culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

A entrada lateral

Na confluencia está o logro de moitos programas expositivos temporais dos museos, pero tamén a súa desvirtualización. Neste dilema sitúanse, nestes días, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo Provincial de Lugo, a Fundación Luís Seoane, o Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa e o Museo de Pontevedra, coa presentación de varios proxectos expositivos en diálogo. Prego que non se note, pero este mensaxeiro comeza a abarcar moito, ¿será tempo de lecer?

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Se nos distanciamos da realidade dos centros de arte actual, mesmo das galerías —por estas datas preparando o seu descanso por vacacións— o interese expositivo reside nos museos e nas fundacións. Non sempre esta dirección queda tan clara, pero neste verán de 2003 está moi definida. Como xa comentamos noutras ocasións a verdadeira aposta destas institucións é a vontade de conservación, de apertar ou construír cunchas ó redor dunha figura destacable da cultura. O debate entre a colección e a reflexión temporal ofrece un segundo percorrido que enriquece nunha viceversa toda a institución, algo que loxicamente oscila dependendo da calidade expositiva, non sempre nun nivel ou equilibrio constante. Debemos pensar que, ante todo, son museos e a mirada é histórica, non sei se o digo para xustificar algún exemplo existente, pero é que non sei como explicalo doutro xeito. Malia que, ás veces, o concepto de museo desvirtúase moderadamente, converténdose en simples salas de exposición institucionais, esquecendo que están unidas e dependen dunha nai á que deben mirar e respectar.



Pezas soltas

Na canle máis novidosa atopamos a Fundación Luís Seoane, que acaba de aparcar a súa nova sede na beira dun mar mercantil. Despois da mostra “Seoane e a vangarda”, a seguinte aposta reflexiva, máis nunha liña actual, chega da man de Manuel Segade con “A construcción do espectador” que ocupa a sala de exposicións temporais na planta baixa, a mesma que se descobre despois dun paseo entre ringleiras de luscofuscos. A mostra pretende ser un achegamento á relación entre o visitante e a obra de arte, mediante unha interacción de intereses, analizando o nivel de confluencia e cuestionamento; para o cal se fixo unha selección de obras da impresionante colección La Caixa, con pezas fotográficas de Andreas Gursky ou Gunther Förg, esculturas de Juan Muñoz ou Rachel Whiteread e os vídeos de Bill Viola e Bruce Nauman. Dilatar a sombra experimental e vangardista de Seoane, sinxelamente poñéndolle novas facianas.



Os museos logran a fusión da visita turística, que segue o plano coa devoción dun drogadicto, e os visitantes adoutrinados, que perseguen un pulso máis caloroso, paralelo. O Museo de Pontevedra (coa Deputación de Pontevedra) concentra a súa forza nos meses de verán presentando unha serie de mostras de variada natureza, obxectivos similares pero diferente orixe. Hai unha semana celebraba o seu setenta e cinco aniversario coa inauguración da mostra “75 (obras) para (75) anos”, reunindo unha selección das obras máis representativas da súa colección, desde pezas da Prehistoria ata a actualidade, pasando polo obras barrocas e o rexionalistas, entre outras. De contido similar, actuando de homenaxe, a propia Deputación organiza unha mostra no Pazo de Cultura de nome “Os pensionados da Deputación de Pontevedra”, onde se recollen os traballos dos artistas que se beneficiaron da axuda da institución, onde atopamos nomes significativos da nosa plástica como Asorey ou Colmeiro. Pero, como falamos, na chispa de actualidade é onde situamos o latexo de vida, e o propio museo sábeo, por iso cada ano organiza unha edición do certame de Novos Valores, que este ano se localizará nas salas de exposición da Facultade de Belas Artes.



No lombo da memoria

Hai uns días falabamos do Museo Provincial de Lugo, con motivo da interesante exposición de Mónica Alonso, cor na memoria caduca. Hoxe proseguen as pílulas de frescura con Álvaro de la Vega, Emilia Salgueiro ou o grupo Vinte. Tamén recolle forzas todo o ano o MACUF para esta época coa mostra de Modest Cuixart, na súa cita cos mestres da vangarda peninsular, unha das aposta máis firmes de verán. Aínda que os outros exemplos máis salientables destes meses localízanse tamén na Coruña, no Museo de Belas Artes, que triunfa plenamente coas mostras de Cristina García Rodero e Arne Jacobsen. Exposicións, que malia seren proxectos itinerantes, resultan sobresaíntes, incluso, insisto, na súa sorte de parella de feito. As salas repártense para aloxaren as dúas tormentas, de vivencia e vangarda respectivamente. A representación dos sentidos, bañados polo sangue e pola auga, frenesí danzante, das fotografía de “Rituais en Haití” dunha García Rodero excepcional, curandeira de belezas puras, conxeladas nun camiñar exaltado. Arne Jabosen, disciplinado, universal, presenta unha impecable colección de pezas e proxectos, diante de panos pedagóxicos.



No epílogo resiste a lóxica dunha colección, que peta no lombo de directores e responsables; diante dos ollos un mundo de alternativas. A entrada lateral está aberta, tempo de camiños paralelos.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org