culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

O ollo fragmentado

Nas instalacións de Sargadelos no Castro, en Sada, danse cita nestes días unha selección de artistas que, dentro do VIII Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz, delimitan unhas das moitas dirección da arte galega actual. Un pretexto de achega e de seguir tomándolle o pulso ó contemporáneo.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Sigo atrasando a miña lectura da mostra sobre o corpo no Centro Cultural de Belem (Lisboa), tamén a redacción de Mies Van der Rohe na Fundación Barrié, a de Pablo Orza na galería SCQ, a de Mauro Trastoy en Espacio 48, a ollada fotográfica colectiva do MARCO ou a valiosa aposta pola nova tecnoloxía desde a Fundación Caixa Galicia co proxecto “Imaginarte”. Pero sigo pensando en certames que destilen grandes doses de imposibilidade, de resistencia.

Grandes redes
Volvendo de ver os impresionantes videos de Eulalia Valdossera, Fernando Sánchez Castillo ou Cristina Mateus na devandita iniciativa “Imaginarte” pousei unha mirada e camiñar dialogante na inauguración da mostra do VIII Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, que se celebra no Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada. Lugar de utopía e realidades de encontro entre arte e deseño, entre arte e imaxinación comercial. A fortaleza do propio Isaac Díaz Pardo, presente activo, traspasaba cada unha das vontades coa súa sinxeleza e claridade. Este nova edición, que nace da Deputación da Coruña —despois do cambio político— prosegue desde os parámetros que a viñeron sustentando ó longo destes anos, apostar pola creación desde valores “tradicionais”, en formatos de pintura e escultura, aberto nesta ocasión a unha humilde presencia de fotografías. Esta aposta recompénsase coa selección dunha serie de obras que son adquiridas pola Deputación e que posteriormente pasarán a formar parte dos fondos do novo espacio que a institución está a construír denominado “Centro das Artes”. A calidade das obras exportas presenta, sen embargo, unha montaxe excesivamente provisional, onde se agradece o ámbito industrial pero non os panelados e a estraña división das obras. Unha montaxe pouco coidada pero que se desculpa polo carácter itinerante da mostra por diversas sedes expositivas da provincia; un compoñente social e educativo que tamén temos que valorar.

A mostra volta a ofrecernos a producción creativa dun número considerable de autores que ensinan unhas das pautas posibles, moi concretas, de formalización dentro da paisaxe plástica actual. Isto é, posiblemente, un dos puntos positivos desta xuntanza que xoga ó seu favor, aínda que delata certas carencias, como a menor importancia da fotografía, a pouca selección de escultura e, principalmente, a non aposta polos novos medios, sobre todo a videocreación. Será un dos grados que, penso, se depurarán en próximas edicións, e que irán reforzando un dos certames e iniciativas máis relevantes e coñecidas da nosa xeografía cultural. Con todo a maioría das obras presentadas ofrecen unha calidade incuestionable, alternando entre varias xeracións de artistas, desde verdadeiros novos valores ata nomes xa consolidados.

Paisaxe plural, paisaxe fragmentaria
A paisaxe defínese na alternancia de nomes; danse cita os diferentes códigos de comunicación da actualidade centrados en tres direccións: pintura, escultura e fotografía. Esta edición amosa unha heteroxénea selección, realizado por un xurado, onde se mesturan idades, nacionalidades, pinturas e pinturas, abstraccións e citas, inquedanzas e lecturas, que a converten nunha sorte de diccionario artístico da pintura. Manuel Painha segue a insistir na presencia cromática mínima, con referencias pop, as mesmas pautas que definen a lectura preto do kistch de Montse Rego, na súa imaxe das pernas dunha Barbie desfilando diante dun descaporable rosa; retrotraéndonos a unha infancia de soños de primeiro mundo, ó tempo que é unha ácida crítica á sociedade de consumo actual. Mentres a obra de Carlos Macía, como a de María José Santiso defínese na estructuración do lenzo en capas concentradas, en texturas nun proceso de construcción, igual que Cruz Pérez Rubido. A cor explícase como un mecanismo de grandes resultados, Manuel Bouzo condensa tramas nunca paisaxe infinita e Edmundo Paz en filamentos itinerantes. Yolanda Ferrer imaxina unha paisaxe imposible, o mesmo que Alfonso Rego ou Manuel Santiago López Vázquez; o detalle, o anaco de artificio.

Conclúe a figura risoña de Yolanda Martínez Dorna, agresiva e próxima, así son os certame colectivos de creación actual; dezasete artistas con diferentes obras desde o punto de vista temático, matérico e literario; diseccións ou simples retratos dunha sociedade, en fin puntos de vista e, sobre todo, pulsos que definen un termómetro. O certame Isaac Díaz Pardo é un bo comezo, así debemos velo, logo veñen as reflexións, pero dezaoito anos non se cumpren todos os días.

X.M. Lens [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org