culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Fiquei paralizado de pracer

“Gustaba de visitar ao señor Gustavo na súa fermosa casa de campo, en Ames; sempre a mesma cerimonia: acendía o tocadiscos, poñía algo clásico e, sentados nesas grandes cadeiras, falabamos e falabamos. Na conversa entraba de todo, pedras, insectos, libros, antigos e oscilacións electromagnéticas. Moitas veces Gustavo quedaba durmido de súpeto, sen previo aviso, durante un minuto ou algo máis. Eu aproveitaba ese tempo para ir mexar, botar un peido, ou botarlle unha ollada sen disimulo á casa. Ao espertar, el seguía falando como se nada ocorrese, ignorante do seu sono pasaxeiro a causa da narcolepsia que padecía”.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
O parágrafo anterior é ficticio, pero non así a enfermidade. A narcolepsia é a única doenza neurolóxica que afecta de maneira específica ao sono. As persoas que a padecen caen en brazos de Morfeo de maneira repentina, en calquera momento do día, independentemente da actividade que están a facer. Ademais, cando experimentan unha emoción forte de calquera tipo (enfado, alegría, un gol de Valerón, qué chiste máis bo) pode desencadear un ataque de cataplexia: subitamente pérdese o control de todos os músculos, paralízanse, pero claro, non desaparece a forza da gravidade, así que a persoa cae ao chan coma un saco de patacas, aínda que totalmente consciente. En ambos os casos, ao cabo duns segundos ou minutos todo volve á normalidade.

¿Por que eses cambios bruscos? O sono e a vixilia son dous estados mentais estables, regulados por complexas interaccións entre determinados xenes, a actividade encefálica, o metabolismo xeral do corpo e o ciclo de luz día-noite. Polo momento, os fármacos que existen para facilitar o sono na xente que ten problemas para durmir baséanse en inducir unha depresión xeral no sistema nervioso. Pero as investigacións recentes sobre a narcolepsia acaban de producir resultados que poden revolucionar as pílulas para durmir e conducir á producción de pastillas extremadamente específicas, de maneira que permitan regular o noso interruptor vixilia-sono con moita máis precisión.

Vivir co interruptor avariado
Segundo estas investigacións, o que ocorre na narcolepsia e cataplexia é que o estado de vixilia se torna inestable pola falta dunha substancia neuromoduladora recentemente descuberta, a orexina. Debido a esta inestabilidade, o cerebro pode pasar bruscamente ao sono (narcolepsia) ou activar a relaxación muscular que caracteriza ao sono REM (cataplexia). Non é fácil vivir con este interruptor avariado, os narcolépticos non poden conducir, nin sequera subirse a unha cadeira para cambiar unha lámpada. O risco dun ataque de cataplexia tampouco lles permite participar, por exemplo, en deportes en que a emoción de gañar ou perder poida desencadear esa súbita parálise. Podedes imaxinar moitísimas máis situacións en que non se pode ou non convén quedar durmido ou perder a forza muscular de súpeto.

O descubrimento da orexina non só vai facilitar a vida dos narcolépticos, senón que está permitindo coñecer con moito detalle os mecanismos polos cales o noso encéfalo pasa do estado de sono ao de vixilia e viceversa. En teoría, se se chegan a coñecer con precisión todos os mecanismos de acción deste e outros neuromoduladores (o cal é moi probable), será posible controlar farmacoloxicamente o ciclo do sono, con toda a súa complexidade. Os médicos deixarán de receitar pastillas para durmir e empezaran a receitar pílulas personalizadas: pastillas para durmir x horas e x minutos, cun x % de sono de fase III, e un x % de sono REM (durante o cal se producen os soños; o que non creo que se poida controlar coas pastillas é o tema dos soños).

Na Universidade de Stanford teñen unha colonia única de cans narcolépticos marca doberman, que é fundamental para o estudio da enfermidade. Estes cans transmítenlles a enfermidade xeneticamente ás xeracións seguintes (non así os humanos), así que os seus coidadores tratan con esmero de que se reproduzan. O problema é que moitas veces os cans quedan paralizados durante o apareamento, xa que sofren un ataque de cataplexia pola emoción.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org