culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Os apelidos de Compostela

Dez artistas reúnense nestes días no CGAC baixo unha mesma misión: analizar as moitas facianas que solta a cidade de Compostela; o proxecto, baixo o comisariado de Miguel Fernández-Cid, ocupa dúas plantas do centro e poderase visitar ata o próximo 30 de maio.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Calquera compostelán que nestes días se achegue ó CGAC poderá descubrir as realidades múltiples que nove visitantes e un habitante lle ensinan da súa cidade. Calquera galego que se achegue poderá descubrir as realidades coas que se atopa un día determinado entrando nesta cidade; así poderíamos seguir en círculos concéntricos ata tantos públicos, visitantes, como “Compostelas”. Tantos relatos como poetas, tantos como novelistas o xornalistas, e tantos como habitantes. O que representa de orixinal a mostra “Compostela” é que ensina a ver unha localidade con moitos ollos, identificativos, cómplices ou enigmáticos.

Moitos tempos, moitas lecturas
Nada resulta casual. Existen dez artistas seleccionados, nove autores-visitantes e un-habitante. Nove direccións de encontros e unha de regreso; queda claro que atopamos varias formas e sobre todo varios resultados, pero será o espectador atento o que analice cada unha delas coa destreza crítica. Falamos de visitantes e quedámonos diante dun caderno de viaxe, onde se anotan cada unha das anécdotas e vivencias que nos atraparon, quedan fotografías e obxectos, nunca invisibles ou pretensiosos, sempre identificativos dunha personalidade, dun determinado momento e unha misión significativa. Así debemos de entender cada unha das propostas que ofrecen estes dez artistas que se dispersan desde as fiestras ata un soto alterno, desde as imaxes urbanas-persoas de Beat Streuli ata as imaxes urbanas-industriais de Monserrat Soto.

Tempo para pensar na súa arquitectura, nas súas rúas, prazas e edificios, no espacio residual que rodea o casco histórico determinado en barrios periféricos de escasos signos de autenticidade. Tempos para a memoria e o silencio das pedras, tempo tamén para a crítica dos comportamentos sociais, que afectan a tódalas cidades do chamado primeiro mundo. Unha cidade como Santiago recolle tódalas sombras e luces da urbe actual, os vestixios do pasado e os ritmos do presente, pero engadido polo peso dunha memoria histórica de acentos relixiosos moi fortes, que pesa tanto como a sombra de tres picos catedralicios; logo veñen os turistas, os universitarios ou o funcionariado; no medio, xente na Porta Faxeira camiñando polo paso de peóns.

Laboratorio urbano
Dez observadores dun mesmo lugar, un territorio acoutado polo río Sar e o seu afluente o Sarela, entre lenes outeiros e unha liña imaxinario que o atravesa chamada “autoestrada emblemática”, que leva a imaxe de localidade referencial por toda a nosa xeografía. Dez observadores de territorios universitarios, turísticos, cotiás ou simplemente urbanísticos. Nove visitantes, Beat Streuli xogando a ser gótica, Roland Fischer (interesante a súa imaxe paisaxística da Facultade de Ciencias da Comunicación), Gabriele Basilico ou Humberto Ribas na ollada perenne, histórica (desde o centro ou na periferia) ou Günther Förg desde unha vertente arquitectónica impresionante; Lorna Simpson ou Peter Wüthrich desde a memoria ou Lars Arrhenius analizando o concepto do hábitat. Unha última parada calculámola na obra de Rubén Ramos Balsa, un dos artistas galegos máis interesantes, de curta pero desbordante traxectoria, só sirva o dato de que no pasado Arco puidemos velo en dúas galerías non galegas (Fúcares e Mario Sequeira) e todo cunha única mostra individual. A súa proposta nesta exposición sintetízase nun enigmático “Días Solares”; quedei completamente fascinado polo seu traballo denso, concentrado. A súa complexidade compositiva desborda o traballo dos seus veciños, incluso co gran Günther Förg, co que comparte a primeira das salas, queda nun digno empate. O seu logro de atrapar o tempo, de poñerlle acentos fotográficos reflicte á perfección o paso do tempo dunha cidade, o seu sitio nun territorio en nunha época.

Trátase a cidade como un laboratorio, non como un almacén; curiosa relación entre cidade e centro de arte, e sobre todo, a curiosa independencia temática centrándose no social, no persoal, a diferencia das propostas que baixo o signo “xacobeo” quedan na xeografía galega. Sen desmerecer estas propostas, a presente mostra queda como un esforzo desde o contemporáneo de difícil parangón e, sobre todo, desde a idea de proxecto, cambiante, vital, como se debe definir o mundo expositivo.


X.M. Lens [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org