Ironía na néboa
Mentres preparamos a viaxe de Arco, que inaugura mañá mércores, é un bo momento para pasear polas mostras que seguen latexando no territorio do grelo. Vigo oferta nestes días mostras de calidade, todas desde diferentes filosofías e direccións, pero exemplos de acertos desde a xestión privada.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Tarde de venres, antes de asistir á inauguración da mostra "Arte e fotografía" no Marco, ocupamos parte da xornada despregándonos polas rúas que apertan o seu perímetro cultural. Primeiro aparcamos un momento da atención nas novidades da Casa del Libro para mercar o último traballo de Juan Luis Cebrián. Logo deixámonos caer por dúas mostras que nestes días recrean xeitos diferentes de actuar desde a opción cultural privada: A galería Ad Hoc e a Fundación Caixa Galicia.
Ironía dual
A primeira das escalas establécese desde o espazo da galería, podería ser en VGO na mostra de Carlos Crego ou en Bacelos coa de Albargonzález, mais retemos a viaxe na galería Ad Hoc que, nestes días e antes de viaxar a feira de Arco, recolle a obra de dous artistas moi interesantes: Suso Fandiño e Patricia Iglesias. Convén sinalar primeiro unha matización, a segunda das artistas intenta, agora, apostar por un cualificativo tremendamente ilustrativo: Bichita. Unha fórmula de presentación persoal do seu propio traballo. Este diálogo adopta unha posición de camuflaxe desde diferentes disciplinas técnicas e desde unha mesma actitude de crítica ou fórmula irónica. Suso Fandiño aposta por unha reflexión desde o problema de autoría na historia da arte, para o que recorre a pretextos de apropiación, de xogo e sarcasmo cara ao espectador: encontrar a Warhol ou ao camareiro de Vacacións no mar, todo centrifugado coas teorías dun dos "popes" da teoría actual, Arthur C. Danto. Entrementres, Bichita presenta unha emocionante historia de supernenas e superdivas que, baixo pautas escatolóxicas, se transforman CHAS !!! en supercagada, superpeido ou outras labazadas de ironía directas ao espectador. Partimos dunha clave que pode resultar obvia: a complicidade e activismo do visitante, que gozará moito nesta mostra se escoita atento. Pensar. A galería deixa este espazo, propio dun piso como sucedera con Trinta en Santiago, para trasladarse a unha nova sede máis ampla no número 9 da rúa Lóriga. Alí a visitaremos na próxima mostra.
No tempo, a néboa
Queda a rúa García Barbón entre rehabilitacións de espazos industriais e igrexas neos. Pasamos debaixo da sorte de pilono que representa a restauración da nova sede da Fundación Pedro Barrié de la Maza, dirixida polos arquitectos Tuñón e Mansilla. Chegamos á sala de exposicións da Fundación Caixa Galicia e Tino Grandío, despois de ascender polas obras de Jorge Castillo, non deixa de sorprendernos. A súa produción pertence a ese grupo de creacións que alternan entre diversas direccións emocionais, desde a evanescencia da pincelada difusa até a concreción do xesto, da anécdota; da pincelada paixón ate a pincelada do negro. Negro sombra e negro silueta, branco pureza e branco luz. Paisaxes mínimas dun "Arando cedo", cunha ollada á abstracción europea de posguerra, e a lembranza temporal a un "Franco" moribundo nunha enorme cadeira de frade que se esvaece na néboa da xustiza, ao lado un xarrón, metáfora do cotián. Grandío adoraba a obra de Braque e Pancho Cossío, algo das súas sensacións terreais, de liñas ocres e pintura tenra está nesta mostra. "Cando Bacon pinta anxos, sáenlle demos. E eu cando pinto demos, sáenme anxos". A mostra, que podemos ver ate finais de febreiro, resulta dunha calidade excepcional, fala e redescobre a un grande artista e unha obra que retrata unha época desde a serenidade. Non resulta causal que vira en Vázquez Leal o "purgatorio eterno". Queda para sempre.
Chiscadeiras ao espectador, emocións enfrontadas e lecturas do pasado desde a calidade. Formas de traballar na opción privada, tremendamente coherentes.
Quedamos para a próxima semana, unha vez atravesado o panorama grego desta edición de Arco. Este ano asistiremos a unha embaixada de artistas arroupados nas cinco galerías galegas, noutras peninsulares e nas presenzas institucionais. Haberá sorpresas. De paseo por Madrid podedes ver a Menchu Lamas na galería May Moré, Fernando Casás no Círculo de Bellas Artes ou a Elena del Ribero en Elvira González; se aínda estades a tempo, anotádevos no I Congreso Internacional de Estudos Visuais, o programa é excepcional. Tamén podedes pasar por Flecha, a vertente alternativa de Arco, porque non todo é "arriba e abaixo".