Pintura pozo
A galería Trinta, despois de recoller as luces de Chema Madoz, recibe a pintura emoción, a pintura pozo de Xesús Vázquez, un dos artistas máis interesantes da actualidade.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Teño que recoñecelo, este parágrafo ía comezar cunha reflexión sobre o corpo e a arte, con motivo da mostra que nestes días se celebra no Centro Cultura de Belém, en Lisboa, e que recomendo visitala; pero tamén teño que recoñecer que sempre me fascinou a pintura de Xesús Vázquez, polo que Jeff Koons, Eric Fischl ou os irmáns Chapman quedan para a próxima semana. A obra de Xesús Vázquez existe desde o impulso de facerse ver, desde a emoción da cor e o poder do signo. Anaco e silencio. A súa obra podemos agrupala nese grupo de artistas que, desde a década dos setenta, reflexiona desde e ante a pintura. A súa traxectoria comeza na súa cidade natal, e será no Museo Arqueolóxico de Ourense onde ensina as súas primeiras leccións pictóricas no ano 1968; é unha cidade á que sempre volta, como fixo na pasada mostra no Centro Cultural da Deputación. Desde esa data tan carismática o seu traballo evoluciona nunha infinitude de exposicións e longos pasos de traballo, longos períodos de únicas direccións; unha madurez presente que o instalan de cheo como un dos autores máis recoñecidos do panorama actual. Son moitas as súas presenzas expositivas, talvez tantas como proxectos ou pulsos á actualidade.
Pintura rede, paisaxe
O seu traballo céntrase na representación dun espazo onde recrear; lenzo como soporte-barómetro. Na súa traxectoria non resulta azaroso que estivese vinculado ao colectivo Atlántica —grupo para nada azaroso—, na seu terceira e última presenza expositiva (1983). Son pinturas de expresión, recreacións de espazos mitolóxicos; un momento onde non resulta casual que, en 1979, escriba o poema "Mitad del gozne", onde se fusiona ética e poética. O cabalo de Troia como metáfora de invasión desde a estratexia. Serán as súas obras de comezos dos anos noventa as que representan unha depuración non tanto de imaxes senón do refinamento da pel do lenzo; unha dirección non tan directa senón depurada e referencial. As súas recoñecidas batallas están entre o mellor da arte española deses anos, marcando de forma tremendamente ilustrativa o paso dunha pintura de expresión a unha pintura colectiva, de proxecto. Son estas obras prototipos de universalidade, letras que forman un título, un sentimento, unha emoción concentrada e fondos que definen unha escena cotiá, pasiva.
Pero a pintura non para quieta, non para de concretarse no magma da superficie. O poema prende e nada se concreta; todo se adiviña sen pausa. Son estas as sensacións que definen as súas últimas obras, ou mellor dito, as luces que prenden nas pinturas e debuxos destes últimos anos, e que hai medio ano puidemos ver no Centro Cultural da Deputación de Ourense. Foi un grande salto, pasar desde a metáfora do mito á paisaxe lírica, impulsiva, pasando polo resumo da historia concentrado en paisaxes de batallas. Foi un grande salto tamén para a súa propia esixencia profesional. As súas últimas obras defínense desde unha opción de facer explotar un fondo e darlles un maior protagonismo aos signos, aos emblemas que recubrían ou mesmo flotaban enriba das súas paisaxes. Será a emoción a mesma que marca as liñas, os obxectos que se delimitan por liñas impecábeis, agora por liñas infantís. Os seus campos visuais son exploracións de posibilidades expresivas, onde queda a luz, os bordos de luz e caen as referencias heroicas, quedan as pausas, os percorridos interrompidos. A nova pintura, nova pintura pozo, almacén de obxectos e formas, corpos e literatura concentrada, esqueletos de emblemas.
A presente mostra esperta calidade; a mesma que lle confire un autor de presenzas dilatadas que nin quere nin pretende sorprender.
X.M. Lens [correo]