culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

A r-evolución que está por vir

Os seres humanos actuais somos producto dunha evolución que comezou co “Big-Bang”, hai uns 13.700 millóns de anos. A selección natural, xunto con outros mecanismos evolutivos, perfilaron e seguen a modificar os seres vivos actuais. Pero os motores que impulsan os cambios non son fixos, e factores como a cultura e a tecnoloxía están a influir cada vez máis nos procesos de cambio e no rumbo que tomarán os seres humanos. É posible que dentro de poucas décadas deixemos de ser Homo sapiens para converternos en algo distinto, en Cyborgs.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
“Cyborg: nome. Persoa na cal o funcionamento fisiolóxico está axudado ou depende dun aparato mecánico ou electrónico”. Ou sexa, unha combinación entre persoa e máquina. A verba ven de “cybernetic organism”, nome dado por Manfred Clynes e Nathan Kline, da NASA, a propósito das próteses desenvolvidas para axudar aos humanos que voan en naves espaciais. Moitos científicos e filósofos actuais pensan que este vai ser o seguinte paso evolutivo da actual especie humana, algo que ven como completamente natural e incluso irremediable.

Un cambio rápido, pero natural
Pero non hai nada que remediar. O cambio, a evolución, é algo innato dos seres vivos. O tempo dunha vida humana é un chisco de ollos en termos evolutivos, por eso temos a sensación de que nada cambia; as mesmas montañas, os mesmos ríos e os mesmos continentes. Unha mutación xenética con resultados espectaculares ou un terremoto de gran intensidade nos recordan de cando en vez que isto se move. Como tantas outras cousas en ciencia, o feito de dar un nome científico a cada especie viva non é máis que un útil artificio. Pero todo cambia, pouco a pouco ou en saltos bruscos. E non só dende o punto de vista biolóxico, tamén a sociedade está a mudar a un ritmo de medo: fai uns séculos a xente non tiña a mesma sensación de cambio, os avós tiñan a mesma vida que os netos; pero agora, unha xeración, ou menos, basta para crear diferencias ben claras. (Experimento: fálalle de mp3, linux, fotografía dixital e bebidas enerxéticas aos teus avós).

Andy Clark (profesor de filosofía na Universidade de Indiana) cre que somos cyborgs natos, e que a tendencia cara a unha hibridación humano-tecnoloxía é algo tan antigo como o uso da linguaxe (un incremento mais na nosa capacidade de computación), que pronto seremos seres pensadores cunha mente producto da simbiose entre encéfalos biolóxicos e circuítos non biolóxicos. As novas tecnoloxías se adaptan cada vez máis ao noso corpo, de maneira activa e automática, polo que a separación entre máquina e usuario vai desaparecendo. Dentro de pouco teremos tálamo, hipotálamo e un microchip cerebral con toda a historia antiga e os diccionarios de alemán, inglés e mandarín (moi útil para entenderse cos recepcionistas do hotel en Pekín). Curar unha tetraplexía será tan fácil como ampliarlle a memoria a un ordenador.

¿Cánto tempo falta?
Todo isto, que hai unhas décadas soaba a ciencia ficción, xa non é tal, debido ao crecemento exponencial da bioinformática, biotecnoloxía e tecnoloxías da información. Algúns científicos, como Ray Kurzweill, cren que o advenimento dos cyborgs será cousa de 50 anos. Segundo os seus cálculos, nos vindeiros vintecinco anos o cambio será tres veces maior que en todo o século XX, e todo o século XXI será equivalente a 20.000 anos... dos de antes. Segundo Kurzweill, pronto coñeceremos con precisión as conexións e o funcionamento do encéfalo humano, polo que será posible reproducilo nun ordenador e crear entes pensantes con corazón de silicio. Poderás “descargar” toda a información do teu encéfalo nunha destas máquinas, polo que esta pasará a ser...ti. Non so iso, senón que serás “ti” pero cunha velocidade de procesamento moito máis rápida e precisa. Se te preocupas de facer copias de seguridade con regularidade, alcanzarás a inmortalidade.

Humanos para sempre
Pero non todos os científicos e tecno-filósofos cren que a hibridación home-máquina se vai a conseguir en tan curto prazo, e algúns, como o físico e matemático Roger Penrose, pensan que nunca se poderá emular o sistema nervioso e a consciencia nunha máquina. A pregunta máis importante segue a ser esta: ¿é a consciencia simplemente o producto da estructura e función do sistema nervioso ou, pola contra, hai algo innato á materia viva que é imposible de reproducir nunha máquina? Ninguén o sabe. Incluso dentro do grupo dos que pensan que o advenimento dos cyborgs é só cousa de tempo, hai pensadores que non cren que sexa tan “fácil” e inmediato. Jaron Lanier (científico computacional, creador do termo “realidade virtual” e un dos seus precursores) é un dos grades críticos dos cyber-totalistas, a forma que ten de chamar a pensadores como Kurzweill. Lanier cre que as máquinas conscientes e os cyborgs aínda están moi lonxe de ser realidade. Un dos principais problemas é a mala calidade do software actual, moi inestable e con pouca plasticidade.

O planeta efémero
A tecnoloxía é un proceso evolutivo con crecemento exponencial, unha continuación da evolución biolóxica. Non hai nada de malo nin de de artificial nesto, é tan natural como a choiva, nos guste ou non. A vida leva facendo o mesmo dende hai uns 3.500 millóns de anos. A novidade é que somos a única especie que está a combinar o seu acervo biolóxico coa súa propia evolución cultural e tecnolóxica. Pero, ¿por qué alterar os nosos corpos en lugar de permanecer iguais? Marvin Minsky (un dos pioneiros en intelixencia artificial, profesor do MIT), cre que isto é así porque non temos outra alternativa. Se pensamos en escalas cósmicas de tempo, a evolución a cyborgs será a única maneira de non extinguirnos. Por moitas razóns, entre elas o feito de que o Sol destruirá o planeta Terra en menos de 5.000 millóns de anos. Hai que ir pensando nos chalecos salvavidas.

Ligazóns

Ray Kurzweill
http://www.kurzweilai.net/index.html?flash=2

http://www.kurzweiltech.com/aboutray.html

Roger Penrose
http://www.edge.org/3rd_culture/bios/penrose.html
http://homepage.mac.com/karsvall/srps/

Jaron Lanier
http://www.advanced.org/jaron/

Marvin Minsky
http://web.media.mit.edu/~minsky/

O primeiro cyborg
http://www.cnn.com/2002/TECH/science/03/22/human.cyborg/

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org