A terra e a estrela
Caixa Galicia prepara motores para a nova tempada expositiva. Nos próximos catro meses inaugurará dúas mostras importantes, a fotografía de Ramón Masats e o “Cantic al sol” de Joan Miró, ó tempo que segue latente a realidade expositiva itinerante con mostras como Xurxo Lobato, Lugrís ou Tino Grandío.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Mentres todas as galerías de arte comezan a preparar as mostras inaugurais, as institucións privadas ou públicas botan os confetis de próximas celebracións. Chema Prado en Trinta, Quintana Martelo en VGO, Fernando Casás en SCQ, Chus García Fraile en Bacelos, Salvador Cidrás en Marisa Marimón ou Guillermo Paneque en Ad-hoc serán as principais presencias individuais dentro de programacións moi estables; tamén subliñar a inauguración na galería May Moré de Madrid coa obra de Mónica Alonso, unha das novas artistas da arte galega. O feito de comezar sempre require certa preparación, certo quecemento. As institucións culturais, como indicaba, preparan estes acontecementos con moito coidado, con pausa suficiente, e sobre todo, en temas de axenda, mirando de non coincidir, na apertura, con outra institución; porque tamén vivimos da nosa proxección exterior. Así, Caixa Galicia preparou para este último trimestre unha programación estable, con mostras itinerantes que irán percorrendo e dialongando con novos espacios xunto ás verdadeiras forzas, coa presentación en Galicia das exposicións de Ramón Masats e Joan Miró. Nos próximos meses tamén poderemos visitar a Juan Gris en Caixanova, os fondos do Museo Lázaro-Galdiano na Fundación Barrié, asistiremos á inauguración dos dez anos do CGAC, César Portela ou a nova xeración da arte portuguesa no MARCO e os representantes da “Generación 2003” de Caja Madrid no Auditorio de Galicia.
A memoria de touros e xiz
Das sedes que a Fundación Caixa Galicia ten dispersas pola xeografía galega, é a de Pontevedra, localizada no Café Moderno, a que resulta atractiva a súa visita, como sucede coa de Santiago. Situada a súa sala de exposicións no primeiro andar, a súa remodelación realizada polo depurado Álvaro Siza, converteu unha casa de grandes soños burgueses nun espacio de exposición actual, principalmente nas dúas estancias e na ampla galería de luces plein-air. Un certo reencontro co pasado actúa de manto sobre a obra de Ramón Masats, que ata finais de outubro veremos nesta sede pontevedresa. A mostra, que vén avalada polo premio da Comunidade de Madrid, achéganos á fotografía que redeseña unha “memoria construída”. Baixo o comisariado do tamén fotógrafo Chema Conesa, a mostra realiza un percorrido pola obra do catalán ó longo de toda a súa vida, desde a década dos sesenta ata a actualidade. Un viaxe polo branco e negro e a cor como pel da realidade, sen pasar voando, atrapando raias de luz con acentos sociais. A súa fotografía oscila entre o realismo veraz e a máxica evocación, de carácter peninsular, lonxe de tópicos pero enfrontándose ós medos e vivencias dunha sociedade concreta.
A sala de exposicións da Coruña, situada na rúa Médico Rodríguez, ten pouco de representativo e moito de social, moito de emblemática, dada a súa situación en pleno centro comercial da cidade. Se nace na planta baixa, a súa verdadeira expansión prosegue no primeiro andar. Aproveitando esta filosofía social a Fundación presenta unha das exposicións estrela da tempada, a serie “Cantic al Sol” do gran Joan Miró, despois de visitar o interesante Museo Patio Herreriano de Valladolid. A obra de Miró, mestre do surrealismo, por todos coñecidos, representa o mellor da nosa historia da vangarda peninsular; sempre importante redescubrila e tentar agrupar as moitas liñas con que este autor nos agasalla.
O itinerario prosegue, agora botando man da importante colección desta institución —un xeito acertado de analizar os fondos— por áticos de eclecticismos vigueses, namorándonos nos naufraxios verdosos de Urbano Lugrís, polas abstraccións xestuais, abordando figuracións mínimas na obra de Tino Grandío na súa sede de Santiago ou por un Xurxo Lobato voando sobre as costas, faros e vides galegos. Itinerarios de orde social que achegan, sen desvirtuar o producto, aquilo que temos lonxe. Outra liña que promove a fundación é a producción ou financiamento de proxectos expositivos, certamente unha valiosa presencia de promoción da arte galega, como sucede no caso de Menchu Lamas, que no mes de outubro, exporá unha selección das súa obras baixo a sempre literaria “espiral do soño”. A figura da espiral parece ser unha verdadeira actuación de forzas que Caixa Galicia reforza en cada mostra, na súa presencia pétrea na terra.