culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Fillos do poder enerxético

A fertilidade dos humanos actuais está ligada ó consumo enerxético da sociedade na que se vive, pero, ó contrario do que podería parecer, a relación é en sentido inverso: a medida que aumenta o gasto enerxético (e tamén o benestar económico), diminúe a taxa reproductiva. ¿A qué se debe esta aparente incongruencia? ¿Cal é a relación entre o libre albedrío para ter fillos e a saúde económica do país no que vives? Os seres humanos somos bichos peculiares que non estamos sometidos a todas as regras da natureza, e todos sabemos que na sociedade moderna as taxas reproductivas non están determinadas pola fisioloxía, senón que son, fundamentalmente, unha elección persoal. Pois resulta que, segundo un interesante artigo publicado en “Ecology letters”, isto último non é certo: non somos tan libres como pode parecer, estamos subxugados polo trasfego enerxético global.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Unha natureza con regras
Na natureza existe unha regra que se pode aplicar a calquera ser vivo: a maior gasto metabólico (enerxía biolóxica), menor taxa reproductiva. En consecuencia, os seres vivos máis grandes teñen menos descendencia, e viceversa. Esta é unha das chamadas relacións alométricas: en todos os seres vivos hai certos parámetros (peso, frecuencia cardíaca, taxa metabólica, etc) que están relacionados entre si, conectados uns a outros mediante unha especie de regras universais. Por exemplo, tamén hai unha relación entre peso e taxa metabólica, segundo a cal podemos predecir que unha persoa de 60 Kg necesita 2.500 calorías diarias para poder funcionar correctamente. Pero tamén podemos calcular o consumo enerxético global, incluíndo a enerxía non-biolóxica (gasolina, electricidade, etc): un norteamericano consume unhas 230.000 calorías ó día, ou sexa, unhas cen veces máis que as necesidades metabólicas (en comparación, 230.000 calorías sería a taxa metabólica dunha persoa que pesase ¡30 toneladas!).

A dictadura da enerxía
Nas sociedades humanas modernas non estamos limitados por esa alometría entre gasto metabólico e taxa reproductiva, xa que podemos regular o noso comportamento de maneira independente da nosa natureza biolóxica; sen embargo non podemos evitar formar parte dos fluxos globais de materia e enerxía, polo que se nos impón unha relación alométrica totalmente nova ca enerxía global. O traballo recen publicado demostra que existe unha relación directa entre a fertilidade humana e o consumo enerxético non-biolóxico. Polo tanto, para que as contas cadren, temos que esquecernos do consumo metabólico e dirixir a atención cara ó consumo global. Os países que manexan maior cantidade de enerxía non-metabolica (gas, carbón, petróleo, enerxía solar, nuclear e hidroeléctrica) son os que teñen menos fillos.

Esta conclusión é realmente fascinante, xa que subliña a influencia do complexo mundo actual sobre un parámetro fisiolóxico que está, en principio, baixo o control de cada individuo. A poboación mundial leva 10.000 anos crecendo de maneira exponencial gracias á explotación de fontes de enerxía adicionais ás estrictamente biolóxicas, o cal causa impactos na biodiversidade global, nos ciclos bioxeoquímicos e no clima. Esta explotación enerxética modifica as taxas de fertilidade dos distintos países, e xa non chega con coñecer as características biolóxicas dunha poboación, senón que hai que pensar no “super-organismo” formado polas redes de fluxo de enerxía, incluíndo aquí todas as infraestructuras implicadas: oleoductos, liñas de alta tensión, autopistas, bancos, gobernos e programas de investigación.

¿Cómo se explica isto?
Xa que, para ter fillos, non dependemos directamente das leis da natureza, ¿cómo é que segue a existir unha relación alométrica entre fertilidade e enerxía? Os autores do estudio cren que as propiedades das estructuras non-biolóxicas son similares ás biolóxicas, e que na nosa sociedade hai que ver o feito de traer un novo fillo ó mundo dende o punto de vista da enerxía total necesaria: a inversión para sacar un fillo adiante é maior nas sociedades máis consumistas, polo que a xente é menos propensa a reproducirse. Conclúen o traballo dicindo que “existe a crenza común de que os productos da agricultura, industria e tecnoloxía liberaron ás sociedades humanas modernas das limitacións enerxéticas e biolóxicas. Sen embargo, a pesar de que se teñen elevado os límites, estes non se poden eliminar, e debido á dependencia en novas fontes e sistemas de adquisición e distribución de enerxía, os humanos seguimos a ser organismos limitados pola enerxía”.

Non é enerxía todo o que reluce
A teoría se complica cando a este super-organismo biolóxico-enerxético-cultural lle engadimos as características políticas das distintas rexións do planeta. Incluso dentro do mundo occidental hai diferencias apreciables nas taxas de fertilidade, por exemplo entre EEUU e Europa. O autor norteamericano Robert Kagan argumenta no seu libro “Of Paradise and Power: America and Europe in the New World Order”, que un dos factores que vai incrementar as diferencias a ambos lados do Atlántico, e afianzar o poder de EEUU, é a maior taxa de natalidade dese país. A pesar, como dirían os autores do traballo de “Ecology letters”, do seu elevado consumo enerxético. Ó outro lado do océano, a continua diminución da fertilidade en Europa dende os anos 70 está chegando a extremos capaces de ameazar seriamente a economía e o sistema de pensións. Segundo a revista “The Economist”, “Europa está sendo testigo da explosión a cámara lenta da máis predecible bomba do tempo económica e social da súa historia”. ¿Somos unha víctima do benestar e crecemento económico?

A sociedade actual está a utilizar os sistemas naturais e industriais a niveis que son insostíbeis tanto biolóxica como enerxéticamente. Ó mellor podemos ignorar certas regras da natureza pero, por moi avanzada que sexa a nosa cultura e tecnoloxía, seguimos a estar suxeitos ás regras das redes globais de enerxía.

Bibliografía:

Moses, M. e Brown, J.H. Allometry of human fertility and energy use. Ecology Letters, 6: 295-300. 2003.

Lutz, W., O´Neill, B.O. e Scherbov, S. Europe´s population at a turning point. Science, 299: 1991-1992. 2003.

Robert Kagan. Of paradise and power: America and Europe in the new world order. Knopf Ed. 2003.

Work longer, have more babies. The Economist. 27 setembro- 3 outubro, 2003.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org