Axentes con dobre personalidade
A separación entre substancias boas e substancias nocivas para a nosa saúde é un artificio introducido por nós, dada a tendencia que temos a clasificar os fenómenos da natureza en caixiñas con límites ben definidos. Por exemplo, unha pequena dose de raios-X, ou unha tapiña de dioxinas poden diminuír o risco de cancro, xusto o contrario do que ocorre con doses altas. Os estudios sobre toxicoloxía están a por de manifesto que a interacción do noso organismo co medio en que vivimos é mais complexa do que xa se cría, e moitas veces a reacción do corpo pode parecer ilóxica ou contradictoria. A clave está en comprender cómo funcionan os mecanismos biolóxicos de defensa.
As ideas fixas non son boa cousa, e moito menos en ciencia (a rigorosidade do método científico non está rifada con diversidade de ideas e teorías). En toxicoloxía a idea fixa consiste en crer que, se unha substancia ou axente físico é prexudicial en doses altas, tamén o ten que ser, aínda que en menor medida, en doses baixas. Pois resulta que non, moitas substancias tradicionalmente sinaladas como prexudiciais ou mortais teñen efectos beneficiosos estimulantes sobre o organismo en doses baixas. A esta propiedade chámaselle hormese (do grego “hormo”, que significa “excitar, estimular”; de aí tamén vén a palabra “hormona”).
A radiación é boa para ti
Este era o título dun traballo publicado en 1981 no “Health Physics Newsletter”. O efecto biolóxico das radiacións ionizantes (radiacións ionizantes son, por exemplo, os raios-X, a radiación ultravioleta do sol, a radiación cósmica, etc.) é o tipo de hormese máis estudiado, pero pouco coñecido pola maioría da xente, probablemente porque ós científicos tamén lles está custando asimilar cambios en certos dogmas. A teoría coñecida actualmente por todos nós é que calquera incremento na exposición a esas radicacións incrementa o risco de cancro. Sen embargo, cando os científicos se fixaron no efecto de doses mínimas, atoparon algo moi interesante: unha dose pequena estimula a reparación do ADN, atrasando o inicio da enfermidade.
A comezos do século pasado considerábase a radioactividade e os raios-X como beneficiosos, e incluso se popularizou a auga mineral con radio (ou sexa, ¡auga radioactiva!). Pouco a pouco fixéronse evidentes os efectos negativos do uso excesivo desas radiacións, os científicos atoparon que existe unha relación entre cancro e raios-X (Herman Muller, Premio Nobel en 1946), e ao final da segunda guerra mundial o que en principio era un gran milagre tornouse en “radiofobia”. Sen embargo os estudios recentes indican que, de feito, os niveis baixos de radiación son bos para a saúde. En realidade, todos os organismos evolucionamos nun ambiente cheo de radiacións naturais, tanto procedentes do propio planeta coma de fóra, polo que é lóxico que esteamos preparados para respondermos a elas.
Ponllo un pouco difícil ao teu corpo
Este efecto beneficioso a baixas doses débese á maneira que ten o sistema de defensa do noso corpo (chamado sistema inmune) de responder ás afrontas do contorno: mellorando, incrementando a capacidade de resposta. Cando o noso organismo se ve comprometido, xera unha resposta adaptativa que normalmente resulta nun aumento de resistencia, polo que é bo un certo grado de exposición ás substancias malignas que pululan pola terra. Isto é o que facemos de maneira artificial cando nos vacinamos. No caso das radiacións, unha dose baixa é capaz de inducir a reparación de ADN, a eliminación de radicais libres e a estimulación do sistema inmune.
Hai pouco lin nun cornal norteamericano un artigo acerca dun problema novo, derivado dunha sociedade excesivamente preocupada pola hixiene: segundo estudios epidemiolóxicos, os rapaces que medran nun ambiente con pais extremadamente preocupados por ter a casa inmaculada e que os seus fillos non toquen o chan, teñen maior incidencia de alerxias: non teñen o sistema inmune preparado para enfrontárense ao mundo. Cando estamos medrando é fundamental ensinarlle ao corpo quen son os bos e quen os malos; hai que expor o organismo a radiacións, virus, bacterias, ácaros e demais fauna, desa maneira non levará unha sorpresa cando ataquen de verdade.
Así que xa sabedes, está ben de vez en cando arrolarse un pouco polo chan, e facer deporte, claro (cando se fai exercicio o corpo sométese a un estrés importante: moitas células quedan sen osíxeno e glicosa, aumenta moito o número de oxidantes, e deprímese o sistema inmune. O exercicio en si non é bo, igual que as radiacións; o que é boa é a resposta que vén despois).
Algunhas ligazóns sobre hormese:
http://www.belleonline.com/index.html
http://www.angelfire.com/mo/radioadaptive/inthorm.html
http://www.junkscience.com/news/lehr.html