Luces en paredes esquecidas
A medio camiño entre un Bill Viola balanceando os sudarios das paixóns na National Gallery de Londres e os novos emigrantes españois, lúcidos, do “Real viaxe real” no P.S.1. de Nova York, nunha periferia detrás dun biombo de grelos, a proposta "Malas Artes" repousa na Sala dos Peiraos de Vigo.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Sorpréndese o lector ó comezar facendo referencias cruzadas a outras mostras que, de xeito inicial, nada teñen que ver co que nos toca neste relato: a exposición “Arquitrabes”, do ciclo Malas Artes; pero nada máis lonxe da realidade, non se pode explicar, pero algo desas dúas mostras citadas queda, case de xeito irracional, na presente exposición. Por iso, máis que nunca, pido que se vaia ver a presente exposición e se detecten cada un dos flocos que colgan e se unen a aqueloutras propostas; claro que non iremos a Nova York ou Londres nestes días, pero, só tedes que ler os suplementos culturais dos xornais nacionais e veredes os paralelismos. Xogo de erros e de confluencias. Start.
Centrándose na actualidade territorial, sorprende atopar un nome que, baixo un pexorativo cualificativo, agrupe unha determinada disciplina: Malas Artes. Artes en plural, porque queren debuxar as moitas canles de creatividade en Galicia neste comezo de novo milenio. Artes en plural para indicar colectividade, agrupamento e afinidade gremial. Artes tamén porque queren ser unha presentación colectiva; tamén Artes, en maiúscula, para denotar categoría e distinción; e tamén Artes, como final, porque funcionan como unha sorte de esponxa onde se reúnen variantes, reminiscencias e opcións creativas desde diferentes campos disciplinares.
Espelliño, espelliño
Lonxe das etiquetas o proxecto “Malas Artes” preséntase como unha iniciativa de diferentes propostas que pretenden agrupar baixo unha serie de epígrafes temáticos un colectivo de artistas, a súa maioría estudiantes da facultade pontevedresa, pero tamén outros que acadan unha tamén interesante formación fóra das canles oficiais; aí tamén está un dos logros desta idea expositiva. Máis que pretender analizar ou calcular o que se move na arte actual en Galicia, o comisario e coordinador Xosé Manuel Buxán, profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, prefire falar de confluencias, de resultados máis que de presentacións, todo baixo un significante pedagóxico, contradictorio pero directo. Por esa mesma razón a misión que se persegue en cada unha das propostas é acadar unha confrontación, un diálogo ou loita entre as diferentes voces presentadas, sempre arredor dun número entre seis e oito. O espacio da Sala dos Peiraos, tamén atípico, cativa con direccións boomerang o que nel se instale, sen negar a súa filosofía temporal pero tampouco sen caer na liña de meras descricións. Desde o comisariado insístese na orientación das intervencións como espacios-territorios de experimentación e espacios-laboratorio. O que resulta, quizais, máis atraente deste proxecto sexa a súa orientación pluriartística, tentando buscar novos xeitos de achegarse á creatividade, desde postulados sociais, culturais ou políticos, de actuación e compromiso.
Nacía unha estructura
As diferentes posturas de interpretación dun determinado tema dispóñense, sempre pretendidamente incómodas, ó redor, como satélites, cravando ou chupando ideas de cada cuestión que debater. A presente mostra, que poderemos ver ata finais do próximo mes, titúlase “Arquitrabes” e pretende reflexionar sobre os significados creativos ó redor da arquitectura, partindo da idea base do que foi a construcción desde as súas orixes. Os resultados son seis artistas que, desde as súas determinadas linguaxes, rozan, esmagan, degolan ou reven formulacións ó redor desta problemática, que é, por outra banda, unha das temáticas máis actuais, como ben afirmou a mostra “Contra la arquitectura” realizada no EACC de Castelló.
Rosendo Cid Menor, o máis coñecido dos participantes, reflexiona desde o obxecto, na tensión e desequilibrios das formas plásticas, con máis ou menos referencia real; Sara Fuentes cativa anacos espaciais, minimalistas, nun espacio invadido, absurdo, analizando a seriación e o azar como formas de composición, mesmo da habitabilidade; nesta reflexión espacial tamén entra o ámbito do territorio, da paisaxe, que se define en Juan Rivas nunha pintura de exteriores, pretendidamente hiperrealista, de lugares illados, decaídos, “anacos dunha realidade espiritual de Galicia”; as fotografías de José Ángel Chas rescatan e homenaxean lugares esquecidos, abandonados, que adquiren un novo significado actual, sempre gardando o peso da súa historia, ó dispoñelos en marcos vellos de molduras estragadas; Cristina Iglesias Reyes fai do espacio desta sala unha esponxa de acción directa, intervindo con debuxos, esgrafiando contornos de sombras, residuos lumínicos, sobre os muros brancos, poñéndolle corpo ou definición ó evanescente; a construcción en tule negro de Laura Verísimo funciona de “reducto espacial” e como espacio ou “cuarto para a súa propia inquedanza”.
O ciclo quere pecharse a finais deste ano, realizando unha presentación e estudio comparativo, moi necesario, sobre o xénero e a identidade sexual, baixo un doce-candente epígrafe: Bizarr@s. No retrovisor, agora máis que nunha un mecanismo útil, a vertente pedagóxica e analítica deste proxecto vese apoiada na realización de catro proxectos —Prototipos, Verbalidades, Prêt-à-Porter e Maquinacións— que, desde comezos de ano, quixeron ser un novo xeito de actuar na sempre complicada realidade infraestructural galega. Atrapando as luces, antes de moda, de vinculacións tecnolóxicas ou proxectuais, agora de funís nun espacio sempre emblemático. Que veñan máis, por favor, non vos esquezades...
X.M. Lens [correo]