Ciencia e relixión, ¿amigos ou inimigos?
¿Está a ciencia enfrontada coa relixión? ¿Poden relixión e ciencia cooperar para enriquecérense mutuamente? No caso da neurociencia e do budismo, o entendemento xa está dando froitos. Ambas as disciplinas teñen un gran obxectivo común: o coñecemento do funcionamento da mente. Acábase de desenvolver no MIT unha conferencia entre científicos e budistas co título “Investigando a mente: intercambios entre o budismo e as ciencias cognitivas verbo do funcionamento da mente”. ¿Pode a ciencia moderna sacar proveito dos 2500 anos que leva o budismo investigando a mente?
Un misterio sen resolver con distintas maneiras para abordalo
A pregunta fundamental da neurociencia, probablemente o enigma máis importante co que se enfrontan científicos e filósofos, é a natureza da consciencia. ¿É a consciencia o producto do funcionamento de millóns de neuronas no noso cerebro? Ou, pola contra, ¿son o encéfalo (entidade física) e a mente (percepción subxectiva) dúas realidades independentes e complementarias? A maioría dos neurocienfícos actuais optan pola primeira opción: a consciencia non é máis que o producto do funcionamento dun cerebro extraordinariamente complexo coma o noso. Esta visión mecanicista, á parte de elevar a moral (e ás veces a arrogancia) de moitos científicos, ten implicacións moi importantes en diversos campos da ciencia, como por exemplo na investigación sobre intelixencia artificial.
A segunda opción, unha mente independente do encéfalo físico, está máis acorde co punto de vista da maioría de relixións, entre elas o budismo. Os budistas levan máis de dous milenios dedicados a estudiaren a natureza da mente, cunha diferencia respecto á ciencia occidental: o instrumento de investigación é a propia consciencia, os experimentos consisten en... pensar, meditar, afondar na propia mente. A maioría dos científicos non son conscientes (nunca mellor dito) deste experimento a grande escala, ou ben demostran o seu escepticismo sobre a subxectividade do “experimento”. Un dos obxectivos da recente reunión consistiu en refrescarlle e abrirlle un pouco a mente aos neurocientíficos máis acartonados, sen necesidade de bisturí.
Unha xuntanza peculiar
Os budistas cren que poden achegar e compartir parte do seu coñecemento coa psicoloxía, ciencias cognitivas, neurociencia e ciencias médicas occidentais, e ese achegamento é o que acaba de ocorrer na conferencia do MIT. A delegación budista estivo comandada polo seu líder espiritual, o Dalai Lama (que tamén é o xefe do Goberno do Tíbet no exilio), acompañado por pensadores como o francés Mattieu Ricard (autor de “O monxe e o filósofo”), ou Daniel Goleman (autor de “Intelixencia emocional”). A banda dos científicos estaba poboada por prestixiosos investigadores (xogaban na casa), entre eles Eric Lander, un dos líderes do Proxecto Xenoma Humano.
O Dr. Lander fixo un excelente e humilde resumo de como poden enriquecerse mutuamente ciencia e budismo, e tamén o resto da humanidade. O budismo pode achegar excelentes suxeitos para experimentación en psicoloxía e ciencias cognitivas: monxes ben adestrados nas artes da concentración. Tamén pode alimentar as mentes mecanicistas de moitos científicos con preguntas novas e interesantes. En ciencia, o máis difícil non é a realización física do experimento, ou a análise dos datos, ou conseguir os mellores medios; o máis difícil é facer a pregunta adecuada. Para isto hai que estar preparado, ter unha visión o máis global e integradora posible, ver o que outros non ven. Os bos científicos son os que fan boas preguntas.
Pola súa parte, a ciencia pode achegarlle ao budismo respostas a preguntas importantes, e tamén métodos novos para mellorar as súas técnicas de meditación. O Dalai Lama expresou a admiración e respecto que ten pola ciencia; está convencido de que pode ser unha ferramenta moi útil para afondar na súa viaxe ao centro da mente, na procura da paz e eliminación do sufrimento humanos. Dixo que, se non fose o Dalai Lama, gustaríalle ter sido enxeñeiro (ao mellor, na seguinte reencarnación, se ten sorte, convértese nun enxeñeiro pacifista. Fan falla uns cantos).
Respecto mutuo
Na conferencia, que durou dous días, recalcouse o respecto mutuo que ten que existir entre disciplinas tan distintas como relixións e ciencia: “Non nos tomen como unha relixión –dixo o Dalai Lama–, os cristiáns cren no ceo, nós na reencarnación, ... esquecede esas cousas, o importante é buscar a felicidade”. Jerome Kagan, catedrático de psicoloxía de Harvard, subliñou, citando palabras do científico danés Niels Bohr, que non hai ningunha técnica (científica, meditación, etc.) que, por si mesma, poida descubrir toda a verdade sobre a natureza da mente; é preciso combinar todas as disciplinas posibles.
É probable que este mundo descoidado e acelerado no que vivimos precise dun pouco de calma e meditación, sexa do tipo que sexa. O lúcido profesor Lander rematou a súa charla dicindo que “actualmente as autoridades sanitarias dos EEUU recomendan alomenos 10 minutos diarios de exercicio físico; ao mellor dentro duns anos decátanse de que pensar e meditar tamén pode ser bo e empezan a recomendar 10 minutos de exercicio mental”. O mundo iría moito mellor.
Os dous organizadores da conferencia:
http://web.mit.edu/mcgovern/
http://www.mindandlife.org/