culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Chega o deus LED iluminar os lugares anegados

De neno, cando visitaba a miña familia materna na extraordinaria vila de Viana do Bolo, quedei moi impresionado cando descubrín que o encoro que alí hai antes non existía e que debaixo daquela inmensidade de auga hai anegadas vilas, corredoiras, pontes, vidas enteiras. Algún verán, cando o nivel da auga descende o suficiente, todo un universo novo emerxe dende o pasado, misterioso, case intacto. Galicia está chea de vales pantasmas, de mundos anegados pola necesidade de producir enerxía eléctrica para alimentar neveiras, lavadoras, ordenadores, máquinas de raios x, incubadoras, cines, orquestras, e luz. Sobre todo luz.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Unha gran porcentaxe da enerxía eléctrica que utilizamos vaise en forma de luz. Lámpadas incandescentes e fluorescentes iluminan as tardes e noites das nosas vidas. Cando unha tormenta nocturna interrompe o fluído eléctrico durante uns minutos, a vida cambia radicalmente mentres saboreamos esa inesperada viaxe ó pasado. A luz custa moitos cartos, enerxía e vales anegados pero, se a investigación sobre os LED segue ao ritmo actual, dentro de 10-20 anos deixará de ser así.


¿Que son os LED?

A luciña que agora mesmo indica que o teu ordenador está aceso, ou a que ilumina a pantalla do teu teléfono móbil é un “light-emitting diode” ou LED. Foi descuberto nos anos 90 por Shuji Nakamura en Tokushima, Xapón, o que o converteu nun heroe nacional. Este tipo de iluminación cambiou por completo o concepto de luz. Os LED utilizan un principio físico totalmente distinto ás lámpadas e tubos fluorescentes; en vez de levar un filamento de tungsteno, ou un gas, teñen un composto cristalino que é capaz de converter electricidade en luz cunha cor que dependerá da composición exacta do material usado.

A enorme vantaxe dos LED é que son extremadamente eficientes en converter electricidade en luz, ademais de moito máis duradeiros. Unha lámpada de tungsteno convencional só usa un 5 % da enerxía que recibe, e perde o resto en calor (¡95 %!), cousa que todos temos comprobado algunha vez ó cambiar unha lámpada. Os tubos fluorescentes fan algo mellor o seu traballo, utilizando un 20 – 30 % da enerxía. Os LED, en teoría, poden converter en luz o 100 % da electricidade que se lles subministra. Isto quere dicir que poderiamos gastar un 95 % menos de electricidade en iluminación, o cal tería consecuencias formidables para o medio natural, xa que pode significar unha reducción do 10 % do consumo mundial de enerxía, e tamén pode significar a desaparición de encoros e miniencoros, de centrais térmicas e nucleares.


Creadores de luz

¿Por que non se ilumina todo con LED xa? Porque os LED actuais aínda son pequenos, de pouca intensidade, e non acadan ese 100 % de eficiencia. Pero varios laboratorios arredor do mundo están a traballar para aumentar as posibilidades deste tipo de luz e convertelo na iluminación estándar antes de chegar ao 2025, entre eles o “Solid State Lighting and Displays Center” da Universidade de California, dirixido polo propio Nakamura. Un dos principias retos que teñen que resolver é o da producción de luz branca, xa que os LED, pola súa propia natureza, só producen luz dunha determinada cor. Para xerar o que o ollo percibe como branco terán que combinar varias cores, cousa que non parece fácil cos LED.

Pero estas luciñas aínda van dar moito máis de si. Algúns dos grupos de investigación están a desenvolver os OLED ou LED-orgánicos, que son unha especie de plástico coa textura dunha saba e as propiedades dos LED. Isto permitira á fabricación de cortinas, mobles, papeis, etc. luminosos. A lámpada, a luz procedente dun só punto, será dentro de varias décadas unha opción cara e de anticuario.

Se vos fixades ó voso arredor, veredes que estas luces están empezando a coller velocidade e aparecer por todas partes, e non só como pequenos puntos que avisan dalgunha función nos aparatos electrónicos, senón, por exemplo, nos semáforos. Os semáforos tradicionais, que consisten en lámpadas duns 150 vatios colocadas detrás dun filtro de cor, están sendo substituídos por círculos de luz formados por un grupo de LED que consome dez veces menos e dura 5 veces máis. Este simple cambio estalle a aforrar ao Departamento de Transportes de California nada menos que 10 millóns de dólares na tarifa eléctrica anual. Non sei cantas centrais hidroeléctricas se poderán aforrar pero... deixen paso, a luz está en verde.

Ligazóns relacionadas:

-Solid State Lighting and Displays Center

-Lumileds

-Cree

-GELcore

-Universal Display

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org