Camisetas de domingo
Terra de posibilidades, así reza unha nota na libreta das viaxes interiores. Os certames orientados á creación máis nova actúan de plataformas de expansión pública. "Novos Valores 2003" resulta unha acertada parada na Pontevedra de festas estivais e no percorrido pola arte galega deste comezo de século.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Os novos valores son aqueles puntos que rebotan máis, que saen e quedan nunha rede de sensibilidades colectivas. En máis dunha ocasión expresei a importancia que teñen certames deste tipo, que recollen a obra dunha serie de artistas de curta traxectoria onde se pretende facer máis visible a realidade creativa dunha determinada zona xeográfica. Cada vez con máis insistencia, aposto por este tipo de empresas. Baixo esta mesma etiqueta atopamos un dos certames de arte novo máis asentado no panorama galego: Novos Valores, dependente da Deputación de Pontevedra.
Mudas estivais
A fusión entre a Deputación e o Museo de Pontevedra fai posible que, de xeito habitual, cada un dos certames se realice no Edificio Sarmiento, o mesmo espacio que será remodelado e ampliado para localizar o novo museo. Ata mediados de mes neste lugar pódese ver a mostra “75 obras para 75 anos” onde se expón a maqueta desta nova infraestructura museística. O feito, excepcional, desta última mostra fixo que o espacio destinado a exhibición de “Novos Valores 2003” fora desprazado á sala de exposicións da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, algo que xa sucedera na edición do 2001. A facultade dispón de dúas salas na súa fachada exterior, a ambos os lados do vestíbulo de entrada. O acerto desta nova localización está na proximidade filosófica cos obxectivos pedagóxicos do centro, ademais de ser un espacio equilibrado.
Caídas na rede
Compramos o catálogo e descubrimos un coidado extremo no seu deseño, lemos o texto de Ramón Rozas, e percorremos cada unha das obras, fixando os pés no chan e dedicándolle tempo, moito tempo a cada unha. As obras dispóñense nunha velocidade concéntrica nas paredes, como se fosen expostas nunha centrifugadora, quedando alternas as catro propostas escultóricas. Os ollos do visitante rebotan entre a obra e a cartela branca onde localizar o nome do artista; moitos deles son algo coñecidos, con máis ou menos participacións noutras colectivas, para outros é a súa primeira presentación social. Sobresae, en xeral, a calidade das obras presentadas e quedamos en moitos casos máis coa obra dun artista recoñecido ca coa doutro do que xa coñeciamos a súa linguaxe. Uns cambian e outros non, uns aínda seguen a buscarlle o sentido a isto de escribir coa pintura, coa fotografía ou nos pedestais; algúns incluso saltan de disciplinas, tendo que reler a cartela dúas veces para asegurarte de que é o mesmo artista que atopaches hai catro meses noutra mostra. Quizais niso, nesa inseguridade, é onde reside a gratitude nesta contemplación.
Entre os máis de trinta artistas seleccionados quedamos con moitos deles. Outra cousa, antes de continuar, seguimos coa clasificación por disciplinas, por outra banda un xeito sinxelo de distribuír, en cada edición, os premios que se outorgan a unha das pinturas, esculturas, fotografías ou videocreacións seleccionadas. Os premiados, José Ángel Zabala, Covadonga Gutiérrez, Fruela Alonso, Javier Aguilera, Raquel Sánchez e Eduardo Irago, representan perfectamente o heteroxéneo panorama de dispersións e transformacións, tamén as incertezas. Na volta a casa repaso a miña cámara dixital e quedo con varias cousas, con varias obras e combinacións plásticas e pictóricas. Quedo coa selección de oito videocreacións, situándose na mesma porcentaxe que calquera outra área. O único é ter que ver os vídeos en televisións, sen ningunha cadeira onde poder velos detidamente. Quedo coa escultura de resistencia e construcción de Juan Silva, a fermosísima fotografía de Covadonga Gutiérrez, a inquietude de María Zoraida Marques, a lixeireza compositiva das pinturas de Irene González, a crueza lírica de Santi Jiménez, a pintura de referencias heroicas de Fruela Alonso e as propostas de Eduardo Irago, Estela Vaquero e Begoña Martínez entre as obras audiovisuais.
Nas próximas datas asistiremos a dúas novas convocatorias de creadores novos. Atentos os artistas, porque nestes días comeza a recollida de obras e propostas. O primeiro será o realizado polo Museo do Mar de Galicia, que ata mediados de outubro recolle obras de artistas nados despois de 1968 e que será logo atrapado na colectiva “Olladas oceánicas”; neste caso o único que se especifica nas súas bases é a temática marítima das obras presentadas. A outra cita será no III Premio Auditorio de Galicia, que se celebra no mes de novembro. Estade atentos. Eu estareino ás mostras posteriores.
X.M. Lens [correo]