O CGAC no escenario
Dez anos sempre son motivo de celebración, máis nestes tempos de caídas súbitas e continuos temblores. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) celebra este martes os seus dez anos de vida, digamos tamén, de intensa existencia; onte unha fermosa Marina Abramovic abría camiño na presentación do libro de performances “Studient Body”.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Cada vez que se achega un acontecemento como unha voda, un aniversario ou un bautizo, recollemos os mellores lazos do presente e poñémolos ó sol. Pero o que máis gusta, na mirada allea, das celebracións, son as tremoias, os traballos entre bambolinas; por iso, este mensaxeiro esta pasada fin de semana visitaba as obras, tarefas, idas e voltas dos empregados do CGAC, mentres remataban as últimas puntadas do traxe de gala: o aniversario dos dez anos do centro. Sabía que algo, polo menos excepcional, se estaba a preparar. Karin Sander preparaba os ordenadores cos seus colaboradores no vestíbulo do centro, para seguir escaneando estes días membros significativos da sociedade compostelá; Roland Fischer percorría as salas da primeira planta buscando direccións e diálogos nas súas fotografías, acompañado da comisaria do proxecto, Agar Ledo; João Onofre remataba de instalar as proxeccións das súas sete videocreacións no soto; Vicente Blanco sentado nunha cadeira fronte á parede pintaba cun lapis casas e coches, nenos e paxaros mentres escoitaba o último tema de Beyonce; logo Teresa Hubbard e Alexander Birchler miraban o Dobre Espacio desde lonxe, querendo imaxinalo; finalmente Marina Abramovic paseaba cun par dos seus alumnos ollando o libro que presentou onte, “Studient Body”. Logo tamén estaban Carlos e David apontoando as últimas tarefas de montaxe.
Despois de dez anos, moitas cousas quedan da nosa vida, comezaba unha carreira e comezaba un proxecto; non quería pero, ó final, este parágrafo van ser olladas nun retrovisor acabado de limpar. Lembro unhas xornadas no Consello da Cultura Galega nas que participou Gloria Moure, a mesma que días despois foi destituída como directora do CGAC, cunha forte e intensa polémica. Naquela tarde descubrín a obra de moitos arquitectos e comezaba a bulir a idea do que logo foi “Interesarte” pero, sobre todo, maduraba ou remataba de definirse o interese polo CGAC, o interese de todos. O Consello, desde a súa Sección de Artes Plásticas, tivera moito que dicir na súa formación, instaurando, hai máis de dez anos un modelo ideal de funcionamento. O resultado foi a realidade arquitectónica que naquel 29 de setembro de 1993 botaba a andar nun territorio pouco acostumado a productos ou empresas críticas, calidade que debe posuír un centro de arte contemporánea. Non resulta casual nin estraño que se inaugurase cunha mostra de Maruxa Mallo nin tampouco que pechase durante case un ano para abrir, xa definitivamente, coa mostra “Itínere”.
Proxecto CGAC
O seu nacemento traía, xa desde o berce, un mestre de cerimonias excepcional, o premio Pritzer Álvaro Siza dáballe forma a un baleiro cultural, acadando un espacio público, co deseño tamén do parque de Bonaval. Foi este arquitecto o mesmo que logo lle deu forma a un interior racional, complicado de traballar, pero tremendamente suxestivo e imaxinativo na súa intervención plástica. A arquitectura deste autor fai do diálogo o seu principal instrumento de traballo, por iso mesmo non resulta difícil ver un artista percorrendo as súas salas, recollendo ideas, espellos onde reflectirse e atrapando espacios onde intervir; esa forte esixencia queda, certamente, como unhas das vontades positivas do CGAC, aínda que ó principio non parecese así. Ó longo destes dez anos moitos foron os artistas que fixeron do seu protagonismo espacial o diccionario de inquilino artístico. Quedo coa valentía de Gormley, a limpeza de sangue de Rebeca Horn, os xogos cómplices de Jorge Barbi, as texturas da memoria de Medardo Rosso, o quimérico roce cos soños de Félix González-Torres, as voces ceibes de James Casebere, a narrativa explosión de praceres de Ana Mendieta e un Dan Graham querendo coller espellos nun mundo cotiá. Quedo con moitas inauguracións e moitas tardes de conferencias; tamén quedo e anoto no meu caderno as moitas carencias que se foron definindo ó longo destes anos, algunha aínda por asentarse. O que sucede co CGAC, a este conto, é que todos, cada un dos que o vemos, paseamos e criticamos, temos unha opinión sobre el, temos un modelo ideal de como debería de funcionar. Todos temos os ingredientes nas mans. Eu quedo coa miña amiga Marta que vai ó centro cando pode, cando lle peta, nin antes nin despois.
O CGAC, freadas longas
As mostras inaugurais queren ser, como moi ben deixou claro o director do CGAC, verdadeiras declaracións de intencións do que é e foi o centro, e sobre todo do que quere ser. Nada escapa nun aniversario ó festín desta mañá de martes 29 de setembro, aínda que resulte estraño facer unha inauguración ás 13 horas. Karin Sander, João Onofre, Roland Fischer, Vicente Blanco e o equipo, Teresa Hubbard e Alexander Birchler serán os protagonistas desta saída a escena, como o foi onte Marina Abramovic. Declaracións de intencións e, sobre todo, como resumo das diversas direccións que o centro leva protagonizando nos últimos cinco anos: existe un achegamento a unha figura internacional que se pretende que expoña no centro en primicia en España, como neste caso sucede con Roland Fischer. Este mestre dos retratos de almas conxeladas e grandes arquitecturas históricas presenta un impresionante proxecto de achegamento ó Camiño de Santiago, ós fitos arquitectónicos, pictóricos e plásticos deste itinerario. Todos os que o acompañaron falan da súa paixón, sobre todo cando descubriu a Virxe dos ollos grandes da Catedral de Lugo. O pretexto público desta mostra queda no retrato colectivo de mil peregrinos e prolóngase na intervención de Karin Sander, que converte o CGAC en centro de peregrinación para facer novos retratos dos visitantes en pequenas estatuiñas brancas que serán expostas, como mercancías, en estantes no vestíbulo do centro. Tempo de voces alleas que, no contacto terreal, achegan relatos plenamente galegos.
Viño da casa
Tamén está o viño próximo, aquel que recoñecemos e coidamos seguindo o seu crecemento. Así nos sucede con Vicente Blanco, que representa a liña de retrato da última xeración de artistas galegos, na mesma filosofía de aposta de Salvador Cidrás, Mónica Alonso, Patricia Dopico ou Suso Fandiño, en individuais ou colectivas. Esta é, posiblemente, unha das vertentes máis cuestionables do CGAC; non é preciso dicir que nos estamos sempre ó carón das novas voces, daquelas que teiman en collerlle alento ó río da creatividade. Vicente Blanco realiza unha intervención radical coa arquitectura interior da primeira planta, realizando divisións e paneis que condicionan un percorrido único, dirixido por recreacións, ficcións e relatos de narracións ambiguas. Queremos imaxinar un mundo onde quede “o que se espera de nós”. O noso artista sincera unha película de protagonistas adolescentes, en casas de paxaros ou descampados de praia con focos de coche. Logo vén João Onofre, relatando as relacións persoais e de contexto nos seus sete vídeos, un dos artistas máis representativos da nova xeración portuguesa, con participacións en certames tan importantes como a Bienal de Venecia. “Eu amo a forza, a convicción e o coraxe”, reza un dos seus traballos.
Imaxinar un CGAC
Temos que invitar a Diego Santomé e que converta en maqueta o modelo ideal de CGAC ou a Roberto Ribao a que nos invente unha postal para este territorio na rúa Valle Inclán s/n. Queremos imaxinar un mundo de ficcións, entrementres o CGAC segue día a día nunha paisaxe de continuos cambios. Nacen novos centros, novos espacios culturais e a institución debe cambiar de rumbo; aumenta a colección e diminúen as actividades. Queda un tempo para un centro ideal, como comentaba ó comezo. Existen tantos CGAC’s como visitantes. Estes días todos seremos un pouco máis ou menos parte do proxecto, nunca se sabe.
Notas no bordo en branco da invitación desta inauguración: Cousas para o futuro. O tema das actividades, o rumbo da súa colección e o pulso cotiá dun centro que debe ser, ante todo, activo e crítico, intenso. Antes de saír, a librería chama e John Berger ofrécenos un artigo sobre os xeitos de mirar; ¿quen pensaba que sabía mirar?
X.M.Lens [correo]