culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

A memoria pincel

Nos próximos días coincidirán no MARCO de Vigo dúas mostras que reflexionan desde e ante a fotografía: desde “O feito fotográfico” ou fronte ás relacións entre “Fotografía e arte”. Partes dunha mesma intención de rexistrar a realidade.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Facer do próximo algo que se agarra, que se instala na historia, non semella un traballo doado. Atrapar unha historia e facela de seu. Esa foi unha das misións do certame Vigovisións que se desenvolvía dentro do proxecto da FotoBienal dependente do Concello de Vigo, baixo o comisariado de Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal e do Centro de Estudios Fotográficos. Na actualidade a súa realización está paralizada, no seu lugar, o MARCO recolle unha sorte de relevo, presentando unha serie de mostras que reflexionan desde a fotografía e que pretenden facer brillar a forza e interese que desprendía a citada iniciativa, que a día de hoxe xa non se realiza. “O Feito fotográfico. A colección fotográfica do Concello de Vigo 1984-2000”. converte en presente esta marabillosa colección e prolonga a liña iniciada pola mostra realizada o pasado verán “Vigovisións, 1986-2000”. A presente exposición, que se localiza na primeira planta do museo, recolle unha selección de 107 artistas con máis de 300 fotografías e fará compaña á que se presentará na planta baixa, “Fotografía e Arte. Variacións en España 1900-1980”, que se inaugurará o próximo venres, ofrecendo tamén unha faciana diferente do ámbito histórico da fotografía.

Fotografía + memoria
A fotografía deslígase ou apégase á realidade, como un celofán, como un Scocht Brite. Abrasa, modela a superficie dun momento, dun determinado alento ou dunha afastada sensación que non podemos definir; linde de émocións, poucas cousas son tan clara como unha boa fotografía, poucas partes da nosa información expresan tanto como o retrato de Dorothea Lange sobre unha muller pobre cos seus dous fillos. Miseria e heroismo. Queda na mente, queda para sempre. Mirada, instante, xesto, intención. Case como unha arquitectura que queda nos ollos no horizonte ou un anaco de poesía de Carlos Negro, xa non falo de grandes mitos nin historias, eu quédome coa pose heróica dos mariñeiros de Delmi Álvarez. Fotografía tamén de cristal, e fotografía de soños, de mortos e de vivos, fotografía de pasos de formiga. Surcos na memoria, Luis González Palma brillando desde a mestizaxe e Vari Caramés desde a humidade, o vafo da vida.

Sempre se trata de peles, de historias que se recubren co acento do fotógrafo e quedan nun arquivo único, para todos. Sempre se trata de facer historia, por iso reconstruirmos o noso pasado trenzando pequenos diarios personais, Xurxo Lobato, Vitor Vaqueiro ou Xulio Correa saben moito desta linguaxe de achegamento; pero tamén ten cabida a óptica da arte recente nas obras de Andrea Costas, Zoraida Marqués, Suso Fandiño, Mar Caldas, Cristina Rodríguez, Roberto Ribao ou Salvador Cidrás, entre moitos outros. A obra de Pepe Galovart ou os hipercoñecidos retratos de Aziz + Cucher serven de peche deste percorrido, case biográfico, pola historia dos últimos vinte anos e serven de porta de acceso —cara ás fusións e á contaminacións pictóricas— para a seguinte das escalas, xa na planta baixa, coa mostra “Fotografía e Arte”. Antes de baixar, unha última vontade, insistir na necesidade de prolongar iniciativas como a FotoBienal de Vigo —recuperar, estudar e difundir a fotografía histórica galega e dinamizar a fotografía contemporánea—, porque niso tamén reside o éxito desta mostra e a iniciativa de levala a cabo desde dirección do museo; recollidos todos os seus logros no material documental que ofrece a mostra, nas publicacións, revistas, catálogos e folletos que se foron producindo ao longo destes anos e que foron presentados noutros espazos emblemáticos da mesma cidade, a Sala dos Peiraos e a Casa das Artes.

Fotografía + pincel + cuter
A planta baixa do museo, despois das embaixadas visuais portuguesas, loce unha achega paralela á fotografía: “Fotografía e Arte. Variacións en España 1900-1980”, que logo viaxará a edición deste ano de PhotoEspaña e o CAAM das Palmas. Comisariada por Horacio Fernández, director artístico da citada PhotoEspaña posúe entre os seus comisariados exemplos tan representativos como “La fotografía moderna en México” (IVAM) ou “Fotografía pública” (MNCA Reina Sofía). A mostra pretende ser un itinerario polas relacións que definen o título da mostra, as vinculacións ou cruces estabelecidos entre distintos xéneros e técnicas pitórico-fotográfico, principalmente desde o retrato e a paisaxe; prototipos de experimentacións estéticas. Mirar, “o ollo do fotógrafo e o do artista, en tres vertentes: a fotografía subordinada ás artes plásticas, a fotografía como linguaxe artística independente e a fotografía como ferrmaneta de traballo artístico”. Cinco canles de viaxe: Ortiz Echagüe ou Langdon Coburn marcando os inicios, as primeiras experimentacións; os anos trinta de José Suárez, Paniagua ou Cartier-Bresson; as Misións Pedagóxicas e Renau nesa marabillosa vertente documental; Virxilio, Cuallado, Masats ou Maspons definindo a negra época, marcada en luto, da posquerra europea; finaliza o pretexto de diálogo nos anos setenta con Joan Fontcuberta, García Rodero ou Carlos Pazos, entre outros, na presentación da fotografía na súa magnitude e na entrada trunfante no territorio da arte contemporánea.

Fotografía, pel de memoria ou pel de acuarela. Técnica ou historia, modos de achegarse a unha mesma realidade. Son estas dúas excelentes mostras acertos expositivos de reflexións estéticas, de cruces entre territorios e disciplinas, desde o presente para o futuro, porque o tópico queda ás veces como a mellor das etiquetas.


X.M. Lens [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org