culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Retratar a nosa pel

A identidade preséntase como unha das reflexións do actual, unha das canles de análise da sociedade, sempre dende unha mirada fragmentaria. Acadar as súas facianas, os seus apelidos é o obxectivo de varias das exposicións que nestes días de dan cita na xeografía galega.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
O retrato, o autorretrato, a representación da pel, do xesto humano, do ritmo dun voar de mans, de pestanas ou da canle de visibilidade dunha chiscadeira de ollos, todo queda na sorte de reflexos dunha fotografía. A identidade, como pauta de achegamento, de desvelamento, tranquiliza a sinceridade do relato, sempre en primeira persoa, e queda na sorte de artificios de pequenas novelas historiadas, como en diarios que queren descubrirse pouco a pouco. Das obras de Jorge Molder na galería SCQ de Santiago o de Félix Fernández no Torrente Ballester de Ferrol son elos nesta reflexión sobre a identidade.

A pel na paisaxe
A pel, como soporte de emocións, a topografía das engurras, preséntase na obra de Molder como un artificio de retratos en primeira persoa. A súa mostra na galería SCQ queda como un despregue de autorretratos a gran escala, como anacos de comportamentos narrados, instantáneas de diferentes procesos xestuais en primeirísimos planos. Jorge Molder é un artista inter-xeracional, xa que, aínda que se vincula á xeración da transición política da "Revolución dos Caraveis", a súa obra preséntase sempre de plena actualidade. Director do Centro de Arte Moderno da Fundación Gulbenkian en Lisboa é un dos artistas máis representativos e internacionais do ámbito portugués. A súa obra está intimamente vinculada á semántica, polo que o seu xeito de proceder queda en traballos en series, en fotografías que se articulan na progresión temporal-espacial. Traballos ó seu redor, como forma de ficción narrativa e de continuo leifmotiv. A non-narración da obras, como indica o crítica de arte Bernardo Pinto de Almeida, son protagonizadas por “un personaxe, equivalente ó resultante de creación literaria, onde o autor deixa parte de si mesmo ó tempo que as circunstancias e as vivencias alleas a distancia do propio autor”. É nesta creación dunha telúrica ou máscara de protección onde as súas fotografías quedan firmes, perenne, codificadas como partes dunha oración.

Pel-emoción
Resulta Félix Fernández un modelo de representación que comeza nun adorno da obra de Molder, pero que se desvía nunca contaminación literaria, máis cinematográfica e pouco teatral. A súa aposta pola inxección directa nas veas da sociedade preséntao como un artista singular, crítico, pouco común e de difícil catalogación na arte galega. A súa é unha ollada plural á realidade humana, ilustrada tamén na presentación de autorretratos en medios fotográficos e audiovisuais. Félix preséntase, pero quere tamén existir, manifestarse, descender e subir, emocionar e rabuñar, todo nun simple flash de narración. A súa exposición no denominado "Terceiro Espacio" do Centro Torrente Ballester resulta unha verdadeira sorpresa e risco nos modelos expositivos en Galicia; catro videoinstalacións e media ducia de fotografías, o mundo da moda, a pel pública do social, tamén a pel privada, na ollada espida. Non resulta casual que a mostra leve por título “Descenso”, porque diso se trata, dunha caída case sen rede na emoción, nos comportamentos cotiáns, na propia existencia persoal, en redes ou tentáculos de buscas de identidades ou de prolongacións de archiperfeccións. O debate queda nun vídeo na última das salas, o acerto da súa ollada crítica queda para os que vaian visitar unha das mellores mostras desta tempada.

X.M. Lens [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org