Ti fálame
A mostra “Olladas oceánicas na arte galega contemporánea” deposítase nas salas do Museo do Mar de Galicia como unha pluralidade de sensacións actuais, artísticas, ó redor do mar. Un proxecto que nace da análise histórica e se recrea nun presente complexo, emocionado
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
É unha única ollada a que Lucky Luke lle dedica á súa sombra antes de atravesala cunha bala nun taboleiro de madeira. Son dúas as chamadas do carteiro e tres as miradas que San Pedro evita de Xesucristo, antes de oír cantar o galo. Resultan infinitas as olladas que o monxe do cadro de Friedrich lle dedica a un horizonte de mar espido; ollada sen medida. Tamén está a mirada, cega, do verdugo, ou a mirada, tesoira, do censor. Todas, variados xeitos de proceder diante da realidade, nun contacto desde o lonxe, indirecto pero cómplice. Interesado. Logo vén o proceso de asimilación, de lectura, de rexistro, de síntese; logo vén o conto. Ollada = termo. Como moi ben se emprega na presente mostra resulta, en moitas ocasións, un instrumento de recreación, de relato, unha sorte de cesto na que se agrupan ou recolleitan as sensacións visuais, pero tamén as táctiles, as olfativas e as reflexivas. Cada unha das olladas son voces, son rabuñadas, son agarimos ou berros, saltos ou achados nunha mesma terra litoral.
Mar: fío, navalla e vida
O presente proxecto resulta, por moitas razóns, tremendamente suxestivo; sobresae, en primeiro lugar, a valentía de afrontar un tema, neste ano convulso, como é a relación entre a arte e o mar (desde a década dos oitenta) sen caer en delicadas suxestións nin deterse só no sentimentalismo contemplativo, nin tan sequera na banalidade e no relato fácil, e non evitar a crítica nin a ollada directa; algo que debemos ao seu comisario, Manuel Olveira, director do Centro de Arte Hangar en Barcelona. En segundo lugar, compre resaltar a aposta que a propia institución museística e o equipo encargado do deseño e desenvolvemento do proxecto depositan no retrato contemporáneo, crítico e intelixente da realidade marítima desde diferentes parámetros e ópticas. Mar, supervivencia e captura.
A mostra aposta pola ollada plural, colectiva, pola reflexión fronte á presentación. Ningunha obra se ofrece sen gardar para despois unha pequena ou gran sorpresa, sen agochar un relato, un porqué, desde a pintura, a fotografía, as videocreacións e as instalacións presentes, así até os máis de corenta artistas seleccionados. Porque a exposición, que se dispón nunha sala lateral e lonxitudinal, experimenta un acomodamento a un espazo que debe obviar, mesmo negar, para poder existir. Nesta instalación, case propia dos vendedores ambulantes, cada artista ofrece a súa mensaxe en anacos de obras, como pretextos de olladas sobre ou ao redor do mar. Cada unhas das propostas seleccionadas polo comisario representa as moitas canles de buscas da temática marítima como metáforas ou evidencias do persoal. Esconder ou evidenciar, criticar ou representar. Serán os vídeos, un dos protagonistas técnicos e museísticos do proxecto, os que amosen unha realidade tremendamente documental —Coca Rivas ou María Ruído— pero tamén sintética ou artificial, como no caso de Simón Pacheco; a fotografía relata o valor da contemplación e o rexistro reflexivo, fragmentario, como Carmela García desde o contacto enigmático do ser humano fronte á natureza, Sugimoto desde a síntese ou Mayte Vieta desde a inmersión, a implicación. Vemos o mergullo, o baño, o paseo, o percorrido pola area e observamos a Mar Caldas arrastrando un vestido de follas escritas. Tamén o mar como artificio de diarios persoais, Andrés Pinal reconstruíndo un oasis na barriga, oasis de esperanza, como o faro de Carlos Tejo que actúa de aviso visual, de salvagarda na paisaxe; salvándose, como Carlos Rial nos seus “dispositivos” de quenllas e asentos. Recollendo, almacenando, como boas mariscadoras. Jorge Barbi fotografando cagadas de gaivotas nas rochas da súa Guarda natal, mentres Ana Mendieta rexistra o seu corpo na beira da praia, aperta limpa nos pés, liña de navalla, liña de vida.
O final queda nun murmurio de ondas ao lonxe, hoxe hai temporal e non vemos barcos, só un home paseando pola beiramar; lembramos a ollada do monxe de Friedrich. Volvemos a percorrer a mostra, agora á inversa e quedamos con miradas que antes escaparon, case non temos etiquetas para todas. Eu quedo coa ollada firme, universal, do recolector de chapapote dun Leiro excepcional.
X.M.Lens [correo]