culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Prohibido mexar substancias perigosas

Todos sabemos que tirar unha pila con mercurio ou outras substancias ao lixo e un acto pouco respectuoso co medio natural xa que pode contaminar grandes cantidades de auga e, a través desta, plantas e animais. Cun pouco de sorte ese mesmo mercurio pode rematar formando parte do noso menú: hoxe, de primeiro, “polo ao duracell”. No ecosistema máis ou menos pechado polo que paseamos as nosas penas e alegrías as substancias circulan continuamente, saltando de líquido a sólido, de vexetal a animal, da terra ao ceo. Os científicos están empezando a preocuparse por algo tremendamente obvio: ¿que pasa coas menciñas e co resto de substancias químicas que se consomen a diario? ¿é posible que os antidepresivos que consomen os franceses terminen embotellados coa etiqueta “Evian”?

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A maxia non existe; átomos, moléculas, compostos químicos de boas e malas familias, non desaparecen, nin soben ao cosmos acompañados dunha saba branca coma Remedios la Bella, senón que simplemente cambian de mans. Algúns destes ciclos, como o do nitróxeno ou o carbono, lévanse estudiando dende hai moito tempo e coñécense con bastante profundidade. De feito, a modificación destes ciclos básicos para o funcionamento dos ecosistemas é probablemente a afronta máis grave que a actividade desbocada da nosa especie lle está a infrinxir ao planeta.

Agora que xa se ten boa idea do debagar das substancias naturais esenciais no funcionamento dos ecosistemas, empezan a entrar en escena e a crear preocupación nos científicos os compostos químicos producidas pola sociedade occidental que, sen pedir licencia, queren entrar a formar parte destes ciclos básicos. Hai pouco asistín a unha charla en que o experto que nos falaba do efecto de determinadas substancias sobre o cerebro, contou, así de pasada, que tiña serias dúbidas sobre a calidade da auga que beben os norteamericanos. Dixo que estaba practicamente convencido de que a auga que se bebe nos EEUU ten niveis apreciables de Prozac. Acordeime do libro “Nación Prozac” de Elizabeth Wurtzel. ¿Suxería este home que o goberno dos EEUU está introducindo Prozac na auga que calma a sede dos habitantes do país? Interesante forma de elevar a moral da xente. Pero non é necesario invocar fantasmas, non fai falla unha conspiración do goberno, unha serie de traballos recentes suxiren que bastaría con que a xente... mexe.

Antibióticos a eito
No mes de xullo fixéronse públicos os resultados de tres estudios acerca da calidade das augas de ríos e solos en varios países europeos (Polonia, Suíza, Francia, Austria, Dinamarca, Holanda, Reino Unido, España, Suecia, Alemaña, Grecia e Italia). Os resultados son moi interesantes: atopáronse polo menos 35 compostos farmacéuticos, incluíndo 5 antibióticos. Segundo parece, proceden das augas residuais producidas polos humanos e por granxas de gando. O máis preocupante é o achado de antibióticos, xa que poden incrementar o risco de xerar resistencia nos microorganismos e dar lugar a graves problemas ambientais e de saúde. Atopáronse concentracións elevadas destas substancias nas augas residuais producidas tanto por hospitais como por veciñanzas urbanas, así como en augas para irrigación. Os antibióticos poden pasar tamén ao medio natural directamente da urina e feces dos animais de granxa. Ademais, o problema deste novo tipo de contaminación non está só no auga, senón tamén no solo; os antibióticos son capaces de modificar o crecemento, a actividade encimática e a diversidade dos microorganismos que habitan o chan, o que pode desembocar nun grave problema ecolóxico. De momento non se coñece con precisión a magnitude do dano, pero parece que hai motivos para preocuparse e empezar a buscar solucións.

Aseos para vacas, aseos para bois
¿Teremos que poñer unha nova sinal de tráfico: “Non mexar na cuneta”? ¿Dotaremos as granxas de aseos e impediremos que os animais fagan as súas necesidades libremente? ¿Haberá que poñerlle multas aos granxeiros que posúan animais demasiado mexóns ou cagóns? De feito, nalgúns países xa existen multas para as vacas que producen demasiadas flatulencias, debido á contaminación xerada polo metano que expulsan ao ar. Non creo que cheguemos a iso. Hai varias maneiras de impedir que os restos farmacolóxicos da nosa sociedade se volvan contra nós: unha é a utilización de técnicas de separación das augas residuais máis “perigosas”, separando, por exemplo, nos hospitais, os residuos procedentes dos pacientes dos do resto da comunidade. Outra maneira de levar a cabo a depuración farmacolóxica consiste en inxectar ozono; esta substancia é un forte axente oxidante que se pode utilizar como desinfectante no tratamento da auga, xa que é capaz de eliminar ata un 99% de antibióticos e outras drogas, un campión.

Nunha revista científica onde se fala destes informes, hai este chiste: A doutora dille ao paciente que ten diante “Tome unha pílula destas tres veces ao día. Ou, simplemente, beba da auga da billa”.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org