culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

De cómo un explosivo creou os premios Nobel, se converteu en medicamento, en contaminante ambiental e resultou ser un espertador

O explosivo goma-2 foi inventado por Alfred Nobel, o creador dos prestixiosos premios Nobel. Está composto basicamente por nitroglicerina, unha sustancia que, curiosamente, tamén se utiliza para tratar enfermidades do corazón e que está ligada ao desenvolvemento do fármaco Viagra. A interesante historia dos productos relacionados coa nitroglicerina zumega ironía, ambición, ataques ao corazón, investigación química e explosións. Todo un novelón.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A nitroglicerina é un potente explosivo líquido que foi inventado en 1846 polo químico italiano Ascanio Sobrero. Ao principio non se lle deu moito uso debido a que é moi sensible aos movementos bruscos e resulta pouco doado de transportar e manipular. O propio Sobrero quedou marcado na cara por unha explosión deste líquido traidor. Pero vinte anos máis tarde, un intelixente e esperto químico e home de negocios sueco descubriu a maneira de converter algo tan perigoso nun composto manexable e seguro. Este home se chamaba Alfred Bernhard Nobel.

Xogando con lume
Alfred Nobel naceu en Estocolmo en 1833, fillo de Emmanuel Nobel, enxeñeiro e inventor, constructor de pontes e edificios, fabricante de minas e torpedos. Alfred nunca foi á universidade, senón que estudiou pola súa conta e con profesores privados. Aos 26 anos empezou a facer experimentos químicos coa nitroglicerina nun laboratorio xunto ao seu pai e o seu irmán pequeno Emil. Esta tarefa non era doada e, de feito, o seu irmán morreu nunha explosión en 1864. Pero Alfred seguiu a investigar métodos para facer a nitroglicerina máis segura, doada de transportar e de detonar. Finalmente, en 1866, logrou converter o líquido nunha pasta, ao mesturar nitroglicerina con sílice; un ano despois patentaba este novo material co nome de dinamita. Non tardaría moito en mellorar a cousa e patentar a dinamita-goma, unha mestura de nitroglicerina e nitrocelulosa. Segundo se conta, o de mesturar nitrocelulosa foi unha ocorrencia que xurdiu despois de cortarse accidentalmente nun dedo. Era común nesa época aplicar unha especie de tirita-líquida (que tamén se pode atopar hoxe en día) feita a base de nitrocelulosa. Pensou que ese líquido podía combinar ben coa nitroglicerina, probou a mestura, e a goma resultante resultou un explosivo aínda máis eficaz que a dinamita: era a dinamita-goma, antecesor da goma-2.

Unha explosión, de cartos
A dinamita pronto se converteu no explosivo máis utilizado en construcción, minería e, tamén, na guerra. Nobel abriu fábricas en máis de 20 países e chegou a ter 355 patentes. Morreu o 10 de decembro de 1896, convertido nun dos homes máis ricos de Europa. Ao ano seguinte de morrer descubriuse que doara a maior parte da súa fortuna para crear a Fundación Nobel, a cal se encargaría de premiar cada ano ás persoas máis destacadas nas áreas de Física, Química, Fisioloxía e Medicina, Literatura e Paz. Dende aquela, cada 10 de decembro se celebra en Estocolmo a cerimonia de entrega dos Nobel.

Prohibido axitar antes de usar
No mesmo ano que Nobel patentaba a dinamita, a prestixiosa revista clínica “The Lancet” informaba que unha sustancia chamada nitrito de amilo tiña a propiedade de reducir a dor nos casos de anxina de peito. Os médicos empezaron a investigar con sustancias químicas similares e decidiron probar cunha delas chamada nitroglicerina: o resultado foi estupendo e en 1879 se empezou a prescribir nitroglicerina como remedio para a anxina de peito; eso si, diluída, para evitar explosións. Sen embargo, aínda que funcionaba, os médicos non sabían cal era o mecanismo polo que actuaba no corpo humano. Houberon de pasar uns 100 anos ata que se descubriu: a nitroglicerina se transforma no corpo humano nun gas chamado óxido nítrico, o cal induce a relaxación do tecido muscular que rodea os vasos sanguíneos, facilitando a súa dilatación.

Esquizofrenia química
Cando os científicos descubriron que a sustancia implicada na acción terapéutica da nitroglicerina era o óxido nítrico non daban crédito. Ata entonces ese gas era coñecido por ser unha das sustancias máis contaminantes producidas polos tubos de escape dos coches, e tamén polo seu papel no corpo como radical libre (os radicais libres son sustancias químicas moi reactivas, xeran enfermidades e aceleran o envellecemento). Pois si, unha sustancia química con dobre personalidade, un Dr. Jekyll e Mr. Hyde que corretea polas nosas venas. As investigacións dos últimos 25 anos sobre o óxido nítrico son, xa de por si, outra historia espectacular. O premio Nobel en Medicina e Fisioloxía do ano 1998 foi para tres científicos que se dedicaron a investigar as propiedades do óxido nítrico no noso corpo. Agora sabemos que este gas é o controlador do principal mecanismo vasodilatador do corpo humano. Unha consecuencia destas investigacións foi o desenvolvemento do fármaco Viagra, que potencia os efectos do óxido nítrico nos vasos sanguíneos do pene, favorecendo a erección. Pero a película non termina aquí, xa que a lista de funcións deste gas non para de crecer. Hai pouco que se descubriu que funciona no noso cerebro como neurotransmisor: favorece a comunicación entre as neuronas.

O “colacao” das neuronas
No grupo de investigación da Universidade da Coruña do que formo parte, Neurocom, estamos a investigar, entre outros proxectos, as funcións do óxido nítrico no cerebro. Temos descuberto que é importante para a transmisión dos impulsos nerviosos que dan lugar á visión; e tamén que é unha das sustancias que fan que nos espertemos cada mañá: cando chega a hora de interromper o sono, un grupo de células libera ese gas por toda a cortiza cerebral, excitando a miles de millóns de neuronas. Hummm...bos días.

Este mundo é unha probeta
Todas as sustancias que existen na natureza foron cociñadas no mesmo pote: as estrelas, esas fábricas termo-nucleares que debuxan os ceos pola noite. Na química da vida parece que hai máis demanda de funcións que oferta de sustancias, de xeito que algúns productos químicos están pluriempregados. A goma-2 está composta por un fármaco para a anxina de peito e máis un líquido que se usa para curar pequenos cortes; toda unha ironía. Ese mesmo relaxante muscular é un contaminante atmosférico, un perigoso radical libre, un neurotransmisor e unha sustancia clave para a erección masculina.

Pouco antes de morrer, o médico prescribiulle a Alfred Nobel nitroglicerina.
Padecía de anxina de peito.

Ligazóns:

A historia da nitroglicerina e o óxido nítrico


Biografía resumida de Alfred Nobel

As nosas investigacións sobre o óxido nítrico (en PDF):

Nitric Oxide-Mediated Cortical Activation: A Diffuse Wake-Up System

Sight and insight – on the physiological role
of nitric oxide in the visual system



Nota: O explosivo goma-2 foi o utilizado nos atentados do 11-M en Madrid.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org