A pintura manchada
O Certame de Pintura do Concello de Cambre chega á súa XX edición. Motivo para analizar a súa presencia na engrenaxe cultural e proseguir na análise e coñecemento das novas voces da arte galega actual.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Que non sexa por non insistir: a paisaxe da arte contemporánea concrétase no crecemento, nos chanzos dos autores nos seus comezos. Pensamos en olladas casi prehistóricas ou pre-estabelecidas. Por iso mesmo, son os certames de creación e promoción das artes plásticas os que presentan esa sorte de caixa de primeiros pasos (aspectos vivenciais) nos que repousa esa responsabilidade de plataformas e motores, de activadores da plástica nunha determinada área xeográfica. Son estes certames espazos de reflexión colectiva, agrupacións fortuítas realizadas por un xurado que se presupón experto e que constrúen un artificio daquilo que, ao seu parecer, retrata ou define a arte actual. O Certame de Pintura do concello de Cambre faino, como se indica, desde a pintura e conscientemente desde o local, pero os lazos do contemporáneo téñenlle preparadas sorpresas que nin as etiquetas nin as portas poden pechar.
Outros proxectos como o actual recalan en institucións públicas e privadas, articulando unha rede, insisto, aínda moi escasa, de iniciativas de promoción: Novos Valores do Museo de Pontevedra, o Premio Auditorio de Galicia, a Mostra Unión Fenosa, o Isaac Díaz Pardo, o de Caixa Galicia ou o recente Certame de Creación Visual organizado polo Museo do Mar de Galicia, na mesma liña que a nivel peninsular dominan L’Oreal, Injuve, Marcelino Botín, Endesa ou Cidade de Pamplona.
Vinte leccións de supervivencia
Trátase de dominar e, nalgúns casos, resistir desde o local. O presente certame do concello de Cambre chega á súa vixésima edición, un motivo máis que suficiente para eloxiar a súa supervivencia nun campo, o da cultura nas corporacións municipais, sempre difícil de organizar e de consolidar. Por iso mesmo, cando percorremos a súa selección actual non se nos escapa a responsabilidade social. Resultaría moi interesante realizar unha mostra coas diferentes obras que resultaron seleccionadas e premiadas nas pasadas edicións, que se definirían nunha extraordinaria colectividade xeracional definindo a arte galega nestes vinte anos de historia da arte, da pintura e da promoción cultural desde o local.
O xurado, integrado por artistas e representantes de institucións, realizou unha selección de obras que, na súa maioría, ofrecen unha boa calidade e ofrecen, quizais o máis destacado, moitos temas e cuestións para debater. Neste sentido, posiblemente sexa a obra que recibiu o primeiro premio unha das mellores pezas do certame, e que oferta unha estrañeza disciplinar complicada de adecuar, xa que se trata dunha fotografía nun mundo ou paisaxe de pinturas. Non sucede só con esta peza, tamén con outras seleccionadas. Son pinturas en tanto en canto os seus autores as entenden como pinturas, do mesmo xeito que Darío Urzay ou Juan Uslé seguen sendo pintores facendo fotografía ou Manuel Vázquez, Mónica Lavandeira ou Francisco Leiro, por achegarnos ás terras e artistas galegos, facendo vídeos. Pintura contaminada, inxectada de voces e tactos doutras disciplinas. Aí reside o seu éxito actual, sen renunciar, por iso, a propostas mais tradicionais.
Complicacións pictóricas
Todo resulta complicado de entender. O primeiro premio recaeu nunha nova artista, Victoria Eugenia Diehl López, que aínda estuda quinto na facultade de Belas Artes de Pontevedra, e da que puidemos ver unha mostra no Museo do Pobo Galego e unha pequena publicación na colección “Do trinque” do Centro de Estudios Fotográficos. A súa peza premiada, “O pai. A nai”, preséntase como un produto hixiénico, pulcro, exquisitamente acabado. Un soporte fotográfico onde se reproducen dous bustos de esculturas realizadas en mármore, unha dun home que se presenta de fronte, coa boca aberta e outra dunha muller, ao seu carón, que “mira” desviando a cabeza nun delicado xesto de coquetería ou disimulo. Inicialmente todo parece correcto, case anódino, pero logo precipítase un descubrimento como un estalo de dedos, xa que cada unha das estatuas ten trazos reais, presenza de vida na inerte pedra; ela ten ollos, fríos e sombríos ollos, evita a mirada, e el unha boca suxestiva, con lingua e dentes, que queren falar ou cantar. Comunicar. A pintura vólvese tola, vólvese anti-pigmento, plana e pulida, como o mármore.
Tanto o segundo premio, que recaeu en Carlos Troncoso, ou os dous accésits, a Julio Martínez de la Fuente coa obra “Luceros” e Ramona Rodríguez López con “Imaxinario”, ofrecen propostas máis recoñecibles dentro das disciplina pictórica. Troncoso desde a proposta hiperrealista, Martínez de la Fuente desde un certo expresionismo e Rodríguez López fixando a pintura nun punto de fronteira narrativa. Loitas contra a tradición, novos expresionismos, re-lecturas de temáticas históricas e moitas, pero moitas, liñas de crecemento da pintura no territorio galego. Xa o viamos nas pasadas edicións da feira Arco, a pintura segue de moda: contaminada, manchada ou nun punto crítico, sempre resulta cuestionable.