Mensaxe: alternar
Quixemos parar en Vigo camiño de Porto, e descubrir as novas propostas dos últimos artistas portugueses. “Outras alternativas: novas experiencias visuais en Portugal” preséntase no MARCO como unha sorte de colectividade xeracional, arriscada e complexa.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Sorprende atopar nestes días mostras como a que presenta o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), nun achegamento colectivo ás outras alternativas da arte portuguesa. Aínda que o seu comisario, David Barro, pretenda facernos entender que non é unha ruptura na arte lusa, o que si é certo é que existen diferencias substanciais entre a presente xeración de artistas portugueses e a que o antecede dos oitenta. Pero quizais nesa pretensión de diálogo, digamos histórico, é onde reside un dos acertos desta ambiciosa mostra. Foron aqueles artistas os que protagonizaron o rexurdir da arte, na reactivación dun camiño de modernidade despois da dictadura, con nomes como Pedro Calapez, José Pedro Croft, Helena Almeida ou Jorde Molder, que nestes días presenta os seus últimos traballos na galería SCQ de Santiago. As súas vontades centráronse, aínda que foron evolucionando, na reivindicación dos valores da arte como pauta de reforzamento cultural, nas reflexións políticas e nunha reflexión interior. Son anos de crecemento, de grandes individualidades e o comezo da internacionalización da arte portuguesa.
Son os anos noventa, con novas infraestructuras, o florecemento desta nova colectividade que hoxe se agrupa nesta mostra, a mesma que agrupa ós artistas nados na década dos setenta, os que nestes anos se perfilan como herdeiros da nova arte visual lusa e os que ofrecen novos xeitos de actuación e de formalización dos traballos. Se non mudan os campos, si os formatos, nunha aposta pola experiencia da imaxe. Prosegue a súa progresión internacional, facéndose cada vez máis patente nunha emigración voluntaria de moitos dos artistas presentes, que traballan noutros países como Italia, Alemaña ou os Estados Unidos. A mostra preséntase como unha aposta persoal e allea, aí se asenta outro dos seus piares, da realidade actual, na mesma liña que nestes días describe a proposta de Harald Szeemann no P.S.1. da nova arte española.
Desde o outro lado
O pasado venres, despois de falar co César Portela máis pedagóxico na primeira planta do museo, na planta baixa, só se oía falar en portugués, onde a maioría dos vinte artistas presentes na exposición explicaban as súas propostas a amigos e compañeiros; mentres, o comisario establecía as pautas para achegarse ás moitas direccións desta mostra. Comeza o percorrido por unha obra de André Guedes, no vestixio dunha erosión voluntaria na moqueta da entrada do museo, logo vemos a evidencia deste proceso nun vídeo. O panóptico, sempre unha sorte de barómetro da exposición, volve a explotar de interese, cunha enorme lámpada de Joana Vasconcelos realizada cun tampóns entrelazados. Neste punto de clave ou engrenaxe, todos programamos o noso propio camiño expositivo, a visita faise museística e, gratamente, anárquica, polas galerías e patios. Falar de vinte artistas resulta imposible neste espacio, polo que prefiro presentar aqueles que resultaron máis suxestivos e que recollían as miradas críticas.
O itinerario está establecido por paneis que gardan unha grande cantidade de videocreacións, onde resultaron magníficas as de João Onofre, Alexandre Estrela e Filipa César. As propostas plásticas non perden o fío do actual e dispérsanse sen medo, invadindo con chinchetas as madeiras do chan, coa ficción natural dun arbore de João Pedro Vale, a instalación enigmática, case surreal, de Ricardo Jacinto e Vasco Araujo que presenta unha obra verdadeira, real e vivencial, nunha sorte de bodegón; os asaltos visuais no camiño de Noé Sendas con figuras vestidas de negro, agora pegadas á parede, agora enriba dunha caixa de madeira, agora illada cun cubo de zinc da cabeza —xeitos de comportamento-fuxida— e a propia Joana Vasconcelos, coa lámpada da entrada ou a nora de variados asentos: xeitos, de novos, de adecuar a mirada, de posicionarse. Tamén queda espacio para a reflexión máis directa, na obra de Pedro Gomes, tamén para a evocación case evanescente nas fotografías de Rita Magahlaes e Joana Pimentel.
“Outras alternativas: novas experiencias visuais en Portugal” queda como unha proposta arriscada, de presentar fóra do seu país —cando aínda non se fixo alí— as novas obras dos últimos artistas lusos; un punto onde axuda a selección dun comisario coñecedor activo desa realidade. Prosegue o MARCO en achegamentos acertados á realidade actual, agora á arte do país veciño. Pregunta: ¿para cando unha mostra aquí coas outras alternativas da arte galega?
X.M. Lens [correo]