culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Agosto mental, setembro frugal

O mensaxeiro de volta parece non querer desprenderse das maletas dunha viaxe, máis mental que real, que o levou por moitas das exposicións, espacios e territorios que, neste mes de agosto, quedaron no parabrisas, mentres atrapabamos moscas.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Cada vez que volvemos, queda moito detrás, moito polos lados, onde non temos tempo de parar a mirar. Esta resulta ser a sensación que nos recolle en cada volta de vacacións. Para un mensaxeiro esta misión resulta aínda máis difícil, porque a súa tarefa é levar mensaxes, cargar con ideas ou comentarios, e nada peor para recoller ideas que as vacacións. Trátase de reter a ollada nese intre xusto da volta, cando se retiran da maleta os folletos, revistas e retrincos de xornais indicando unha ou outra actividade ou curiosidade cultural. Non atopamos nin as sombras de piñeiros nin os restos das areas de pés mollados, agora só se tenta sacar entre as unllas da memoria os residuos de paseos estivais. Cada quen ó seu regueiro, que pronto chegan as chuvias.

Non sei se o lector lle fixo caso a cada unha das indicacións expositivas que pensamos para os días de agosto. Eu aproveitei para redescubrir espacios e ler novas exposicións que aínda quedaban nos tinteiros. Tamén empreguei o tempo en ler os relatos e relatos de verán que sorteaban os xornais que caían de pouco en pouco; pero non puiden reprimir sentirme atraído polo imán desas portas con grandes ou pequenas bandeirolas que anuncian unha proposta creativa, unha determinada narración en formas e obxectos concretos. De seguido, unha lixeira liña de relato sobre o que foi quedando na mochila. Unha particularidade, non sei quen falaba da viaxe mental, porque esa é a aptitude que seguín en moitos casos, vendo a través das letras, liñas e baleiros de artigos e páxinas web. Diso se trata, de falar do que vin pero tamén daquelo que non cheguei a ver, pero que percorrín, a modiño, cos ollos doutros mensaxeiros.

Faros sobre outeiros
Por aquilo de comezar polo próximo, cada unha das paradas das que falabamos antes das ledicias de finais de xullo, Pontevedra, Santiago, A Coruña ou Vigo, foron vistas e anotadas neste caderno, en tardes de TRD e sobremesas de ceas calorosas. Das moitas exposicións que, curiosamente, ían aparecendo nesta volta ciclista a Galicia, teño que recoñecer que poucas cousas me sorprenderon, porque tampouco tiña grandes expectativas. Ir sobre o seguro sempre resulta afortunado, por iso foi unha nova alegría a exposición de Cristina García Rodero no Museo de Belas Artes da Coruña (aínda ata o 20 deste mes), coas súas fotografías cheas de entrega salvaxe, dunha beleza que fai conxelar un visitante durante moito tempo, e así por máis de cen instantáneas dos Rituais de Hahití. Entre as mostras que resultaron unha gran sorpresa sobresae a proposta que David Claerbout presentou nos sotos do CGAC, un xogo de espacios en claroscuros inquietantes con relatos audiovisuais que quedan pegados na memoria. Modesto Cuixart no MACUF seguía a ser unha aposta segura, moi segura, como o foi a mostra do Museo de Pontevedra, que aínda que non asombrou si testemuñou a calidade de moitas das pezas para articular un historia da arte galega. A mesma sensación de exposición dun contido soñador quedou na de Urbano Lugrís na Fundación Caixa Galicia da Coruña, ou, en parámetros máis arriscados a exposición “A construcción do espectador” que se recollía na Fundación Luís Seoane. Antes de saír, unha parada no litoral, na aposta colectiva do Museo do Mar de Galicia sobre a temática marítima do mar; unha fascinante exposición nun espacio museográfico aínda por definirse.

Faros de grelos
Cando o faro de grelos xira cara a un hemisferio leste, saímos de Galicia. O ton das mostras cambia de aptitudes, aínda que a morriña nos segue sen remedio, e segue tamén a explosión de acontecementos estivais. Camiño da Bienal de Venecia, Bárbara Rose no “ABC” e Ángela Molina en “El País” rematan de dinamitala, lanzando as últimas fustas de críticas, sobre todo ás mostras do comisario Bonnano, non así a acertada proposta do noso representante Santiago Sierra que, como sabedes, pechou a sede española con ladrillos só permitindo o paso ós portadores do DNI. Benvidos ó mundo globalizado. Valladolid foi unha das paradas destes paseos-lecturas, o Museo Patio Herreriano presentaba unha instalación de Jorge Barbi, onde se facía unha interpretación da teoría de Planck, instalando unha parede de ouro brillante e unha sucesión de números polo chan; imaxinación desbordada dun dos mellores ideólogos da utopía. Perejaume e Javier Pérez ofreceron unhas das mostras máis orixinais deste agosto no ARTIUM de Vitoria, entre a construcción das paixóns e medos, endosados nun batedor de soños e praceres de Javier Pérez e a reflexión territorial, paisaxística, dun Perejaume que deixa sen palabras nas súas instalacións, sobre todo aquela onde deposita os restos dunha arquitectura minimalista nunha das salas.

Madrid, Bilbao, Cuenca ou Pamplona seguiron os mesmos parámetros, moitas e moitas olladas laterais: a reflexión sobre o abrigo cálido e cruel dunha nai, na mostra “Mi Madre” no Centro Andaluz de la Fotografía de Almería; a valentía e entrega dos protagonistas da nosa historia, as “Brigadas Internacionais” no Círculo de Belas Artes de Madrid ou os camiños de protección do noso patrimonio artístico na mostra “Arte Recuperado” do Museo do Prado, dúas desas exposicións que nunca rematas de darlle voltas; olladas impresionantes como as do Sr. Calder realizando un despregamento case cinematográfico polas salas do Guggenheim, mentres percorriamos a serpente de Serra ou o iglú de Merz; Oscar Tusquets, no mesmo Círculo de Belas Artes, combinou eses parámetros que tanto me gustan, arquitectura, arte e deseño; o mundo da moda en “Tras el espejo” que analiza o Reina Sofía baixo o impecable comisariado do director e guionista Gonzalo Suárez, nunha viaxe polos deseños téxtiles de Custo, Verino, Balenciaga, Zara, Domínguez ou del Pozo, sortes de belezas nunha curva praxiteliana.

Para o final deixo unha marabilla e un descubrimento: a pequena arela estivo na mostra de Gerardo Rueda “Construcciones” no Museo de Arte Abstracto Español, unha equilibrada composición de proxectos, ideas e solucións, todo no mínimo sentimento dun lapis ou dun retrinco de cartón. O redescubrimento estivo na nova Fundación Oteiza, que se acaba de inaugurar na súa aldea natal, en Alzuza, preto de Pamplona. A arquitectura de Sáenz de Oiza, por intres moi expresionista e dirixida, case como un cofre relixioso, non consegue eclipsar as emocións dos xiz, cubos e estructuras de Oteiza. Pensar que o espacio pode construírse antes cunha soa palabra, queda como testemuña de enxeño e sinceridade, quizais a única das aptitudes da vida.

Por diante, meses e meses. Virán máis olladas e espacios: o aniversario do CGAC, Guillermo Paneque en Ad hoc, Generación 2003 no Auditorio, Masats ou Miró en Caixa Galicia, Fernando Casás en SCQ, Vari Caramés en Trinta e Menchu Lamas no Centro da Deputación de Ourense.

Xosé Manuel Lens [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org