culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Luces de bombillas

Cando chegaba o verán, as vacacións de agosto, quedabamos atrapando moscas contra un parabrisas de praias; agora atrapamos peóns e bombillas de cores nas rúas ateigadas, camiño do agasallo de última hora.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Das 21 galerías, máis ou menos representativas, mais con programacións estábeis, e das máis de 30 salas institucionais, entre museos, fundacións, centros públicos e privados, segue sobresaíndo a aposta individual, a liña de singularidade fronte á de colectivo. Aínda segue a presentación dalgunhas galerías que amosan a colectiva denominada "de Nadal", na mesma onda que no período estival realizan unha "de verán". Lóxica. Nos, agora, apostamos pola colectiva viaxeira, nómade, aínda non sei se para invitar a visitar unha serie de exposicións ou para que quede rexistrado. O certo é que abrimos a man e recolleremos varias das mostras que nestes quince días de festas sortean centros e espazos, periferias e rúas; por outro lado, escusas para escapar das canles ou ríos de xentes. Só unha cousa, ollo cos horarios.

Luces de farola
Faremos tres apostas. Como tres vías moi sinxelas para non estragar as intencións. A primeira delas será unha aposta pola lóxica individual, nun abano de mostras que rexistran o pulso da arte actual desde o singular. A súa conxunción alcanzará unha sorte de colectiva. Camiñamos pola arte galega actual: Berta Cáccamo amosa as súas últimas obras, unha das máis intelixentes do panorama actual, na galería VGO de Vigo, mentres Carlos Maciá, un novo autor, inaugura en Clérigos (Lugo) as súas pinturas de paisaxes abstractas, e Urbano Lugrís imaxina como naturezas máxicas Fundación Caixa Galicia de Pontevedra ou Ana de Matos disecciona o feminino desde o íntimo en C5 Colección (Santiago) ou Xurxo Oro Claro, capturando as chiscadeiras do visual na galería Espacio 48. O expresionismo colle forma na obra pluri-cromática de Xosé Luís de Díos na galería José Lorenzo ou a vertente doce de Vidal Souto no Centro Cultural da Deputación de Ourense; antes de saír desta cidade, as paisaxes xestuais de Vicente Prego na galería Marisa Marimón. Quédanos a contaminación pictórica das últimas obras de Silverio Ribas na primeira planta de Sargadelos Santiago, a pintura explosión de Dim Matamoro en SCQ ou Isaac Pérez Vicente en Ad Hoc. Atrapamos o Laxeiro máis íntimo nos seus "Debuxos inéditos II" na Fundación que leva o seu nome en Vigo.

O libro ábrese máis e collen os autores doutras latitudes, Chema Madoz coas súas destrezas surreais en Trinta, a arte-poesía de Jorge Oteiza no MACUF, a máxica literatura de Joan Miro no Cantic del Sol da Fundación Caixa Galicia en Santiago ou Vik Muniz no CGAC, cunha mostra que une disciplinas con obxectivos moi visuais.

Luces na rúa
A seguinte é a aposta pola revisión histórica ou actual, podendo estabelecer dúas dirección que analicen cada unha das liñas colectivas. A Fundación Barrié rescatou os "Grandes mestres do Museo Lázaro Galdiano", o CGAI fixo o mesmo coa "Fotografía en Galicia no século XIX" na Igrexa da Compañía de Santiago, dependente da USC, Caixa Nova coa mostra "L’atelier de Montparnasse" ou o MARCO coas "Outras alternativas. Novas experiencias visuais en Portugal", retratando a ollada colectiva no país veciño. A ollada colectiva actual, aquela que agrupa o pulso dun territorio, nunha captura case xornalística, sobresaen os premios ou certames orientados a novos valores da plástica, como o Certame de Pintura do concello de Cambre (Biblioteca do concello) ou o III Premio Auditorio de Galicia -non se perdan a obra de Rubén Ramos Balsa ou Santi Jiménez-. Outra moda actual é significar un tema e facelo crecer, pórlle territorios onde implantarse, como sucede coas mostras "Olladas Oceánicas" no Museo do Mar de Galicia ao redor desta temática mariña ou a colectiva "Agardando unha chamada", no CGAC. Noutra liña, talvez máis atractiva, por complicada, é a mostra "Libro de artista", comisariada por Montese Cea e Eduardo Valiña, que poderemos ver na Fundación Eugenio Granell até o 4 de marzo. Outras vertentes moi sobresaíntes son as marcadas polos ciclos de mostras, como Miradas Virxes, Procesalia (Xoan Anleo e María Ruído) ou Malas Artes na Sala dos Peiraos que, baixo o comisariado de Xosé Manuel Buxán, oferta a tese Bizarr@s sobre a problemática da identidade na arte galega.

Conclusión. Nadal ou verán. Falar de arte na actualidade é falar de vertentes, a da aposta e a da rutina. O que quere quedar e o que quere brillar, o que quere existir e o que simplemente sobrevive. De todo isto estamos feitos, non o esquezamos.

X.M. Lens [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org