O magnetismo terrestre: faro, escudo protector e moito máis
Os órganos dos sentidos son o pasaporte ao mundo que nos rodea. De maneira inconsciente estamos recibindo continuamente miles de bits de información que, unha vez procesados e mastigados polo cerebro, se converten en experiencia persoal. É moi fácil, coa axuda da ignorancia que nos é innata, caer no egocentrismo e interpretar a natureza tendo en conta só as nosas percepcións conscientes. Crer no sobrenatural é un terrible exercicio de arrogancia; “como eu non o percibo con claridade, deber ser algo que non pertence a este mundo”. As toupas cegas son seres sobrenaturais: ven estupendamente, pero non precisan da luz, usan unha enerxía que nós, seres naturais, ignoramos: o campo magnético terrestre. ¿Ou é que non a ignoramos?
O escudo de plasma
O planeta Terra é, afortunadamente, un poderoso imán xigante, que ten a delicadeza de xerar un campo magnético con influencia ata máis de 300.000 Km de distancia. Digo afortunadamente porque esta forza invisible crea un escudo arredor noso, a magnetosfera, que nos protexe das radiacións do vento solar (unha corrente de gases ionizados procedentes do sol que viaxa a uns 400 Km/s). Algunhas das partículas do vento solar conseguen burlar o escudo máis externo, pero non é problema, de seguido se atopan con outra capa das liñas do campo magnético, e quedan atrapadas. A terra está rodeada por dúas rexións cunha alta concentración destas partículas prisioneiras: os cintos de radiación de Van Allen, escudos de plasma como os das naves das películas de ciencia ficción, so que estes son de verdade. Satélites, naves espaciais e, sobre todo, astronautas, evitan pasar a través deles, non é bo darse un baño deste tipo de radiación.
A bordo dunha dínamo colosal
No ano 1600 o británico William Gilbert publicou “De Magnete”, ofrecendo unha explicación racional de por qué as agullas dos compases teñen esa costume tan útil de apuntar cara ao norte magnético (que, por certo, está desviado uns 11 graos do norte xeográfico): a Terra é unha especie de imán xigante. Sen embargo, aínda non está claro cómo se orixina esta forza. Os campos magnéticos prodúcense polo movemento de cargas eléctricas; no caso do imán terrestre, os científicos cren que se orixina por correntes eléctricas formadas no seu interior gracias ao movemento de convección dunha masa de metais líquidos (ferro e níquel fundidos que se atopan arredor do núcleo de ferro sólido do planeta) en combinación co movemento de rotación do planeta. A este mecanismo se lle chama o efecto dínamo. Outra característica aínda máis misteriosa do campo magnético da Terra é que, de cando en vez (aproximadamente cada medio millón de anos), se inverte: o norte magnético pasa a ser o sur. Nos últimos 150 anos a forza do campo magnético actual se debilitou un 10 %, polo que os científicos pensan que pode ser o inicio dun destes cambios. O último aconteceu hai 780.000 anos.
Iluminación de distintos tipos
Esta forza invisible, ademais de axudar aos navegantes e de crear un escudo protector de plasma, é unha fonte de enerxía utilizada por varios grupos de paxaros, peixes e tartarugas para orientarse. Sen embargo, segundo un traballo publicado recentemente na revista PNAS por un grupo de científicos Israelís e Suízos, o ser vivo que utiliza con máis ímpeto este compás é un novo membro desta familia de navegantes: a rata-toupa. Este animal é cego, e pasa a maior parte do tempo escavando auténticos labirintos subterráneos. Pero o feito de que non teña ollos non quere dicir que non produza unha imaxe do mundo no que vive. Os humanos creamos unha imaxe a partir de fotóns de luz, os morcegos a partir de ondas sonoras; pola súa banda, as ratas-toupa utilizan o campo magnético terrestre, combinado coa memoria, para “visualizar” os camiños polos que corretean alegremente.
- ¡Bos días veciño!, parece que se está poñendo mal o tempo e non se ve nada – díxolle unha rata-toupa a outra.
- Si, sempre pasa o mesmo cada vez que as tormentas de vento solar modifican o campo magnético do noso fermoso planeta de túneles.
Esta forza si que nos acompaña
¿Cómo captan os animais esta información? ¿Onde teñen o compás? Non se sabe con seguridade, pero probablemente se deba á existencia no cerebro de pequenos cristais dun imán natural, a magnetita. Incluso é posible que os seres humanos tamén teñamos un detector deste tipo que, dende logo, non usamos conscientemente. É moi probable que o campo magnético nos afecte dalgunha maneira, xa que o noso organismo está atiborrado de partículas con carga eléctrica; a crenza popular de que se durme mellor orientando a cabeceira da cama cara ao norte pode ter unha explicación científica, haberá que investigar. Pero, dende logo, non se debe a algo sobrenatural, eso, insisto, non existe.
LIGAZÓNS
-
William Gilbert
http://es.rice.edu/ES/humsoc/Galileo/People/gilbert.html
-
Artigo publicado en PNAS (Proceedings of the National Academy of Sciences)