culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Atrapando moscas

Caemos nun mundo de preguntas e respostas inmediatas. Por iso mesmo din que vivimos na globalización. Galicia, sobre todo nos meses de verán, ten moitas respostas pero poucas preguntas. O comentario vén a conto desta presentación das diversas exposicións que, para os meses de agosto, se van desenvolver no territorio galego, porque como outras moitas veces é difícil seleccionar, canto máis na colectividade.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A miña aposta de mostras “agostiñas” funciona como unha colectiva de varios artistas que, así mesmo, se agrupan en colectivas e individuais; como sortes de ligazóns. Deixando a función de cazabolboretas, agora toca atrapar moscas, que sempre resulta máis infantil, ou polo menos intrigante; ou, alongando a tarefa evolutiva mellor axotamos moscas para ver as bolboretas. Non sabemos se será unha constate ou tema dunha tese pero o que si é certo é que nos meses estivais o pulso expositivo galego pega un brinco. Sabemos que a maioría das galerías pechan en agosto, cando a súa efectividade sería relativamente escasa, deixando os alentos para as institucións que collen folgos cheos, almacenados durante o inverno para vertelos todos nestes meses. Curiosa estratexia, que por outra banda é a mesma en moitas das cidades peninsulares.

De aquí e de acolá
Neste avance ou, digamos, miradoiro, non comentarei aquelas mostras das que xa falei e que, así mesmo, continúan abertas neste mes de agosto. Gustaríame determe naquelas que comezaron nestas datas ou o farán nunhas inmediatas, como mañá o Museo do Mar ou o día 3 de agosto o certame Novos Valores. Buscando un criterio sinxelo, por aquilo de que cada quen faga a súa propia selección ó final, vou estructurar as mostras en proxectos individuais e proxectos de tese colectiva, e se son ou non de revisión histórica. Entre as exposicións que apostan por unha revisión ou nova ollada a un pasado, en moitos casos aínda recente, están as respostas das institucións museísticas. O Museo de Ponetevedra, pouco antes de iniciar a súa remodelación, ensina a súa propia historia cunha interesante “75 obras para 75 anos” no Edificio Sarmiento, mentres, o Pazo da Cultura da mesma cidade realiza unha homenaxe “Os pensionados da Deputación de Pontevedra (1864-1933)”. Caixa Nova arrímase ó galeón da historia e, baixo o comisariado de Román Pereiro presenta a mostra “A batalla de Vigo: Prólogo dunha guerra” na súa aínda fresca sede do Centro Social de Vigo.

Malia que as mostras de tese, que xiran e apertan nunha mesma dirección, son as que máis abundan ou, polo menos, as que se esforzan en facerse ver. A Fundación Luís Seoane con “A construcción do espectador” nunha revisión da colección La Caixa ou o CGAC con “Pegadas de luz” nesa ollada crítica da súa colección. Mención á parte merece o Museo do Mar de Galicia cunha programación moi ambiciosa baixo o epígrafe “A Mares”; a partir do próximo 30 deste mes a mostra “O espello do mar: a temática marítima na arte galega (séculos XIX-XX)” nun achegamento pioneiro e moi complexo da iconografía mariña na arte galega. Sobresae o Colexio de Fonseca e a Igrexa da Universidade da Santiago de Compostela cunha mostra excepcional, única pola súa interrelación creativa, nunha achega á figura de Ángel Valente coa mensaxe “A palabra e a súa sombra”. O Museo das Peregrinacións con “De Fisterra a Xerusalén: Exeria e os primeiros peregrinos cristiáns” segue nun proceso de investigación do fenómeno, historia e actuacións da peregrinación. Pola súa banda, o MARCO con “Agrupémonos todos” e “Indisciplinados” ofrece un novo pretexto para visitar Vigo nestas datas, sobre todo a segunda delas con obras moi imaxinativas; antes de saírdes, pasade polo Marcelino Pan e Viño.

As mostras de revisión histórica de autores, como realiza Caixa Galicia, na súa sede coruñesa, coa figura de Urbano Lugrís, o pintor que se mergulla como unha serea á busca de barcos e mariños de aventuras. O Museo de Belas Artes da mesma cidade coa figura de Arne Jacobsen realiza unha aposta moi intelixente de revisitar a vangarda internacional, como fai o MACUF coa modernidade de Modest Cuixart, membro do mítico grupo “Dau al Set”. Caixanova prosegue na súa liña de reconstruír, en figuras individuais, a historia da arte galega do século XX, neste caso coa pintura de Mª Victoria de la Fuente no espacio Gagos de Mendoza de Pontevedra.


Máscaras de verán
Logo atopamos a vertente expositiva de propostas actuais, todas nunha heteroxeneidade case carnavalesca. Caixa Galicia en Santiago eleva a Xurxo Lobato no seu traballo “Galicia Camiño Celeste” en fotografías panorámicas, e, no Café Moderno de Pontevedra, recolle os traballos en vidro de Julia Ares na súa suxestiva “Aqua”. A Sala dos Peiraos de Vigo, prosegue o seu seguimento ás “Malas Artes 2003”, agora coa mensaxe “Arquitraves”, baixo o comisariado de Xosé Manuel Buxán. O Museo de Belas Artes da Coruña, acompañando ó citado Jacobsen, percorre as fotografías de “Rituais en Tahití” de Cristina García Rodero; carne pura. Miradas Virxes prosegue a ruptura visual máis nova, agora da man das pinturas de Tatiana Medal, mentres o CGAC analiza e retrata a obra de Manolo Moldes, artista intranquilo, e molla de escuridade no desvelo cotián de David Claerbout. A Casa da Parra sorprende coa exquisita obra fotográfica “Órdenes” de Juan Rodríguez e a galería C5 Colección de Santiago, unha das únicas que permanece aberta en agosto, presenta a última obra de Manolo Sendón, reunida en pequenos “Anacos”.

Agora toca desprender, o mensaxeiro recolle sombra durante o mes de agosto. Vémonos nas inauguracións, nas mostras ou na beira de praias con nécoras verdes, trigueiras, como Rosa Aneiros; a benvida para as fascinantes ás de Anxos Sumai, cor améndoa. Todo, seguro, irá mellor.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org