culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Manifesto en contra do misticismo

Eu creo nas pantasmas, nos milagres, nas meigas e en todos os deuses gregos, agora sabemos que existen e coñecemos moitos dos seus alcumes: quark, protón, gravitón, leptón, bosón, enerxía de Planck, radiación cósmica, etc. Hai que andar con ollo, hai muitos e están por todas partes.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Vivimos nunha época de esplendor científico e tecnolóxico; a procura do coñecemento a través do método científico é un éxito rotundo da sociedade humana. As investigacións en bioloxía e medicina incrementan continuamente a esperanza e a calidade de vida; os progresos en física e química xunto coa enxeñería permiten viaxar de Santiago a Bos Aires en só unhas horas, coñecer a composición das lúas de Xúpiter ou quentar o almorzo no microondas; as tecnoloxías da información converten a pantalla do ordenador nunha fiestra aberta a todos os cantos do mundo. Etcétera. Sen embargo, paradóxicamente, nesta mesma sociedade temos un problema de comunicación: unha cantidade enorme da poboación aínda non asimilou a cultura científica, descoñece moitos dos seus logros, e abraza sen reparos todo tipo de explicacións místicas da realidade, a pesar de levar no maletín un teléfono vía satélite e as pastillas para a dor de cabeza.

Unha ciencia antiga...
Vou empezar cun exemplo, digamos, cósmico. A Terra non é o centro do Universo, da voltas ó redor do Sol, unha vulgar estrela máis dos 400 mil millóns que hai no noso vecindario cósmico, unha galaxia chamada Vía Láctea. Hai moitos outros miles de millóns de galaxias por aí adiante. Cada estrela que vemos pola noite é un afastado sol (que, por certo, ó mellor xa non existe, porque a luz tarda millóns de anos en chegar ata nós; cando miramos ó ceo estamos mirando ó pasado). A idea de que a Terra é un planeta que da voltas ó redor do Sol foi exposta por primeira vez 300 anos antes de Cristo por Aristarco de Samos, un dos brillantes pensadores da vella Ionia. A ciencia actual ten as súas raíces nesta rexión da antiga Grecia e en pensadores como o propio Aristarco, Thales e Anaximandro de Miletos, Hipócrates, Empédocles, Demócrito ou Anaxágoras. Se nos fixamos na sociedade actual e no escaso coñecemento que ten a xente sobre a natureza do mundo, resulta incrible saber que nesta época antiga xa se realizaban experimentos e teoremas xeométricos, se predecían eclipses, se suxería que toda a materia estaba formada polas mesmas sustancias elementais (átomos) con forzas interaccionando entre elas, se postulaba que o aire era algo material e que a luz viaxaba a unha velocidade que non era infinita... e todo elo sen ter que invocar a participación dos deuses.

... e sen embargo descoñecida. Os séculos escuros da ciencia
A teoría de Aristarco sobre a posición dos planetas foi totalmente ignorada durante máis de 1.800 anos (¡1.800 anos!) ata que foi restaurada por Copérnico. ¿Por qué ocorreu así?
As ideas dos pensadores da antiga Ionia non perduraron, en parte porque o mundo non estaba preparado, e en parte porque outros grandes pensadores con gran autoridade, como Pitágoras, Platón ou Aristóteles, non foron quen de liberar o seu pensamento da influencia mística; ademais, pensaban que a ciencia era cousa dunha pequena elite e rexeitaban a importancia dos experimentos. Os pitagóricos converteron a ciencia en dogma e rexeitaron, igual que as relixións ortodoxas, a libre confrontación de ideas. Os platonistas e os seus sucesores cristiáns rexeitaron o concepto de que a Terra é un planeta máis do Universo. Anaxágoras foi á cadea condenado por dicir que a Lúa e o Sol eran obxectos normais formados por materia, as escrituras de Demócrito foron queimadas, etc; toda unha tradición científica, libre de dogmas e pantasmas, foi enterrada durante dous mil anos.

O terror ó descoñecido, esa arma de distracción masiva
Se poidésemos rescatar do pasado a notables científicos como Galileo, Kepler ou Newton, para mostrarlles un ordenador portátil actual, conectado a Internet sen cables, con acceso a miles de bits de información, sons e imaxes, probablemente pensarían que se trata de algo máxico, divino ou diabólico. Pero non é maxia, iso non existe. Se trata de ciencia aplicada. Eles mesmos son os pais dese demo de ordenador que teñen diante: un monumento á capacidade que temos para domesticar electróns, ondas de radio e materiais semiconductores. A ciencia actual xa ten explicadas muitas cousas que o público xeral todavía da por máxicas (por exemplo, entre o ano 1997 e o 2003 se publicaron na revista Nature nada menos que 47 artigos, notas, comentarios, etc. sobre a...teletransportación. Si, si, eso de mover materia dun lado para outro de maneira instantánea). O que resulta incrible e descorazonador é que unha parte numerosa da humanidade actual (ac-tu-al, 2300 anos despois de Anaxágoras) aínda cre en explicacións místicas do cosmos e descoñece, por ejemplo, as implicacións da teoría Darwiniana ou os principios básicos da astronomía; formas de pensar e ver o mundo idénticas ás que podían existir na Idade Media. A astroloxía, unha práctica primitiva (que podía resultar interesante fai dous mil anos) e sen ningún apoio científico, continúa a ser un próspero negocio. Os habitantes do planeta Terra, dependendo do seu lugar físico de nacemento, se verán influídos por todo tipo de crenzas e explicacións místicas sobre o seu papel no mundo. Incluso os políticos das nacións máis avanzadas seguen a defender as súas ideas en nome de misteriosas misións encargadas por divindades varias.

A marabilla do descoñecido, un exilir para a curiosidade
A ciencia actual non ten explicación para todo, nin moito menos. Ao mellor nunca se conseguen explicar todos os fenómenos que podemos captar cos nosos sentidos. Iso é estupendo, os científicos poderemos seguir comendo durante moito tempo, é o noso traballo: descifrar, paso a paso, os segredos da natureza, do cosmos. O método científico nos ensinou que, se hai algo que descoñecemos ou para o que non temos unha explicación lóxica, o mellor é investigar para coñecer a resposta, ¡pero non inventarse a resposta! Sen embargo, aínda vivimos nunha época na que as respostas inventadas son, para moita xente, tan válidas como as respostas demostradas pola ciencia. ¿Cal é o problema? Probablemente a razón é que a xente non sabe diferenciar o que é ciencia do que non o é; é un grave problema cultural, un problema que os gobernantes e poderes económicos do planeta non parecen dispostos a solucionar. A xente cre que os tomates non teñen xenes, por eso os que son transxénicos, que si que os teñen, son perigosos. O coñecemento lle proporciona á xente a liberdade, e a xente libre é máis difícil de manipular.

Crítica e humilde
A ciencia consiste en desbotar teorías malas por outras menos malas, non existen verdades inamovibles, nin estructuras xerarquizadas de saber. Calquer teoría pode ser criticada e botada a baixo por calquer persoa, sempre e cando, claro está, utilice rigurosamente o método científico. Iste método funciona (o ordenador que estás a usar para ler esto non é ningunha pantasma), pero iso non quere decir que sexa infalible ou que poida explicar todo nun abrir e pechar de ollos. Que algo non poida ser explicado ou demostrado pola ciencia actual non quere decir que non funcione ou que non sexa certo (como, por exemplo, determinados métodos curativos, ou certas capacidades mentais); é posible que co tempo se lle termine atopando unha explicación (a mecánica cuántica, por exemplo, pode dar conta de cousas realmente misteriosas). O que non podemos facer é coller a vía rápida e dar por válidas teorías inventadas ou invocar explicacións místicas, eses eran outros tempos.

Fillos das estrelas
Estou convencido de que o coñecemento proporciona felicidade e liberdade. Ademáis, as leis e mecanismos que governan o mundo son extremadamente elegantes; é un pracer e un elixir mental darse conta de que as cousas teñen sentido, ver que as pezas van encaixando unha detrás de outra, descubrir cómo van debuxando a forma das pezas que todavía son descoñecidas. Agora sabemos cousas maravillosas, como que todos somos fillos das estrelas; absolutamente todos os átomos que forman parte do teu corpo foron construidos nalgunha estrela (onde se dan as condicións de calor e preción necesarias para a fusión termonuclear, a única maneira coñecida de formar calquer átomo, a partir do de hidróxeno). Eses átomos foron expulsados ó espacio, e logo de moito devagar terminaron formando parte do planeta Terra, onde a evolución deu lugar a estructuras extremadamente complexas e con capacidade de reproducción coma tí. Somos polvo cósmico que adquiriu a capacidade de observarse e entenderse a sí mesmo. A ciencia está chea de poesía e de fenómenos sorprendentes, pero non sobrenaturais. As forzas, entidades e deidades místicas, simplemente, non son necesarias. ¿Son estes elementos sobrenaturais, a pesar de inexistentes, necesarios ou bos para a convivencia pacífica dos seres humáns, para o desenvolvemento cultural, para aumentar a felicidade? Non. Eu máis ben creo que son unha arma de distracción masiva.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org