culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Desde a poesía

Prosegue o Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa, nunha liña de análise da vangarda peninsular; a obra de Jorge Oteiza, baixo a mostra “O espacio sagrado”, retrata unha realidade estética e crítica excepcional.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Poucas propostas artísticas resultan tan universais como as que relacionan o valor plástico co espacial, como representa, de xeito tremendamente coherente, Jorge Oteiza. O pasado mes de maio un artista novo, Arturo Fuentes, titulaba a súa exposición na galería Ad Hoc cun “Prototipos para a historia da escultura”, na que realizaba un perfecto e case científico achegamento aos porqués e aos pulsos da escultura contemporánea desde a crítica e a reformulación. Resulta sorprendente achegarse á obra dun artista novo e recolectar, de xeito case indirecto, as voces que Oteiza presentaba décadas atrás. E non falo de influencias senón de contrastes e liñas que crecen nunha evolución crítica.

Desde a figura
A exposición de Oteiza, que se inaugurou o pasado venres no Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa (MACUF), persegue un achegamento pedagóxico e directo da súa obra desde os anos cincuenta até os anos setenta. Puntas cronolóxicas na que pendulan, case como escenografías, obras emblemáticas da súa producción. A mostra exponse nas novas salas do museo, compartindo diálogo cos fondos da colección; cativa a ollada final de esguello coa escultura de Martín Chirino, helicoidal e elíptica. A visita lonxitudinal deixase levar por unha composición case musical das obras, articulada en prototipos escultóricos e separada por paneis que actúan de panos teatrais que conxelan pasos cronolóxicos ou intres de descanso. O percorrido repta nun crecemento histórico que nace das propostas máis narrativas e figurativas, directamente herdadas de Henry Moore, e que se materializan nas esculturas realizadas para a Basílica de Santa María de Aránzazu.

Desde o plano
A visita prosegue nunha liña sinuosa, contaminando o paso intermedio coa seguinte sala en obras que seguen existindo nun desenvolvemento circular, ondulante, de tactos evocadores, case naturais. Na lembranza o propio Chirino e, sobre todo, as liñas no aire de Julio González. Esta segunda escala describe un trazo que se verá acentuado na segunda, a vertente construtiva, acumulativa e de dirección angulosa, de planos e vértices. Será esta captura dos valores máis herméticos, dirixidos a unha concentración de postulados, quizais máis universais, a que na seguinte e última sala adquira pleno protagonismo. Das obras presentadas nesta sala todas, case sen excepción, son tremendamente suxestivas na súa vinculación espacial, no desenvolvemento de mesura, na concentración e nunha visualización poética, sublime. As súas caixas metafísicas, así como as homenaxes a grandes artistas como Leonardo ou Malevich, son retratos clásicos da mellor escultura do século pasado, planos en silenzo e en tensión. Unha escultura que se retratou nunha vocación experimental e científica e que converteron ao seu autor nun dos mellores artistas.

Insistía na conversa co comisario da mostra, Antonio Niebla, na necesidade de recrear, desde a ausencia, ese espazo sagrado, case místico, que posúe a nova fundación de Alzuza. A solución, moi coherente co espazo herdado, apostou pola sinxeleza compositiva e a discreción fronte ao protagonismo, quedando a primeira persoa para a interpretación de cada unha das obras. Eu quedo coa mensaxe sincera dun Jorge Oteiza que narra a experiencia de percorrer, de neno, a praia co seu avó, cando se metía nun oco aberto na area e quedaba enriba o ceo e aos lados a terra. Invito a visitar esta mostra e redescubrir a súa inmensa e pouco abarcable ollada poética, como tamén, a pesares da distancia, a descubrir a súa fundación e a Basílica de Aránzazu, pasado e presente dunha obra, dunha linguaxe contemporánea plenamente actual.

X.M. Lens [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org