Percorrer estas tres exposicións serve de percorrido pola producción de máis de vinte anos: a Fundación Granell recolle a súa obra surrealista, en sutil homenaxe ó espacio que o recolle, esculturas-obxecto e obxectos-escultura cheas de ironía e parrafeadas lúdicas. A vontade máis plástica repousa na selección de imaxes que presenta na galería SCQ, “Sombra anónima”, “Dosdorisco” ou “Buzo branco” retratan o Leiro de orixes matéricos, coa madeira como almacén de memoria; mentres, a áurica atmosfera, case inmaterial, do Palacio de Cristal do Retiro —burbulla branca-industrial nun manto verde— introduce a monumentalidade e as dirección máis expansivas.
Figuras e esculturas con ou sen pedestais, obras que dilúen os límites das propias pezas, que se contaminan de pintura, de elementos manufacturados, contaminados de desexos suxestivos e onde cae algún golpe certeiro de cicel. Tódalas vontades da madeira ou da pedra, terra prodixiosa, terra que captura, verdadeira —caoba, castaño ou granito— que recupera o poder da factura e a icona da escultura dun lugar, de Nova York ou Cambados, de Madrid ou Santiago.
X.M. Lens [correo]