Falar en tres voces
Pensamos en artistas e pensamos nun estudio. Hoxe atopamos un pintor, un escultor ou un fotógrafo, axentes do visual, prendendo ideas en cadansúa mostra. Vari Caramés, Alberto Datas e Jesús Pastor en tres galerías de Santiago; xeitos de ver, de analizar, pero sobre todo de falar.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Quedábanos unha nova sorte de coincidencias, nun curto período de tempo, e o visitante non podía deixar esquecer. Coincidir co comisario ou cun artista protagonista dunha determinada mostra prende unha novidade de certa excepción á que non podemos deixar de tirarlle proveito. ¿Quen non perseguiu un determinado “famoso” artístico nalgunha feira ou nunha determinada inauguración? Xirar a cabeza e cuantificar as ganas de falar da súa obra, pero, sobre todo, de achegarte un pouco máis á vertixe da creación. Tocar e falar co axente e actor do que estamos a ver, ¿preguntarlle a Bacon ou a Vermeer? Vari Caramés, Jesús Pastor e Alberto Datas foron testemuñas partícipes da conversación co mensaxeiro; coincidencias, en inauguracións ou en visitas fortuítas nestes días de outono.
Cando pensas que es o único que mira un bloque de aluminio sen pulir no descanso da escaleira, alguén querer deixar constancia da atención e saca unha fotografía. Cada un mira o que mira. Jesús Pastor quería facer un percorrido vivencial pola exposición que ata finais de novembro presenta na galería C5 Colección de Santiago, e por iso mesmo, quería atrapar comentarios, quizais para que a vida non resulte un cine mudo. O percorrido escalaba, quen coñeza o espacio ascensional desta galería comprenderá a etiqueta, ós poucos con continuas paradas en obras estratexicamente instaladas, exquisitos bloques de aluminio sobre mármore pulido enganchaban a un visitante despistado, mentres outras quedaban illadas, como restos dun meandro, en partes ocultas, que o autor se encargaba de desvelar. Texturas e bidimensión, inflexións e pictorialismos; na conversación quedaba agora nunha reflexión sobre os procedementos das pezas de imáns, nun azul cobalto extremadamente poético, o mesmo que sucedía coa peza do vestíbulo de entrada, que xa puidemos ver no Pazo de Pontevedra; agora lembro onde coñecín a Jesús Pastor, cravando puntos de azul nun manto minimalista.
Pausas de cor
A pausada itinerancia co autor desta mostra vólvese aínda máis cálida cando atopamos a Alberto Datas instalando os seus cadros no primeiro andar da galería Sargadelos, onde hai uns meses percorriamos as obras de Álvaro Negro ou Carlos Rial, entre outros. Alberto Datas non quere sorprender, nin tan sequera emocionar. O seu paseo é a mirada, moi tranquila, deixando que os cadros comecen a dicirlle cousas e, así, só así, comezan a relacionarse cos compañeiros de exposición. Quedamos un tempo prudencial diante dunha nova serie de cadros deste ano 2003, catro lenzos de retratos xestuais; sorprende ver que non fala de resultados nin de actualidade, fala de procesos, de cambios. Algo que o mensaxeiro quere seguir nestas palabras. Un dos mellores pintores do momento actual arrasa nos grandes formatos, queda coa boca aberta dunha cuarta diante de paredes feitas lenzo, con literaturas en pílulas de bocas, ollos e retículas, tamén magmas que van e veñen, agora están, agora non. Son os debuxos en papeis os que, pola súa monumentalidade, reciben máis palabras de papel e seda, como tamén fixera na mostra na galería Marisa Marimón.
Vari Caramés sempre resulta próximo; falar das súas obras non é falar de fotografía nin de fotógrafos, é sentar a ver pasar as cousas. Queremos parar, Vari pensa o mesmo. Queremos depositar emocións nos cambios, nas pausas, nos descansos de escaleiras en tardes de chuvia. As súas “miraxes” son fotografías de índices, como ensina a galería Trinta.
A penas dez minutos de distancia entre Virxe da Cerca e a Rúa Nova, pasando pola Travesa da Universidade, e cantas cousas son diferentes. Cambian os programas, as direccións expositivas, pero, paradoxalmente, non cambian as conversacións, quedan nun mesmo ton de afectividade e diálogo. Mirar, comparar, falar.
X.M. Lens [correo]