culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Atrapar arquitecturas

Porto sempre presenta escusas para a súa visita. Nestas datas os amantes da arquitectura terán un novo pretexto, achegarse ás mostras que presenta o Museo de Arte Contemporánea Serralves, a colección MOMA de arquitectura e a mostra individual de Arata Isozaki.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Resulta realmente paradigmático que aínda hoxe, neste comezo de novo milenio, a alguén lle resulte curioso ou estraño atopar unha exposición sobre arquitectura nun museo ou centro de arte. Por iso mesmo cando visitamos un museo, calquera da xeografía peninsular, pensamos en acoller un novo xeito de actuar ou proceder diante desta realidade expositiva. E todo, como digo, despois dos cambios que supuxo a Bauhaus, de fusión da arte e internacionalización, a expansión da modernidade e a formulación irónica da posmodernidade. Quizais por iso mesmo todos temos argumentos de sobra para xustificar a súa presenza nos espazos museísticos. Sabemos que a súa presenza plástica, o seu compoñente de valor físico, ofrécese como un importe obvio e perfectamente aceptable nos roles da exhibición creativa; porque non debemos esquecer que a arquitectura ten un compoñente incuestionable de proxecto e deseño, de bosquexo e preparación preliminar, logo vén a existencia pública, espacial.

Moitos tempos, moitas solucións
Todas estas dúbidas asaltáronme cando, vendo a exposición de César Portela no MARCO, atopei diferentes comentarios sobre a súa coherente ou non posibilidade expositiva. Pero seguimos afirmando a súa necesaria presenza e a aposta da súa dirección que, nunha paisaxe de exposicións temáticas, deixa ocos para imaxes individuais. Por iso mesmo cando visitamos a mostra “Visión e utopías: deseños de arquitectura do Museo de Arte Moderna de Nova York” no Museo de Arte Contemporánea Serralves, todo isto queda como un triunfo das posibilidades da propia arquitectura e, sobre todo, das moitas disciplinas que, de xeito irremediable, teñen que ir facendo sitio, case a empurróns, na institución museística, como lle sucede á música ou ó deseño.

Non temos perda, estamos diante da presenza máis física e menos real da arquitectura, aí queriamos tela. O percorrido pola mostra non quere deixar indiferente, quere prender todas as liñas de interpretación e, quizais o máis interesante, todos os públicos, desde o especializado ata o pouco iniciado. A ollada é pública, discreta. Ó comezo e ó final temos a sensación de que todo se desenvolve nunha viaxe pola arquitectura contemporánea, desde as iniciais propostas de finais do século XIX, cunha obra de Otto Wagner Ferdinandsbrücke de 1896, ata o proxecto de Lauretta Vinciarelli Orange Sound de 1999; un percorrido pola súa evolución, os seus camiños entrecruzados cos movementos contemporáneos e as moitas liñas de saída e entrada da arquitectura do século pasado. A mostra, comisariada por Matilda McQuaid, reúne máis de cen obras entre debuxos, maquetas, planos e fotografías, facendo unha selección na extraordinaria colección do museo neoiorquino. Recoller arquitectos excepcionais, mundialmente coñecidos, capturar o MovementoModerno nos debuxos de Mies Van der Rohe, Le Corbusier ou Frank Lloyd Wright, o minimalismo de Tadao Ando, a renovación de Mario Botta, a deconstrucción de Peter Eisenman ou Frank Gehry, a vertente “high tech” de Norman Foster, a aposta pola plasticidade de Zaha Hadid, a severidade de Louis Kahn, a arquitectura social de Rem Koolhaas, as rupturas formais de Daniel Libeskind ou a utopía de Oscar Niemeyer.

Antes de saír, queda un nova visita arquitectónica, e non falo do edificio que nos acolle, autoría de Álvaro Siza, senón da mostra de Arata Isozaki que se presenta na planta baixa do museo, nunha ollada retrospectiva polos seus interesante proxectos e na posibilidade de ver a súa coñecida instalación “Iconoclash” presentada na Trienal de Milán do 1968. Quizais queden dúas últimas visitas arquitectónicas antes de abandonar Porto, a nova Casa da Música de Rem Koolhaas e tomar un café na cafetería á beira do Douro, nunha “tableta” espacial, obra de Guedes e Vieira de Campos. Saúde, arquitectura.

X.M. Lens [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org