culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Medicinas que non o son tanto

Os médicos están a enganarnos, pero eles non o saben. Os visitadores médicos están a enganar ós médicos, pero tampouco o saben. As compañías farmacéuticas están a enganarnos a todos, alguén dentro delas sábeo. Isto vén a conto porque segundo parece é probable que algúns dos medicamentos que nos receitan os discípulos de Hipócrates non fagan o efecto desexado, ou alomenos non coa eficacia que proclaman os posuidores das patentes. Esta pouco saudable nova e unha das lecturas que se poden extraer dun traballo realizado por un equipo de investigación da Universidade de Toronto (non precisamente por unha empresa farmacéutica) e publicado recentemente no “British Medical Journal”.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A principal conclusión deste traballo, non de todo novidosa, é que cando un estudio científico para o desenvolvemento dun novo fármaco está financiado por unha compañía farmacéutica, o resultado tende a favorecer o producto fabricado por esa mesma compañía (cunha probabilidade de 4 a 1). Este desequilibrio non existe nos estudios financiados por outras fontes. Ou sexa, existe unha presión económica, unha man pantasma, que pode dirixir experimentos en principio puramente científicos, e polo tanto puramente obxectivos, e trocalos en ciencia mal feita para favorecer os intereses das grandes compañías.


Unha raíz podre

A manipulación é sutil e supera alegremente os severos filtros que a ciencia ten para a investigación e publicación de resultados. Segundo os autores do estudio, o nesgo pode producirse na mesma raíz do proceso de desenvolvemento dun fármaco, no que existen dúas etapas importantes: por unha banda está a investigación no laboratorio, e por outra o proceso de validación dos resultados. Vexamos onde pode actuar a man pantasma.

Os experimentos no laboratorio financiados por empresas farmacéuticas son de igual ou mellor calidade có resto, pero o que pode pasar é que o deseño experimental sexa erróneo, o cal leva a unha interpretación errónea dos resultados (neste caso, erróneo quere dicir favorable ós intereses da compañía). Todos os científicos sabemos, ou deberiamos de saber, que tan importante coma o experimento en si é o deseño teórico deste. Á hora de comprobar se un novo fármaco é potente e eficaz, o correcto é cotexar os seus efectos respecto ás mellores drogas xa existentes no mercado; sen embargo o que se fai en moitos casos é comparar o candidato simplemente cun placebo, ou utilizar doses non apropiadas do producto en investigación. A pesar de que a realización física dos experimentos pode ser inmaculada, a interpretación dos resultados non.

O paso seguinte, unha vez que se teñen resultados experimentais, é a validación destes por parte da comunidade científica. Un descubrimento ou avance científico non se considera tal ata que non se publica nunha revista científica regulada por avaliadores externos, imparciais e anónimos. Ningún científico serio pode fiarse de resultados non publicados desta maneira, sen embargo moitos dos resultados dos experimentos financiados por compañías farmacéuticas non se publican nunca neste tipo de revistas, senón que o fan en congresos ou simposios. A pesar disto, os medicamentos son finalmente aceptados e postos á venda.


¿Que poden facer os médicos?

Os médicos poden facer pouco ou nada. A pesar de que, coa súa mellor vontade, receiten os fármacos que realmente cren que son os mellores, poden estar confundidos. Pero non confundidos polos visitadores médicos, senón pola letra pequena dos informes científicos. Dadas as dúbidas que este estudio esperta, a única maneira que un médico tería para estar seguro de que unha medicina é máis efectiva ca outra, ou polo menos para ter unha opinión crítica independente, sería achegarse á biblioteca dunha universidade próxima e revisar todas as publicacións científicas relacionadas co descubrimento e desenvolvemento dunha determinada substancia, algo que é moi difícil de levar á práctica.

Pero é que, ademais, outro estudio publicado no mesmo número do “British Medical Journal” analiza a fiabilidade da bibliografía cando se trata de traballos financiados pola industria farmacéutica, e indica que é virtualmente imposible elixir o fármaco adecuado mergullándose na biblioteca, xa que incluso as publicacións en revistas con avaiadores externos están nesgadas por diversos factores. Por exemplo, existe unha tendencia das compañías privadas para publicar só os resultados que lles son favorables, escondendo outros resultados que poden ser cientificamente correctos, e moi interesantes, pero que non lles convén airear. Isto non ocorre, sen embargo, coa investigación financiada por outras fontes.


Perdedores e gañadores

Con esta prostitución do proceso de creación científica todos perden, empezando polos pacientes. Estas medias verdades son financiadas polas grandes compañías, distribuídas polos visitadores médicos e dispensadas polos médicos a todos nós. Uns perden credibilidade e outros a saúde. Moitos laboratorios das nosas universidades non teñen máis remedio que aceptar suculentas ofertas das grandes compañías farmacéuticas para seguir investigando, xa que os gobernos son extremadamente inútiles para comprender que a investigación científica é algo que nos beneficia a todos.

A mellor solución e convencer aos políticos de que o investimento en ciencia é beneficioso para todos. O problema é que as ciencias básicas funcionan a longo prazo, pero os políticos non.


Bibliografía

Pharmaceutical industry sponsorship and research outcome and quality: systematic review
Joel Lexchin, Lisa A Bero, Benjamin Djulbegovic e Otavio Clark
BMJ 2003; 326: 1167-1170.

Evidence b(i)ased medicine—selective reporting from studies sponsored by pharmaceutical industry: review of studies in new drug applications
Hans Melander, Jane Ahlqvist-Rastad, Gertie Meijer e Björn Beermann
BMJ 2003; 326: 1171-1173.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org