culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Museo nómade

Nestes días a Fundación Barrié da Coruña parece un museo, un museo temporal. A mostra “Grandes Mestres do Museo Lázaro Galdiano” actúa de artificio museístico presentando, ate o sete de xaneiro, a obra de importantes autores da arte española e europea.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Antes toca unha pequena lección de historia; o relato paralelo-imaxinario comeza hai máis de sesenta e cinco anos. No bando republicano da contenda da Guerra Civil española víronse perigar os magníficos contidos do Museo do Prado, polo que se tomou a decisión de salvagardar todo este patrimonio e sacalo do país. O destino onde se presentou a súa propia magnificencia artística foi Suíza, onde se realiza unha excepcional exposición en Xenebra baixo o nome “Obras maestras del Museo del Prado”. Como moi ben indicou a mostra “Arte protegido” que se presentou o pasado verán, todas as obras volveron, unha vez rematada a guerra ó propio museo. Nesa mesma intención de seguir aproveitando a seiva dunha colección, de manterse viva —porque diso se alimenta unha colección—, a mostra que se celebrou en Suíza parece continuar na que agora se presenta na Fundación Barrié da Coruña: “Grandes Mestres do Museo Lázaro Galdiano”, que toma o relevo do protagonismo do outro gran museo de arte histórica existente en Madrid. Nada que ver coas anteriores condicións pero si con esa ansia de exhibición colectiva, extraterritorial.

Grandes nomes, grandes resultados
Aproveitando unha cuestión meramente temporal, como son as obras que se están a realizar no museo madrileño, que será reinaugurado a comezos do vindeiro ano, a Fundación Barrié asinou un convenio que permitiu exhibir na cidade herculina un importante número de obras do devandito museo, de calidade, a súa maioría, excepcional. Coa denominación de grandes mestres estase a afirmar a súa pretensión de ofrecer grandes nomes, que aseguran unha presenza excepcional de grandes obras e grandes referentes da historia da arte. Algo que non defrauda ao visitante, senón que conclúe plenamente satisfeito.

As salas de exposición da fundación adquiren un crecemento, digamos, ou unha dirección en mergullo, na captura dun espazo que se recrea nun certa intimidade e nun certo refuxio. Lugares onde o panelado e estruturación das súas salas, en dous niveis, están dirixidos por luces, sombras e textos históricos introdutorios, centrados na presenza e na valoración museográfica de cada unha das pezas. Esta pretensión de instalación museográfica persegue ao visitante durante toda a mostra, enlazando ou saltando entre as pinturas presentes. O público daquela tarde variaba entre parellas de anciáns, grupos de estudantes que localizaban títulos e máis dun visitante que ollaba desde preto, sen querer deixar escapar nin un só grao de calidade creativa. O percorrido vólcase na fición da evolución histórica por diferentes épocas e áreas xeográficas; no comezo están as pezas dos primitivos españois e flamencos, con representacións de Lucas Cranach, Jan Brueghel ou o Bosco e remata coa ollada, atmosférica, do romanticismo. Entre as obras presentadas sobresae unha importante selección de pintura española de diferentes estilos, desde a maxia moderna de El Greco, a realidade áurea de Velázquez, a beleza de Murillo ou a decadencia de Pereda; o idealismo neoclasicista de Vicente López ou do retrato de Carlos III de Mengs, pasando pola valoración paisaxística de Jenaro Pérez Villamil —presencia galega— e pola suntuosa calidade telúrica do rococó de Salvador Maella ou a exquisita tenda de Luís Paret; e deixa, para unha pausa, a ironía de Eugenio Lucas e a modernidade de Goya, presentando un esbozo do famosísimo cadro “Aquelarre”.

O artificio está servido, grandes nomes e grandes obras que retratan diferentes épocas históricas. Novamente a Fundación Barrié sorprende cunha excepcional mostra, que avala a súa presenza e resistencia na paisaxe das propostas culturais galegas.

X.M. Lens [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org